Síguenos en redes sociales:

Presidente da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, que abandona o cargo

Manuel Monge: "O PP ten que revocar o acordo do pleno se non quere suprimir rúas franquistas"

"Negreira defendeu que o hospital seguira chamándose Juan Canalejo e dixo que Millán Astray era un coruñés de pro, o que significa un compromiso electoral cun sector moi minoritario"

Manuel Monge: "O PP ten que revocar o acordo do pleno se non quere suprimir rúas franquistas"

-Cal é a razón de que abandone a presidencia da comisión?

-É un razoamento inverso ao que se fai normalmente, porque o habitual é que alguén marche cando hai algún problema, aínda que neste caso non hai ningún, senón que a situación interna da comisión é moi boa e de feito pedíronme que volvera a presentarme á presidencia. Tomei esta decisión por dous motivos, o primeiro dos cales é facer unha aposta polo futuro, xa que a comisión ten a suficiente base e hai suficiente xente rodada para presidila.

-Pensa entón que non vai haber problema para o seu relevo?

-Non, creo que vai haber unha continuidade de actuación, porque temos en marcha moitísimos proxectos en marcha que a nova directiva terá que rematar. Ademais, a miña marcha poderá facer que aparezan outras referencias sociais na comisión que quizais estiveran tapadas pola miña presidencia.

-Hai xa candidatos a ocupar o seu posto no colectivo?

-Non, porque o prazo de presentación de candidaturas remata o 30 de outubro e a miña presidencia conclúe coa asamblea prevista para finais de novembro. Os nosos estatutos ademais son distintos doutras asociacións, porque no caso de que haxa varias candidaturas, o presidente elixido está obrigado a incluír membros das outras na súa directiva, co que se garante a pluralidade.

-Que balance fai da súa presidencia?

-O máis significado destes catro anos foi que conseguimos a aprobación polo pleno municipal da supresión da simboloxía franquista, que foi negada durante moitísimos anos por Francisco Vázquez e Javier Losada. Tamén foi destacada a inauguración do monumento ás víctimas do franquismo da comarca na avenida de Navarra, xa que foi unha culminación ás homenaxes que fixéramos nos últimos anos, que se sumou ao que levantamos no 2009 ás víctimas do Portiño e ao inaugurado en xuño aos fusilados nas fosas de Aranga. Outro logro foi a publicación de dous números dos Cadernos republicanos e, ademais, a apertura ao público do Pazo de Meirás malia negativa da familia Franco.

-Perderon a oportunidade de variar os nomes franquistas do rueiro da cidade na pasada lexislatura?

-Se houbera vontade política, este tema tiña que quedar resolto aos tres meses de ser aprobado polo pleno. Pero non a houbo por parte de Javier Losada, a quen lle pedín cando xa estaba en funcións que por dignidade retirara as placas desas rúas, aínda que non o fixo. O que esperamos é que o actual Goberno local cumpra o acordo do pleno e as retire.

-Pero o alcalde xa dixo que esta non era unha das súas prioridades.

-Pero unha cousa é que non estea entre as súas prioridades e outra que se negue a cumprir un acordo da Corporación, porque estariamos falando de responsabilidades administrativas.

-A que estarían dispostos no caso de que se negase a cumprilo?

-Para non cumprilo tería que presentar unha proposta no pleno revocando o anterior acordo, o que sería un escándalo tremendo porque estaría en contra da memoria histórica e sería unha negativa a aplicar a Lei e iso ten responsabilidades administrativas e mesmo penais. Non pedimos unha volta ao pasado como di Negreira habitualmente, senón que miramos ao futuro. Prestixia á Coruña ter no seu rueiro a un personaxe como Millán Astray? É un modelo para as novas xeracións unha persoa que participou no golpe militar do 1936?

-Pensa que aínda hai xente que cambie o nome destas rúas?

-Creo que é un sector moi minoritario da poboación e a argumentación do custo económico só vale para despistar. O tema de fondo é político, porque Negreira defendeu a permanencia do nome de Juan Canalejo para o hospital e dixo que Millán Astray era un coruñés de pro, o que significa un compromiso electoral cun sector moi minoritario, que estará presionando para que siga a axenda dos nostálxicos do franquismo.

Pulsa para ver más contenido para ti