'A Revista' falará hoxe da Festa do Asalto ao Castelo de Vimianzo cos organizadores

A vila acolle esta celebración o primeiro sábado de xullo - O motivo principal é a recreación das Revoltas Irmandiñas do século XV

21.06.2017 | 01:45

O Asalto ao Castelo é unha festa histórica que naceu hai máis de vinte anos en Vimianzo, na Costa da Morte, e o programa A Revista recibirá hoxe no estudio de gravación a un dos seus organizadores, Manuel Rial Santos. Desde 1996, a vila acolle esta celebración o primeiro sábado de xullo, aínda que co tempo foi medrando ata ocupar preto dunha semana de conmemoración. O motivo principal desta festividade é a recreación das Revoltas Irmandiñas que se estenderon por Galicia no século XV e conta con numerosas actividades para todos os públicos, feira artesanal, concursos, concertos, mostras ou obradoiros. O presentador Sevi Martínez tamén conversará coa fotógrafa e deseñadora Teresa Abalde, que repasará a crónica social.

Por outra banda, os reporteiros do programa estarán na rúa Nova de Lugo para coñecer de preto a campaña Días azuis do comercio galego, unha iniciativa da Federación Galega de Comercio e da Xunta en colaboración coas federacións provinciais, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de Galicia. Na campaña poden participar todos os clientes do comercio de proximidade da comunidade que merquen nestas datas. Entre eles sortearanse 16.000 euros en premios. As cámaras do magacín matinal tamén visitarán O Grove.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
Enlaces recomendados: Premios Cine