O Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente Rosalía-Abanca alcanza por primeira vez a cifra de 1.000 lectores galegos e europeos participantes no mesmo e logra involucrar a totalidade dos institutos de ensino secundario da capital de da comunidade galega. Trátase das dúas principais novidades desta XXIII edición do galardón, que dan conta da boa acollida desta iniciativa impulsada desde a Asociación Cultural Instituto Rosalía de Castro en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais co patrocinio de Abanca.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director do IES promotor, Ubaldo Rueda, presentaron os detalles do acto de entrega de premios que acollerá o propio centro educativo o vindeiros 1 e 2 de marzo, días no que Xosé Monteagudo, Ralf Rothmann e Fernando Aramburu recollerán cadanseu galardón concedido polo alumnado e debaterán cos/as participantes.

García Gómez salientou que "a participación desta iniciativa de prestixio e recoñecemento para a literatura escrita na lingua propia de Galicia desde a comunidade educativa adquire unha nova dimensión, ao tempo que medra a colaboración institucional coa implicación de todos os institutos composteláns, que se suman ás doutros institutos galegos e estranxeiros que viñan participando ata o momento".

García e Rueda estiveron acompañados polos directores dos restantes IES composteláns participantes, representados por Manuel Portas, do IES Arcebispo Xelmírez I; por Ana Mª Alonso, do IES Arcebispo Xelmírez II; e por Carlos Enrique Encisa, do IES Antón Fraguas.

Na edición XXIII do Premio Literario Arcebispo Juan de San Clemente, o Premio en Lingua Galega recaeu en Xosé Monteagudo, pola obra Todo canto fomos (Ed. Galaxia); o Premio en Lingua Castelá en Fernando Aramburu, pola obra Patria (Ed. Tusquets); e o Premio en Lingua Estranxeira en Ralf Rothmann, pola obra Im Frühling sterben/Morrer na primavera (Ed. Suhrkamp).

Como principal novidade nesta edición, o certame alcanza o milleiro de lectores e lectoras de ensino secundario e consegue involucrar nesta ocasión a totalidade dos IES da capital galega que ofrecen estudos de bacharelato, ), que se suman aos centros educativos de Galicia e do estranxeiro que viñan participando ata o momento.