En recordo ao actor arxentino Federico Luppi, a Televisión de Galicia (TVG) ofrecerá hoxe á noite, ás 23.50 horas, a estrea da película galego-arxentina Inevitable, do director Jorge Algora. Trátase da última longametraxe participada pola canle autonómica en que interveu o recoñecido artista, falecido a semana pasada.

Inevitable é un drama romántico con sabor agridoce, que describe as sensacións amorosas nas distintas etapas da vida. A trama da longametraxe arranca en Santiago de Compostela, nos anos 50 e desemboca co paso do tempo na capital arxentina, onde se producen reencontros e balances de vida. A música creouna o grupo galego Berrogüetto e o guión baséase na obra de teatro Cita a ciegas, de Mario Diament.

Coproducida por Adiviña Producións e pola arxentina Zarlek Producións e participada pola TVG, o Ministerio de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), conta cun elenco de gran prestixio encabezado por Federico Luppi, Darío Grandinetti, Mabel Rivera e Antonella Costa.

Cómpre salientar que con Inevitable levouse por primeira vez a unha sala de cine a autodescrición para persoas cegas, que puideron seguir a trama do filme cunha aplicación especial para móbiles chamada AudescMobile.

'ADN Galego'

A TVG tamén ofrecerá hoxe unha nova entrega do programa ADN Galego, que realizará un percorrido por Toledo, a capital de Castela-A Mancha, coñecida como a "cidade das tres culturas": musulmá, xudía e cristiá; e varias vilas dos arredores como Seseña Nuevo, Ajofrín e Nambroca.

Toledo, coa zona histórica máis extensa de España, garda moitas sorpresas. A igrexa de Santo Tomé de Toledo alberga no seu interior o famoso cadro do Greco O enterro do señor de Orgaz e moi preto de alí, na igrexa do Salvador, bautizouse a raíña Xoana I de Castela, máis coñecida como Xoana a Tola.

Os protagonistas desta semana teñen tamén moitas historias ás súas costas: Luís, coñecido como o toureiro de Santa Comba; Maruxa, unha bailarina de ballet moi rockeira; Carlos, o párroco da parroquia de Santo Tomé que oficia a misa en latín; Vanessa Veiga, unha atleta galega Olímpica nos Xogos de Londres 2012; Pedro Javier, un vendedor de cupóns da ONCE que percorre os municipios no seu coche; Mónica, a propietaria dunha sala de concertos no que antes era unha igrexa; Fernando, o gaiteiro que dirixe o único grupo de gaita galega de Castela-A Mancha; Nucho Cameselle, o porteiro do equipo filial do Toledo B e Santiago Agulleiro, o escritor do libro Filo Mortal, que deixou o seu Vimianzo natal por traballo e rematou en Toledo por amor.