O programa Pescadores de historias da Televisión de Galicia (TVG) recala no Pindo, na localidade coruñesa de Carnota, onde se recolle boa parte da cría do mexillón que se engorda nos polígonos de bateas de Galicia. X.H. Rivadulla Corcón conversará cunha das primeiras mulleres en recoller a mexilla, María Vázquez, quen lembrará como durante un tempo foi a única que se dedicou a esta actividade, soa nas rochas batidas polo mar.

A venda da cría do mexillón supón agora un recurso moi importante para as xentes do mar do Pindo, como contarán a secretaría da confraría de pescadores Merche Díaz e outras mariscadoras, que amosarán como é a súa xornada de traballo. As cámaras do espazo da TVG seguirán ata as rochas á Elena García, unha das máis veteranas, ou a Nando Caamaño. Os dous recollen, ademais, outros mariscos coma percebe, ameixa ou poliqueto.

Os espectadores coñecerán tamén a Carme Formoso, unha mariscadora xa retirada que bota moito de menos ir a mexilla, e que cura a nostalxia axudando as compañeiras a carrexar os sacos cos moluscos no seu tractor.

'Grandes lugares' e 'A Revista'

Por outra banda, a TVG emitirá tamén hoxe unha nova entrega de Grandes Lugares, na que o equipo do programa volve percorrer Galicia na procura dos veciños máis auténticos e dos mellores lugares para vivir.

Os espectadores coñecerán Vilamartín de Valdeorras, na provincia de Ourense, que destaca polo seu folión. Os reporteiros tamén estarán na provincia de Pontevedra, para visitar Santa María de Xinzo, no concello de Ponteareas. E por último, viaxarán ata Vilariño de Conso, un concello que ten moito que ofrecer a quen vive alí.

Ademais, en A Revista Fin de Semana soará hoxe o rock, xa que estarán no estudio Sabela Sampedro e Paula Rego, guitarrista e batería de Agoraphobia, que acaban de recibir o Premio Martín Códax á mellor banda de rock. O recoñecemento do mundo da música galega chégalles cando están a traballar na gravación do seu primeiro disco, despois de catro anos recollendo éxitos cos seus EP.

María Solar conversará tamén co experto en novas tecnoloxías e redes sociais Marcos Fernández sobre as últimas noticias neste ámbito, como a caída do servizo de mensaxería WhatsApp durante tres horas a madrugada do xoves ou as medidas anunciadas por Facebook para evitar a difusión de vídeos con contidos violentos. Os reporteiros do programa estarán en Ourense para trasladar aos espectadores o ambiente que se vive nas rúas da cidade na festa dos Maios.