Síguenos en redes sociales:

Susana Dans Actriz na obra 'As do peixe', esta tarde no teatro Colón

"O que se conta na obra é extrapolable a calquera tipo de actividade industrial"

"As traballadoras entrevistadas para a peza viñeron a vela en varias ocasións, e penso que a saben tan ben que poderían substituírnos se algunha de nós causara baixa"

"O que se conta na obra é extrapolable a calquera tipo de actividade industrial"la opinión

Susana Dans dá vida a unha das extraballadoras da industria conserveira na obra As do peixe, un papel polo que gañou un premio María Casares no ano 2014. A obra, creada pola compañía teatral Abrapalabra Creacións Escénicas, tamén recibiu o mesmo galardón nas categorías de Mellor Texto Orixinal e Mellor Dirección. Hoxe chegará ao teatro Colón ás 20.30 horas

-Como naceu a idea de realizar esta obra?

-O primeiro paso dérono Casilda Alfaro e Mónica Caamaño que viven en Cangas e coñecen moi de preto o mundo das conserveiras. Elas, xunto coa directora Cristina Domínguez, tiveron a idea de traballar sobre este tema. Fixeron unha serie de entrevistas a protagonistas desta historia, mulleres que estiveron en conserveiras que pecharon, que fixeron reconversión. A min propuxéronme participar neste xogo, previamente a ter o texto, e convencéronme fácilmente,xa que a idea me pareceu suxerente.

-Despois foi Cándido Pazó quen lle deu forma a través dun guión teatral.

-El recibiu un encargo, entregáronlle as gravacións de todas as mulleres entrevistadas e lle propuxeron sacar de ahí un texto para contar unha historia. Despois, el apareceu con esta marabilla que temos entre mans.

-Tivo contacto coa industria na que se centra a obra?

-Si, durante o proceso de creación da peza, que foi marabilloso. Comezamos a ensaiar no local de traballo que ten Cándido no baixo da súa casa. Empezamos a fabricar a función ao tempo que el ía escribindo, polo que nos retroalimentábamos. Dentro dese proceso, tamén fixemos unha visita a un par de conserveiras en Vilagarcía de Arousa, onde puidemos ver como era o traballo e o ambiente diario.

-Algunha das entrevistadas foi a ver a función?

-Elas viñeron a un pase previo que fixemos no auditorio de Vilanova de Arousa, e estaban marabilladas, incluso repetiron varias veces. Creo que a saben de memoria, así que se algunha de nós causa baixa é posible que elas nos podan chegar a substituir.

-A obra céntrase nunha industria en concreto pero, as problemáticas que se poñen en escena poderían identificarse con calquera outra?

-É extrapolable a calquera actividade. De feito, nesta xira percorremos toda Galicia e en todas partes vimos que dá o mesmo que se fale de mar ou de calquera outro sector, porque estamos a falar da vida diaria dos traballadores e da situación actual: xente que se queda sen traballo, deslocalización e reconversión das fábricas? De feito, cando fumos ao Barco de Valdeorras dixéronnos que, se falaramos da pizarra, sería o mesmo.

-É precisamente a conexión do público a que fai que esta obra se manteña tras tres anos?

-Supoño que si, esta conexión e o feito de que estea moi ben escrita. Cándido ten o prodixio de ser quen de entrar na alma feminina dunha forma moi especial, e iso é algo que non ten calquera autor masculino. Tamén inflúe que estea Cristina Domínguez coma directora, que nos coñece e sabe como sacarnos partido.

-Segue a ser difícil que unha obra se manteña en cartel?

-Cada vez é máis difícil. Se nunha época hai recortes, o primeiro no que se recorta é na cultura, que parece ser un luxo e non saúde para o espírito, como pensamos algúns. Ademais, cada vez hai menos interese por ceder espazos para as representacións. Nós estamos a ter moita sorte, dentro do que cabe. Con todo, levamos algo máis de cincuenta funcións en tres anos e, en condicións normais, isto tería que ter pasado nun só ano.

-Que novos proxectos ten entre mans?

-O máis importante é que a partires de setembro comezarei a ensaiar coa compañía de Cándido Pazó un novo espectáculo. E, co equipo da obra As do peixe, avanzo que tamén haberá algo.

Pulsa para ver más contenido para ti