Síguenos en redes sociales:

Vestidos de Domingo-Reitor da Universidade da Coruña

José María Barja: "Á xente parécelle que os matemáticos andamos sempre nas nubes"

"Teño carné de conducir, pero caducado. Conducir non me entusiasma. E cando subes en bus ao campus, a xente fala das cousas reais, incluíndo o inútiles que son os profesores"

-Que tópicos de matemático cumpre?

-Á parte de despistado, o de buscarlle as voltas ás cousas. Como os códigos de barras, que din cousas que non se ven. Unha piña pon produto de Costa Rica pero resulta que está etiquetada en Alemania. A un home de matemáticas o que lle saltan son as incoherencias. Hai unha propaganda da Axencia Nacional de Seguridade de EEUU, que recluta matemáticos cun anuncio que é unha marabilla: 'os matemáticos buscan orde no caos, estructura no arbitrario'. Esa é a definición.

-E o de despistado?

-Pode que lle prestes atención a cousas distintas e á xente parécelle que andas sempre nas nubes. Hai algún tópico máis, que empezo a reivindicar agora. Hay que mirar aos directivos, tanto do ensino medio como aos decanos ou aos reitores... xa hai moitos matemáticos.

-Logo as matemáticas axudan nos despachos?

-A matemática o que ten, fundamentalmente, é a formación da mente. Hai outra cousa, a un matemático repúgnanlle fondamente as contradiccións, e ás veces vivir coas contradiccións é moi duro.

-E sufren?

-Iso é unha característica dos matemáticos. Cando ves a un matemático dirixindo, por exemplo, un instituto, pásano mal, porque son xente que queren que as cousas vaian ordenadas. Non é que queiran controlalo todo, é que unha persoa de matemáticas acaba tendo esa formación de que as cousas teñen una pauta, que encaixan. E cando non aparece, teñen que buscala. E claro, estrésanse. Pero tamén hai que dicir que cada vez van precisar máis matemáticos neste mundo. Necesítase xente con capacidade crítica e discriminación.

-E porén, como pasa cos curas, hai falla de vocacións...

-É un tema universal. En matemáticas en Santiago fíxose un traballo moi serio e subiu a matrícula. Dentro das facultades de España é das que están mellor mantendo o número de alumnos. Hai un problema xeral en todo o mundo.

-Que me di das loitas ancestrais entre físicos e matemáticos?

-É a vella pelexa. Os matemáticos sempre envexamos aos físicos por unha razón: son capaces de venderlle aos gobernos cousas que custan barbaridades de cartos, como o Sincontrón. Fálase moito de divulgación da ciencia, e claro, é fácil divulgar o de física. A xente fala de Sincontrón, de sónar, de láser? e son cousas complicadas de explicar! Pero sempre hai un 'iso vale para...' Os de matemáticas, ás veces, cando nos enfadamos, xa dicimos: "coidadiño que todo iso non se fai se non hai matemáticas".

-Ten outro irmán algebrista. Unha familia de ciencias?

-Os tres irmáns de ciencias.

-Algunha explicación terá...

-Debe de ser unha mutación, porque na miña familia, meu pai, meu avó? todos eran de dereito.

-Por reacción?

-É unha cousa pendular. Hoxe teño contacto con xente de dereito e eles din que no fondo son alguén de dereito que fixo matemáticas.

-Pero non era un pequeno calculín...

-Algo de afición tiña pero non era unha cousa que dixeras: "para toda a vida matemático". Gustábanme as cousas de ciencias, pero posiblemente podería ter acabado en química. Xa dentro da facultade, descubrín que si, que todo aquilo era o meu.

-Foi nesa falcultade de Santiago onde tivo o primeiro ordenador nas súas mans. Un bo armatroste, non?

-Fun das primeiras persoas que usou ordenadores. Dérnonnos a oportunidade escoller entre física cuántica ou Fortran, que era unha linguaxe de programación. Apoiouse a idea de Fortran e eu son dos primeiros usuarios do centro de cálculo da Universidade de Santiago. O ano pasado fíxose unha exposición do antigo ordenador .

-Un IBM ben grande.

-Era como una mesa grande de comedor pero a capacidade que tería hoxe non chegaría a cen kas.

-E programábase perforando uns tarxetóns.

-Eses, eses. Eu teño aínda tacos enteiros e descubrín ata un programiña enteiro en tacos. Iso tiña que ver coas matemáticas, pero sobre todo, era que me divertía e era a tecnoloxía punta nese momento. A vida dá voltas. Son de álxebra e demais pero rematei na facultade de Informática. E eu aos alumnos de informática sácolle a tarxeta do Fortran e miran para min coma quen saca a momia de Tutankhamon.

-Eran tamén tempos nos que a Universidade fervía, vostede tamén militou?

-Fanme moita gracia esas historias, agora todo o mundo militou moito e as cousas non eran así. Repensando, unha das cousas máis revolucionarias que creo que fixemos foi no ano 1972. Péchase a universidade durante un mes e ese mes os compañeiros de curso traballabamos en colexios maiores. Cando regresamos a clases sabiamos máis que o profesor. Pedíusenos que firmaramos un papel conforme nos iamos portar ben para abrir a facultade e nós firmamos un papel no que nos negabamos a firmar un papel para volver. Recordo que presidente de Asturias (Álvarez Areces) fixo exames con nós despois de estar en Carabanchel.

-Pertence á relixión dos Mac.

-De toda a vida. Hai unha frase que se atribúe a Umberto Eco: "O Mac é o catolicismo serio o outro é protestantismo". En España, todo o mundo cos PC. Nos EEUU, o que mandaba era o Mac. O anuncio era "un ordenador para tontos". E iso funcionou en EEUU, en España non porque somos moi listos. Temos moita xente que usa un PC que no só non lle quitan rendemento, senón que a metade das veces non sabe que está cheo de cousas. E está a mellora do interfaz, a informática xestual, como o que se fai no ipod, aquilo de Minority Report, as tonterías que facía Brad... Tom Cruise!.

-Que matemático ten no póster da habitación, o seu favorito?

-Iso é fácil, creo que todos os matemáticos recoñecemos a Gauss.

-Mindoniense ou eumés?

-Nacín en Mondoñedo, a moita honra, pero vivín en Pontedeume dende os 3 aos 14 anos. No fondo recoñézome alí. Eu recoñezo totalmente os personaxes dos libros de Ramiro Fonte. Xavier Alcalá di que eu son tamén un dos nenos de fondo no Pontedeume de Evanxélica Memoria. Esaxera, pero conteille algunha cousa daquel tempo.

-E dá algo especial estar dacabalo entre A Coruña e Ferrol?

-Coñecer un sitio e outro. Pero os de Pontedeume eramos máis da banda da Coruña. Eramos do Deportivo, non eramos do Racing. Eramos do Fabril, que iso xa é para nota. E está a querencia polo mar, esa unha cousa que queda no fondo.

-E o Castromil non o deixa. Mire que o tren tarda menos...

-Depende do tren. É unha cuestión de hábitos.

-Non conduce?

-Teño o carné de conducir (sácao do peto). Pero está caducado.

-Hai canto?

-Xa me esquecín. É unha cousa de hábitos, conducín moi pouquiño. É unha tarefa que non me entusiasma nada, entre outras cousas porque debe ser esa característica de matemático despistado. Así que para despistado xa chego eu. Non me atrae en absoluto.

-Debe ser o cargo institucional que máis transporte público utiliza no día a día...

-Cada un saberá o seu. Pero é que o transporte público é moi saudable para estar no mundo de a pé. Como cando collemos o autobús para ir ao campus. Vas rodeado de xente, que vai falando das cousas reais, incluido o inútiles que son os profesores ou as asignaturas que moitos suspenden. É tamén estar na vida real.

Pulsa para ver más contenido para ti