O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado territorial da Organización Nacional de Cegos Españois en Galicia, Manuel Martínez Paz, asinaron a semana pasada unha adenda ao convenio de colaboración para prestar atención especializada a 352 alumnas e alumnos con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia. A través deste acordo, a Consellería destinará máis de 198.000 euros para que seis profesores do corpo de mestres desenvolvan as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestando apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en Educación Primaria, 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de educación especial. Deste xeito facilítase o acceso do alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios aos recursos tecnolóxicos e a transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares, co fin de favorecer a súa inclusión educativa no marco dunha atención especializada e axeitada ás súas necesidades. Esta unión dos recursos humanos da Consellería cos recursos materiais da ONCE responde ao cumprimento do compromiso fixado polo departamento autonómico a partir da publicación do Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da comunidade galega; e que se ve reflectido en diferentes colaboracións do departamento educativo da Xunta con entidades especializadas na atención a diversos colectivos.