Nesta edición o xurado tivo que avaliar algún traballo menos que o ano pasado. Esperemos que esta tendencia á baixa poida superarse neste ano de cara á décimo sétima edición dos galardóns.

En canto ás propostas artísticas realizadas seguimos atopando unha grata variedade estilística, algo que acontece xa dende hai bastantes anos.

O álbum que aparece en todas as candidaturas é o Fake dos Talabarte. Na súa ópera prima acadaron dous lugares no cadro de finalistas e nesta ocasión superáronse, ao facer pleno e contender en mellor álbum, tema orixinal e lograr Pedro Pascual os votos necesarios para ser finalista na categoría de mellor artista. A peza destacada é da autoría de Quim Farinha. O trío foi elixido para actuar no concerto inaugural do Womex, celebrado en outubro pasado en Compostela, onde deixaron moi boas sensacións.

Tardaron un pouco en editar o segundo álbum e finalmente o 2016 puido ser un ano que marque o futuro da formación, unha proposta diferente no panorama musical do país, que optará a engadir o seu nome no palmarés dos premios.

Alonso Caxade consegue dous nomeamentos entre a lista de finalistas, pola canción Nábia e como artista. Nesta última categoría é a terceira vez que aparece na historia dos galardóns, dos que xa resultou gañador na décimo terceira edición. Agora ten dúas novas posibilidade de se levar unha estatuíña a casa polo seu desempeño no segundo álbum da banda que lidera. Anteriormente acadara candidatura como artista co labor realizado no trío Pel de Noz, cos que tamén foi finalista como mellor disco.

Outro nome que apareceu varias veces estes anos entre os músicos destacados nos premios é Fernando Barroso, quen agora engade a súa primeira presenza na categoría de mellor artista. Con Trim logrou os recoñecementos de mellor álbum e canción ( Capsicum Modum), premio que recolleu na gala canda Pedro Fariña.

Facendo dúo con Luís Peixoto logrou ser finalista no apartado de disco do ano con Pop e formando parte de Assembly Point logrou outra designación ao álbum e viu como o seu compañeiro Peixoto lograba o galardón ao tema orixinal con Jumping Bits. O ferrolán debutou o ano pasado como solista con Intropía.

Germán Díaz xa sabe o que é vencer no apartado de mellor artista a primeira vez que contendía, categoría na que recunca nesta edición. Ademais, o disco elaborado coa Brigada Bravo&Díaz tivo o beneplácito dos membros do xurado para coarse entre os elixidos cunha obra baseada en pezas populares que tiveron repercusión no período en que aconteceu a I Guerra Mundial, á que o dúo achega os seus arranxos particulares con zanfona e guitarra como protagonistas.

Finalistas debutantes

Que aparezan novos nomes entre os escollidos nesas tres categorías que se outorgan nos premios sempre é un bo sinal de que existen propostas variadas de interese no panorama musical galego.

Tardou moitos anos a cantante Rosa Cedrón en publicar o segundo disco como solista, no que ofrece unha variedade estilística, e de idiomas no canto, que rompe coas formas do seu pasado artístico. Entre as cancións da obra salientouse o valor musical de Benditas feridas.

Xoán Curiel editou en 2016 Ecuacións, o seu cuarto traballo discográfico, co que aparece por primeira vez entre os finalistas e, ademais, é quen de facelo por partida dobre, ao ter disco e canción entre as candidatas a alzarse cun dos galardóns. Xosé Lois Romero tamén é un nome coñecido nos premios, polo seu labor con Nova Galega de Danza, e o seu novo proxecto con Aliboria entrou con posibilidades de vitoria como mellor disco de raíz do ano.

Mellor tema orixinal

NÁBIA

Intérprete: Caxade

Quizais haxa algún tema máis coñecido no traballo do grupo, mais o xurado optou por valorar o gusto exhibido nesta canción delicada que se deixa escoitar con moito agrado.

BENDITAS FERIDAS

Intérprete: Rosa Cedrón

O traballo da artista revélase como ecléctico no novo álbum. Esta bonita peza é un dos momentos máis logrados e remite máis á estética que empregara no seu debut como solista.

ECUACIÓNSIntérprete: Xoán Curiel

A peza que dá título ao álbum foi a elixida para optar ao galardón. Unha canción feita con sensibilidade que dá unha medida do que pode ofrecer o cantautor como compositor.

►LOCH NIS

Intérprete: Talabarte

Unha bela composición do violinista Quim Farinha inspirada, o título non engana, nos aires musicais escoceses. Un tema no que se aprecia o bo gusto musical do autor.

Mellor artista

CAXADE

Non é novo nestas lides o músico amesán. O recoñecemento do xurado é polo seu labor creativo no segundo disco da banda á que dá nome. Músico con amplas miras musicais que se reflicten no seu traballo.

FERNANDO BARROSO

Nos últimos anos amosou un alto nivel de creatividade que reafirma co seu debut como solista. Non é descoñecido no palmarés dos premios, mais neste apartado é a súa primeira candidatura de finalista.

GERMÁN DÍAZ

Nova aparición neste apartado do brillante músico nado en Castela, que xa se sente como un galego máis despois de tantos anos vivindo na nosa terra. Do seu maxín non paran de saír novas ideas e proxectos.

PEDRO PASCUAL

Leva anos amosando que é un músico dotado que sabe presentar con tino as súas composicións, No álbum dos Talabarte, o acordeonista asina varias pezas que o levan a ocupar un lugar neste cuarteto finalista.

Mellor disco

Xosé Lois Romero&AliboriaIntérprete: Xosé Lois Romero & Aliboria

O debut desta formación logra este lugar por mor da súa forza expresiva vocal e un valioso tratamento das percusións en clave tradicional galega.

Ecuacións

Intérprete: Xoán Curiel

É importante que aparezan cantautores con gusto que acheguen propostas estéticas variadas e que á hora de compoñer saiban non afastarse totalmente das músicas de raíz.

Músicas populares de la Gran GuerraIntérprete: Brigada Bravo & Díaz

O dúo de zanfona e guitarra ofrece unha recreación persoal de temas que foron populares no período en que tivo lugar a Primeira Guerra Mundial.

FakeInterprete: Talabarte

Trío con moita bagaxe musical detrás que saben plasmar na súa obra. Segundo álbum dun proxecto ben traballado que abriu un vieiro sonoro de interese no noso panorama musical.