A Crtvg inicia hoxe unha campaña arredor do Día Mundial da Bicicleta. Co nome de #ViveABici, xirará arredor da saúde e a seguridade. Co gallo desta iniciativa, que durará toda a semana, A Revista estará este luns na gravación dun spot cos mellores ciclistas do panorama galego, como os históricos Óscar Pereiro ou Álvaro Pino. A gravación será no Polígono de Boisaca, en Santiago.

O magazine matinal da Galega estará tamén en Lalín co triple campión de España de xadrez. O programa aprenderá en directo do experto, que xogará varias partidas contra nenos.

E, no eido das entrevistas, estarán con Sevi Martínez os actores de Os fillos do sol, a TV movie que se estrea na TVG esta noite. Víctor Duplá e Rubén Riós falarán da rodaxe e das aspiracións desta nova produción.

Coma todos os luns, o médico Ignacio L. Balboa dará consellos médicos hoxe sobre como atallar os ictus. Carla Reyes achegará temas de igualdade e Diego Viaño as últimas novidades do tempo.