A Televisión de Galicia (TVG) ofrece esta sobremesa, ás 15.50 horas, un Especial Informativo centrado en Cataluña. Presentado por Marta Darriba e Alfonso Hermida, realizará un seguimento das novas derivadas da celebración do Pleno no Parlamento de Cataluña e no Senado, a dous días de que a Cámara Alta aprobe as medidas anunciadas polo Goberno para intervir a autonomía ao amparo do artigo 155 da Constitución.

No estudio de gravación, na mesa de análise contarase coa participación dos xornalistas José Luis Jiménez e José Luis Gómez, dos politólogos Ana Luísa Bouza e Xosé Luis Barreiro, e de Roberto Blanco Valdés, catedrático de Dereito Constitucional.

O especial terá dous puntos de directo, en Barcelona, onde estará Xosé Manuel Maseda, e en Madrid, cos xornalistas Xosé Manuel Ares e Luis E. Ramos, para informar sobre todas as reaccións que se vaian xerando.

'A Revista'

Por outra banda, o magazine A R evista acompañará a un grupo de 200 persoas que gozan hoxe das propostas de Depotermal, un programa de asistencia en balnearios que trata de fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas, favorecendo a participación en actividades e establecendo novas relacións sociais.

O espazo estará tamén, en directo, nas Salinas de Ulló, declaradas Espazo Natural Protexido Rede Natura 2000.