'O Himno por Andrea Pousa' conmemora o centenario do pasamento de Pondal

O proxecto audiovisual actualiza o himno galego con arranxos musicais de Nani García e inclúe un documental, dous 'videoclips', un 'making of' e unha unidade didáctica

02.06.2017 | 00:50
Asistentes á presentación do proxecto ´O Himno por Andrea Pousa´.

O proxecto audiovisual O Himno por Andr ea Pousa conmemora o centenario do pasamento de Eduardo Pondal, autor da súa letra, e o 110 da estrea do himno galego no Teatro Nacional da Habana. O Pazo de San Roque acolleu o mércores o acto de presentación, no que participaron, canda aos seus autores, Enrique Domínguez (O Bruxo Queiman) e Andrea Pousa, os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, e a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.

García Gómez sinalou que Galicia "ten himno e escudo de seu como, que son, coa bandeira, os símbolos nos que todos os galegos nos recoñecemos". Mais, na súa opinión, o himno ten unha particularidade que o une á cerna de Galicia: está feito de música e de palabras, é "poesía en galego".

O titular de Política Lingüística destacou que se fala moito da importancia da imaxe pero a palabra poética pode ser "impactante e emotiva". "A lingua, que unha persoa pode levar consigo sen que aumente o peso da maleta mesmo na travesía da emigración, é un elemento identitario fundamental. O himno galego únenos aos galegos. de Galicia e aos da emigración", destacou. Valentín García explicou que o himno é elemento de unión porque "está escrito na lingua en que todos nos recoñecemos, que é creación orixinal e única do pobo galego", ademais de polo feito de que "se xestou e se estendeu como himno identificador co empuxe dos galegos de Galicia e dos galegos de América". Así, concluíu que este proxecto "coloca no seu centro o himno galego, a divulgación da súa historia e unha interpretación renovada da composición". O acto, que foi conducido polo xornalista Terio Carrera, contou coa participación do presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o músico Nani García; o presidente da Asociación Santo André de Teixido, Ramón Tudela; o presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé Lois García; e o cronista Antonio Reigosa.

O proxecto audiovisual O Himno por Andrea Pousa revisa e actualiza o himno galego composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga con arranxos musicais de Nani García. Inclúe un documental, dous videoclips, un making of e unha unidade didáctica para ensino primario e secundario. O documental está baseado en entrevistas con fundacións de autor galegas (Eduar do Pondal, Curros Enríquez, Rosalía de Castro...) e a destacados persoeiros da cultura e da lingua galegas (Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Antonio Reigosa...).

Os videoclips conteñen a interpretación do himno galego por Andrea Pousa, acompañada pola Macedonian Symphonic Orchestra e outros músicos de Galicia, con arranxos de Nani García.

Pola súa banda, o making of dá conta das diferentes rodaxes

e visións sobre o novo proxecto, mentres que o libro recompila información acerca da historia do himno a través doutras 18 entrevistas.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine