O programa Desenredando a Rede da Televisión de Galicia (TVG) falará hoxe dun tema cada día máis presentes nos medios de comunicación: o ciberbullying. Os expertos explicarán as armas legais e psicolóxicas para poder loitar contra esta lacra.

Ademais, a sección I+D+I achegarase ao mundo da nanoteconoloxía, con profesionais galegos que traballan creando dispositivos moi pequenos pero moi útiles, e Piruca e Marichita falarán da súa vida e de como chegaron a convertirse en youtubers.

Por último, os cativos que protagonizan a sección Nan@s analizarán un walkman e os reporteiros preguntarán a pé de rúa por termos tecnolóxicos como PewDiePie.

'Zigzag diario'

Por outra banda, a escritora e presentadora da Televisión de Galicia (TVG) María Solar volve, tamén hoxe, ao ZigZag Diario, desta volta como entrevistada para falar da súa última novela, Os nenos da varíola, baseada na historia real dos 22 nenos que saíron de Galicia na expedición do doutor Balmis, que levou a vacina da enfermidade a América a comezos do século XIX.

Ademais, no programa cultural da TVG 2 os espectadores poderán ver hoxe unha reportaxe en torno á antoloxía No seu despregar, que reúne as autoras máis novas da poesía galega. Aínda no ámbito literario, o espazo cultural abordará a publicación do manuscrito de De catro a catro do poeta das vangardas galegas Manuel Antonio.