Camariñas, capital mundial do encaixe

Aspira a ser Festa de Interese Turístico Nacional | Haberá artesáns de oito países

Momento da inauguración da XXXIII Mostra do Encaixe.   | // LAVANDERIRA/EFE

Momento da inauguración da XXXIII Mostra do Encaixe. | // LAVANDERIRA/EFE / josé m. ramos

josé m. ramos

Camariñas será durante cinco días a capital mundial do arte dos bolillos con motivo da XXXIII Mostra do Encaixe Deputación da Coruña, que xunta este ano a palilleiras de oito países: Bulgaria, Eslovaquia, Francia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa e España. Baixo o lema Camariñas sorprende a vila quere reivindicar o encaixe tamén como un elemento de valor para dar a coñecer o municipio, ao igual que as festas, as tradicións, as paisaxes e a gastronomía da localidade.

Autoridades inauguran a XXXIII Mostra de Encaixe.   | // CONCELLO DE CAMARIÑAS

Autoridades inauguran a XXXIII Mostra de Encaixe. | // CONCELLO DE CAMARIÑAS / josé m. ramos

A declaración de intencións é clara: amosar que hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade e vangarda. O obxectivo é, por un lado, atraer ao público máis mozo e, polo outro, poñer o foco na vertente da moda máis que na da artesanía, que tamén está recoñecida. Un obxectivo desde o que se ideou o propio cartel, obra do deseñador galego afincado en Marbella Esteban Freiría, buscando un cambio de tendencia e imitando as cabeceiras de recoñecidas revistas de moda.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua; a vicepresidenta segunda do Goberno, Yolanda Díaz; e o director xeral de Comercio da Xunta de Galicia, Manuel Heredia, foron os encargados de cortar a cinta inaugural da Mostra do Encaixe. Yolanda Díaz destacou que “o país faise desde concellos como este e desde lugares tan fermosos como Camariñas”e confesou a “emoción e pracer” que supuxo para ela “estar aquí nunha ocasión tan especial”.

“Galicia é a miña terra, o lugar que amo”, dixo, e referiuse á Mostra do Encaixe como “un dos eventos culturais máis fermosos, populares e orixinais que poden existir, que define a Camariñas no mundo e que está intimamente relacionado co carácter feminino que ten Galicia”. “É o feminismo feito carne”, engadiu. Rematou o seu discurso destacando que “Camariñas é a capacidade, o talento e a lucidez para ser capaz de fiar unha tradición histórica. Camariñas é unha referencia no mundo”.

Pola súa parte, Manuel Heredia salientou a colaboración da Xunta de Galicia “para que esta Mostra poida ser un escaparate da artesanía galega” e deu os parabéns “ao Concello por impulsar un evento que é cita obrigada en Galicia cando se fala de moda”. “Estamos seguros de que esta edición sorprenderá e agardamos que supere todas as expectativas”. Subliñou tamén que este encontro artesanal exerce de motor de dinamización económica e turística, ademais de ser catalizador de remuda xeracional nun oficio tradicional.

A alcaldesa, Sandra Insua, aproveitou a presenza da vicepresidenta para pedir o seu apoio para que a Mostra do Encaixe sexa declarada como Festa de Interese Turístico Nacional. Cualificou a cita como “unha homenaxe ao encaixe. Unha festa para lembrar e poñer en valor o que somos: un pobo tecido, puntada a puntada, polas milagrosas mans dunhas mulleres con maiúsculas. As nosas palilleiras son un símbolo que transcende fronteiras e que viaxa, de xeración en xeración, para converterse en inmortal”.

Tamén quixo salientar que “hoxe en día a Mostra e o encaixe son sinónimos de modernidade” e que “en certo modo, é un acto de reivindicación do que é o feminismo. Estamos rodeadas de mulleres talentosas, valerosas, fortes, empoderadas e boas. Mulleres que foron capaces de transformar un elemento destinado á intimidade do fogar nunha peza de vangarda, que hoxe en día usan as grandes firmas de moda para darlle valor ás súas prendas”. Ademais, Insua fixo unha “pequena e humilde homenaxe á persoa que fixo posible que hoxe estemos aquí: o noso querido e añorado Juan Bautista Ramos” que foi o alcalde que fundou a Mostra en 1991.

A Mostra do Encaixe permanecerá aberta ao público ata o vindeiro domingo, día 31, de 11.00 a 21.00 horas. Ademáis dos expositores de encaixeiras nacionais e internacionais, no recinto feiral, que está ubicado no Pavillón Víctor Vigo de Camariñas, tamén hai espazos dedicados a outras artesanías.