Un ano máis son as voces femininas as que se fan cos premios do certame de dinamización lingüística Lingua de Namorar, que convocan conxuntamente as consellerías de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Política Social, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Os dous departamentos fixeron público onte o ditame do xurado desta sexta edición da iniciativa, que dobrou considerablemente a participación da mocidade con respecto a todos os anos anteriores e chegou aos 1509 mozos e mozas. 704 concorreron ao concurso coas súas declaracións de amor en galego, 488 na categoría A (de 14 a 19 anos) e 216 na categoría B (de 20 a 35 anos); 805 en total, votaron as súas favoritas.

De entre as 50 máis votadas en cada categoría, resultaron gañadoras do primeiro premio na categoría A Nee Barros (Marín), pola mensaxe Muiñeira; do segundo Ania Ferreira (Vigo), pola mensaxe Tes lume? e do terceiro Uxía Martínez (Vigo), pola mensaxe Amor adiantado. Na categoría B fixérono do primeiro premio Teresa Pérez (Lousame), pola mensaxe Infinito; do segundo Aitana Iglesias (Narón), pola mensaxe Fagamos melodía e do terceiro Iria Carreira (Arzúa), pola mensaxe Terroristas.