Síguenos en redes sociales:

María Xosé Queizán Escritora, dá un recital esta tarde no Centro Ágora

María Xosé Queizán: "Vivimos nun mundo de palabras. Sen elas non existiría o feminismo, nin habería igualdade"

"As mulleres que din que non son feministas pertencen a un grupo non moi culto" - "A opresión feminina é moi evidente, necesítase fundamentalmente sentido común"

María Xosé Queizán: "Vivimos nun mundo de palabras. Sen elas non existiría o feminismo, nin habería igualdade"alba villar

Desde os textos de xuventude ata as últimas publicacións, o fulgor do compromiso de María Xosé Queizán coa situación da muller non se ten atenuado. Referente da causa feminista en Galicia, a escritora abrirá o novo trimestre do ciclo Poetas Di(n)versos esta tarde ás 20.30 horasPoetas Di(n)versos, onde fará un repaso polos seus poemarios no Ágora xunto á poeta Fatena Al Ghorra.

-Vén facer un recital de poesía, un xénero co que non sempre tivo unha relación sinxela.

-Si, eu non escribín poesía ata moi tarde. Escribín algún poema solto, concretamente empecei cando estaba estudando no bacharelato, con poemas de maldicir. A poesía me pareceu un xénero que circulaba por un camiño moi trillado.

-Que lle fixo mudar de opinión?

-Descubrín que podía escribir ensaio facendo poesía, e iso me aportaba un gozo especial, porque a poesía é moi suxestiva e permite cousas que non permite a prosa.

-Falábame dos seus poemas de escarnio. Teño entendido que llos dedicaba as súas profesoras.

-Si. Eu estaba en Cáceres naquel momento, no instituto. Había moitas profesoras de falanxe, que daban o que logo deuse por chamar as marías. Eu escribía poesías ridiculizando a estas mulleres, e logo ademais lle puña a letra dalgunha canción que fose popular.

-Xa era un xeito de rebelión contra a opresión da muller. É unha loita que lle vén de lonxe.

-Pois si. Eu creo que se necesita fundamentalmente sentido común, porque a opresión das mulleres é moi evidente. O que pasa é que as alienacións son diferentes. As lecturas tamén inflúen. Agora estamos nun momento no que as feministas non leen, e hai moito que saber.

-Ata que punto poden as palabras mudar a situación da muller?

-As palabras son fundamentais. Moitas veces non lles concedemos o valor que teñen, pero son importantísimas, porque indican feitos e nos levan á realidade. Vivimos nun mundo de palabras. Non existiría feminismo sen ilustración, porque sen ilustración non habería igualdade. Esa palabra levou a vencer o antigo réxime e a trasladarnos a outra realidade social.

-Hai igualdade agora?

-Igualdade? Hai moitísima máis que hai anos. Na nosa sociedade hai democracia, aínda que teñamos que mellorala. Eu non teño que pensar máis que na miña propia vida. Fun nena nunha ditadura que non ten absolutamente nada que ver co mundo actual, por moito que digan. Desde que temos conciencia histórica, sempre estamos mellor que no pasado.

-Como ten evolucionado o movemento feminista?

-O movemento feminista ten, como todos, unhas situacións mellores ou peores. Sobre todo, inflúe que se teña un coñecemento do pasado para un futuro mellor. Estudar a sexualidade nos textos femininos é obrigatorio, polo concepto que hai de nós como obxectos. De aí a matarnos hai un paso. Agora matan a mulleres das que non sabemos o nome, porque viven no mundo privado. Saen ao final do telediario , en lugares esquecidos. Aínda temos un mundo no que non existimos, no que estamos cun home que é o amo da casa.

-Na literatura existimos?

-Non só existimos, senón que é a mellor literatura actual [ri].

-Pero moitas veces semella que as mulleres dos libros só poden construír a súa historia en torno a un home.

-Existe nas mulleres á fascinación do poder. O poder é masculino, e as mulleres tenden a quedar fascinadas por ese poder masculino, e a pensar que non son nada si no teñen a un home ao lado.

-Que falla no discurso feminista para que haxa mulleres que digan que non son feministas?

-Eu creo que as mulleres que din que non son feministas pertencen a un grupo de mulleres non moi cultas. Tamén é que hai xente que pensa que, sendo feminista, vai ter menos posibilidades, sobre todo no mundo do espectáculo, que está gobernado polos homes. Eu isto coñézoo de primeira man, porque houbo momentos nos que andar conmigo non lles interesaba, porque o que querían era ligar cun home. Tamén había antes moitos que me dicían "moi ben ti, pero ca miña muller non fales" [ri]. Existen estes prexuízos.

Pulsa para ver más contenido para ti