Síguenos en redes sociales:

Tres voces represaliadas en escena

O Trasno Teatro presenta este venres no Fórum Metropolitano a peza ´Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra´, unha reflexión sobre o papel da muller durante a posguerra

Tres voces represaliadas en escenala opinión

A "inquietude xeral que suscitou no seu día a Lei da Memoria Histórica" foi o punto de partida da peza Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra, como sinala o seu director e membro da compañía O Trasno Teatro, Miguel Estévez. A función, na que tamén participa a asociación cultural Ateaco, subirá ás táboas do Fórum Metropolitano este venres ás 20.30 horas.

O espectáculo aborda a figura da muller como "unha personaxe máis ben esquecida na memoria histórica", e faino a través do encontro de tres mulleres "represaliadas polas súas circunstancias" na posguerra ás que dan vida as actrices Sefi Romero, María José González e Lucía G.Carballás.

Este trío ficticio, composto por "unha ama de casa casada cun republicano fuxido, unha mestra republicana e unha revolucionaria implicada na República despois do conflito bélico", logra atopar, a pesares da súa heteroxeneidade, puntos en común a través das súas conversas nunha cuneta. A condición dramática da trama principal é aminorada por pasaxes cómicas, tal e como explica o seu director: "Ten momentos simpáticos e outros nos que a crudeza da situación déixase traslucir na obra".

A relevancia das circunstancias históricas que O Trasno Teatro quixo plasmar nun relato escénico, levou aos compoñentes da agrupación a poñer en marcha un proceso de documentación no cal contactaron con algúns dos protagonistas daquela periodo. "Nós somos da parroquia viguesa de Comesaña, e alí falamos con homes e mulleres que viviron esa época, e tamén recopilamos información xornalística, xa que nese tempo saíron un montón de noticias sobre mulleres", apunta Miguel Estévez.

O director da obra revela que o aspecto que máis lle impresionou nas súas indagacións foi o feito de que "ao igual que se coñecen moitos sucesos da Guerra Civil tanto por un bando como polo outro, o que non se sabe moito é que había un montón de mulleres involucradas nese proceso de desafectación dos dous bandos, e nunca estiveron na primera plana dos medios, nin sequera cando tomou protagonismo a memoria histórica".

Esta produción artística baseada na procura de información histórica de primeira man é novidosa para unha compañía que, a pesares das diferenzas entre as súas pezas e procesos de creación escénica, segue a manter o mesmo espírito que impulsou a súa creación no ano 1980. "O fin do grupo é levar o teatro aos sitios onde as grandes compañías non poden actuar por falta de medios e facer do teatro o que sempre foi: unha crítica social e un achegamento á realidade desde un punto de vista crítico para todo o mundo", explica Estévez.

Pulsa para ver más contenido para ti