Síguenos en redes sociales:

Xabier Díaz Músico, presenta o seu disco 'Noró' xunto as Adufeiras de Salitre

"Os galegos somos amantes das cousas prácticas. Eu aplico iso á miña música"

"Non quería que 'The tambourine man' fose unha rareza na miña carreira. Necesitaba un segundo álbum para dar unha visión máis global desa maneira de traballar"

"Os galegos somos amantes das cousas prácticas. Eu aplico iso á miña música"la opinión

Un retrato do Norte, das súas xentes e paisaxes é o que ofrece Xabier Díaz no seu último traballo, Noró. No disco, o segundo na súa carreira en solitario logo do multipremiado The tambourine man, o coruñés repite coas Adufeiras de Salitre para recoller a música tradicional do noroeste da península, que presentará esta tarde ás 19.30 horas no Teatro Rosalía de Castro.

-Toda a vida recollendo e cantando a música popular galega, pero é agora cando lle fai unha homenaxe ao norte.

-Creo que hai algo de inconsciente. Ultimamente estamos viaxando bastante para presentar estas músicas fora, e en todas partes teño que explicar de onde somos. En moitos lugares se sorprenden de que formemos parte da Península Ibérica, porque non tocamos a guitarra e o caixón flamenco. Nese exercicio permanente de explicar que hai outras músicas peninsulares, pensei que sería chulo facer un retrato do sitio no que vivo, e tamén trasladarlle á xente que a paisaxe e a climatoloxía que nos rodea inflúe na miña maneira de facer música, incluso no meu xeito de ver a música popular.

-Como inflúe?

-Os galegos somos amantes das cousas prácticas, e eu creo que aplico iso á miña música. Tamén hai un pouco desa paisaxe das árbores aínda sen follas, desa bruma tan do norte e do frío. Eu recoñézome nesa paisaxe, na paisaxe real e na humana, e nesa actitude unha miguiña máis introvertida.

-Todo iso leva á súa música?

-Non exactamente, porque a música non é fría, pero si que trata de ser directa. Non está demasiado disfrazada. Os arranxos están traballados, pero tampouco son demasiado barrocos. Cando hai unha melodía, haina porque a necesitamos.

-O seu anterior traballo, The tambourine man, fora un dos máis complicados que fixera. Quixo virar neste cara a algo máis sinxelo?

-En realidade, non distan moito un do outro. O que pasa é que aquel resultoume complicado porque era a primeira vez que facía esta formulación, con 11 cantoras e cun acordeonista e un zanfonista. Dosificar e mesturar aqueles elementos foi difícil, pero desta volta a fórmula xa a tiña máis controlada. Outra cousa era buscar as melodías.

-De onde veñen as cancións que recolle?

-Veñen de todas partes do noso país. De Vimianzo, de Mondariz, Ourense, de Lugo, de Sanabria? Pero cada vez teño máis a sensación de que veñen tamén doutros sitios distintos, das pegadas que deixaron todas as viaxes que fixen. Forma parte da miña paisaxe emocional.

-"Música tradicional futurista", teñen dito sobre o resultado. Vostede enténdeo así?

-Ese foi Santiago Auserón, que ten unha dialéctica moi filosófica. Probablemente sexa futurista, porque os elementos que nós empregamos, os utilizamos dun xeito un pouco diferente a como se empregan nos estándares da música tradicional. Tamén ten ese punto experimental. Pode ser que por aí soe un pouco futurista.

-O que é seguro é que soa a Galicia. Todos din que a música de raíz triunfa fora de aquí, como é iso entón de que non se saiba que é galega?

-Eu vou facer un pequeno exercicio de sinceridade. Triunfa ás veces, hai outras que non. O que si que é verdade é que, por parte do público internacional, había unha visión de que a música galega era só gaita. E creo que agora se está compensando iso desde a perspectiva da música tradicional cantada, o cal fai xustiza á historia da música galega. Nós estamos incidindo neses mercados internacionais en que hai música galega que ten moitos elementos que a volven enlazar con esa parte máis arcaica da música das pandeiretas, das voces?

-E dos adufes. Neste disco repite coas Adufeiras de Salitre.

-Quería que a xente tivera a sensación de que este proxecto forma parte da miña carreira e da miña vida dunha forma importante, non puntual. Non quería que The tambourine man fose unha rareza na miña carreira. Necesitaba un segundo álbum cando menos, para que a xente tivera unha visión un pouco máis global desa maneira de traballar e facer música, e creo que ese Noró lles pode axudar a fixar ese retrato na súa memoria.

-Traballará a partir de agora con elas?

-Agora tócame traballar cando menos un par de anos de xira, non me queda outro remedio [ri]. Temos por diante a xira deste disco, e eu estou encantado. Creo que a proposta colleu moita solidez no directo.

-Logo do da Coruña, xa van para Alemaña.

-Si, imos tres semanas a chequear o público alemán e imos a Bélxica para outra xira. Para min, esa aposta polo mercado europeo é moi importante. Paréceme que en Europa temos un nicho de mercado interesante, que hai que coidar e explotar. Son mercados que nos poden axudar a compensar o limitado do noso, no que os públicos poden fatigarse, porque somos os que somos. Estamos apostando por saír fóra.

-Polo de agora, Noró xa estivo na lista de vendas de España. Con estes feitos, por que esa idea, logo, de que a música de raíz non se escoita?

-Eu creo que hai cousas que están cambiando, e ademais a unha velocidade importante. Diego El Cigala, Estrella Morente? É música de raíz. Pois Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre tamén, podemos estar nesas listas. Se entramos nese top 50 é porque a xente está mercando discos. Creo que debemos desprendernos de certos tipos de linguaxes, de: "Isto é o que é, e isto cínguese a isto". As cousas hai que intentar mudalas con fe, con optimismo e con traballo, sobre todo.

Pulsa para ver más contenido para ti