O lendario Pico Sacro acolleu onte o encontro co que se clausurou a cuarta edición do programa de dinamización lingüística Dragal, e que emprazou aos 313 estudantes e 22 profesores dos seis centros educativos participantes para pechar as actividades programadas e desenvolvidas durante este curso escolar. Á entrega de premios e de diplomas acudiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e mais o delegado territorial Ovidio Rodeiro, quen lembraron que os obxectivos de Dragal son "promover a lectura, a investigación e a creatividade na lingua propia de Galicia". García salientou ademais que os traballos premiados nesta edición e o desenvolvemento das actividades durante esta xornada de encontro mostran que se están conseguindo os propósitos marcados. Con eles, interviñeron no acto o alcalde de Boqueixón, Manuel Fernández; o director da empresa colaboradora Ramsa, Rafael Fuentes Martín; e a escritora Elena Gallego.

Alumnado de seis centros educativos -o IES Antonio Fraguas Fraguas de Santiago, o IES Maximino Romero de Lema de Baio, o CPI de Castroverde, o IES Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e o CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis- e o profesorado que coordinou a súa participación no proxecto asistiron onte ao acto celebrado no Pico Sacro. O actor César Cambeiro, que tamén participou como relator nas sesións que acolleron os centros de ensino ao longo do curso, compartiu con eles lendas que rodean este monte máxico e, logo dunha caracterización conxunta como cabaleiros e donas da Fraternidade de Dragal, todos participaron nun xogo de rol no que tiveron que superar probas de toponimia, de habilidade e de loita dialéctica.

O alumnado dos IES Maximino Romero de Lema e Marco do Camballón ofreceulle ao resto de asistentes unha mostra de regueifa. A xornada rematou cun encontro coa escritora Elena Gallego, autora da saga literaria en que se basea Dragal, e mais coa entrega, tanto dos diplomas de participación no programa como dos premios dos dous concursos que se desenvolveron na presente edición: o de viñetas e o de finais alternativos para a primeira novela da saga.

Os vencedores do premio de viñetas foron Iria Pose, do IES Maximino Romero de Lema; Helena Silva, do CPI de Castroverde, e Roi Fandiño, do CPI Aurelio Marcelino Rey García. Os galardóns do concurso de finais alternativos recaeron en Sara Pato e Rosalía Soto, do IES Antonio Fraguas Fraguas, e Breogán Rey, do IES Marco do Camballón.

Neste curso, o programa de dinamización lingüística Dragal, que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través dos equipos de dinamización da lingua galega de centros de ensino secundario, chegou á súa cuarta edición.

O alumnado comezou a traballar no primeiro trimestre na lectura e análise da primeira entrega da saga Dragal, para despois ocuparse da dragalización ou ambientación novelesca do seu centro educativo e mais da elaboración de vídeos de presentación con que darse a coñecer ao estudandato doutros centros participantes.

O programa Dragal incluíu, ao longo do ano escolar, encontros coa escritora Elena Gallego, obradoiros de lendas e de toponimia, así como os concursos cuxos premios se entregaron onte e actividades de investigación e de creación arredor do patrimonio inmaterial galego.