-Como recibiu o premio?

-Sempre considerei que escribo novelas para adultos e sorprendeume moito este premio concedido por rapaces.

-Os nazis, cuxas pegadas en Galicia examina, semellan exercer fascinación nos escritores...

-Recoñézoo. Cando me enteirei da presencia dos nazis, que foi un pouco de casualidade, e me puxen a investigar, porque primeiro investiguei ano e medio e despois escribín, mostreime sorprendido. E a mesma sorpresa leva quen empeza a ler a miña novela.

-Os xurados argumentan que valoraron sentirse coma investigadores. Non ten tamén o escritor, vostede mesmo, como di o seu protagonista, "alma de detective"?

-Si que teño. A investigación que fai Reina realmente fíxena eu, o que pasa é que considerei que precisaba a un protagonista diferente e situei a un personaxe un pouquiño vividor, lixeiro e con alma de detective para investigar os feitos. Todos temos algo de detective, sobre todo cando procuramos algo que nos interesa.

-A Reina gústalle ler pero admite que non todo está nos libros...

-A sabedoría non só está nos libros: están a experiencias, as historias, as vidas, está máis ben nas persoas. A cuestión é que algúns teñen capacidade para transmitilo, é un don. Aproveitemos as historias dos vellos, as historias do pasado, porque aí hai moita vida e moita novela.

-Como ve a literatura galega?

-Creo que é unha literatura potentísima pero ten o problema de poucos lectores. En Galicia lese moito pero maioritariamente en castelán. E ten outro problema, que ese poderío normalmente non traspasa fronteiras. Non hai axentes literarios, non hai editores que aposten por traducir a outros idiomas, e vexo que nos colocan, que nos venden, literaturas que veñen de fóra, por exemplo de autores nórdicos, que hainos aquí tan bos, pero non somos capaces de traspasar fronteiras.