A Ribeira de salitre de Baiona é moi pescadora, non só é mar de navegantes. Na súa Confraría están rexistrados ao redor de 200 mariñeiros que traballan fundamentalmente as artes da nasa, os miños e os trasmallos e cincuenta mariscadores que traballan dedicados especialmente ao ourizo e ao percebe.

Imos pasear polo porto con Susana González, que é a patroa maior de Baiona. Ela é percebeira, e como compaxina as dúas ocupacións é do que nos vai falar, ademais das características deste porto e das cousas propias do oficio de percebeira.

Tito Martín é un mariñeiro experimentado co que imos saír ao mar, imos coñecer as augas da ría de Vigo, unha ría polo xeral amable cos mariñeiros que a traballan, pero tamén as veces ponse brava como comprobamos cando estábamos navegando con Tito, porque no medio da ría sorprendeunos a tormenta.

Logo, ao volver a terra, escoitaremos unha fermosa canción sobre Baiona. A canción nola trae o grupo de música tradicional Abobriga. Este grupo fai un continuo homenaxe a súa vila co nome que puxeron ao grupo, xa que Abobriga é o primeiro nome polo que se coñece este porto, na época precristián.

Lala González, que é percebeira, vainos cociñar unha empanada moi singular, pois está feita de pinto, e hai que comela con moito coidado, pois o peixe vai en toradas na empanada, con espiñas, pero isto fai que manteña todo o seu sabor, e fai desta empanada un verdadeiro pracer para o padal.

E non só comeremos empanada. Coa mariscadora Isabel González, nas propias rochas do mar, comeremos ourizos, directamente do mar. Isabel é mariscadora e nesta época dedicase ao orizo. Mentres damos conta duns ourizos, ela vainos falar do seu oficio e de todo o que este lle proporciona.

E nas rúas fermosas do casco antigo de Baiona entraremos nunha taberna para atoparnos co vello lobo de mar Suso López, que foi patrón maior deste porto, traballou toda vida o mar, e hoxe o bota moito de menos, e diso nos vai falar e de como ve o mundo do mar a día de hoxe, o diferente que é con respecto ao tempo no que el o traballaba.

Pero antes retrocederemos seis séculos na carabela La Pinta. No porto de Baiona atopamos unha fiel replica desta carabela, que foi a que chegou a Baiona no 1492, para anunciar ao mundo o descubrimento de América. A replica da pinta está aberta aos visitantes, e un dos seus guías, Zamorano, vainos explicar como era a vida a bordo dos homes que navegaron nela ata América.

A emisión deste capítulo será o domingo 17 de abril ás 15.30 horas na TVG.