Síguenos en redes sociales:

Ánxela Blanco Bailarina, estrea a súa peza 'Voo' no festival Quincegotas

"Ser bailarina en Galicia é un acto de resistencia. É difícil ter unha vida digna"

"As unións de artistas están xerando un contexto de calidade, dentro do árido que é o terreo" - "A danza é unha vía de sublimación que me permite superar os problemas"

"Ser bailarina en Galicia é un acto de resistencia. É difícil ter unha vida digna"casteleiro/roller agencia

A reivindicación do dereito a bailar nun panorama que ofrece poucas oportunidades, e a preocupación polo corpo nun tempo no que o que predomina é o virtual son as proclamas que impulsan Voo, a nova peza de Ánxela Blanco. O espectáculo de danza contemporánea, que supón a quinta peza da bailarina, estrearase de forma absoluta este venres no festival Quincegotas, onde poderá gozarse ás 18.30 h na contorna da pérgola de Eirís.

-Fala de Voo como "un lugar no que estar a salvo". A que se refire?

-A un lugar no que estar a salvo como profesional e como persoa, é dicir, a danza como unha escolla vital, na que poder construírme. En Galicia, ser bailarina é un acto de resistencia, porque é moi difícil ter unha vida profesional digna dedicándote exclusivamente á danza. En Voo hai esa reivindicación do dereito a bailar, e tamén unha defensa da práctica física fronte a este ritmo cada vez máis veloz, onde os corpos van quedando un pouco á marxe.

-Semella que observa con preocupación o panorama de creación contemporánea.

-Para min están sucedendo varias cousas. Por un lado, hai un defecto en canto a políticas do movemento, porque levamos oito anos de baleiro, e iso está a ter un impacto no tecido, tanto no público, que cada vez hai menos, como nas posibilidades que temos de producir e distribuír as nosas obras. Pero ese baleiro estase a cubrir a través de iniciativas comunitarias, así que as unións de artistas están logrando xerar un contexto de calidade, dentro do árido que é o terreo.

-Nel xurdiu a súa quinta peza, impulsáronas estas demandas?

-Si. Había un momento, cando o estabamos a construír, que nos imaxinabamos nunha manifestación esixindo o noso dereito a bailar e a non emigrar. Queremos bailar e queremos facelo na terra. E o quero defender para os que viñeron e para os que veñen.

-Os de antes tiñan unha vida máis dura, pero sempre sacaban un oco para a foliada.

-Si. A miña avoa sempre fala de que ía a canto baile había, e de que os bailes eran un encontro comunitario. É unha das persoas que máis me anima a bailar, considérao a profesión máis bonita do mundo.

-Alén diso, Voo conta con certos toques de danza tradicional. Tivo a Quique Peón como asesor. Como foi o traballo con el?

-Quique é unhas das poucas persoas que controla a muiñeira vella, que é un dos bailes máis antigos do tradicional galego. Recolleuno, sábeo e transmíteo, así que estivemos traballando e aprendendo os desprazamentos. Ese camiñar sen que se mova o torso, esa enerxía da ribeirana? Penso que el tamén valora que eu, como artista contemporánea, traia esa danza tan antiga do baile tradicional galego.

-É habitual esa mestura do antigo co actual?

-Eu non diría habitual. Pero creo que a danza contemporánea ten esa virtude de dialogar co teatro, co circo, co tradicional? Unha vez que racha coa rixidez do clásico, ábrese un mundo de eclecticismo e alí eu, como intérprete, gozo moito desa mestura.

-Xa facía fusións en traballos anteriores. O proceso deste foi máis libre, tendo en conta a espontaneidade do baile da que falaba?

-Sempre hai un detonante poético ou dramatúrxico cando empezo a facer unha obra. A partir de alí, comeza unha viaxe que nunca se sabe a onde me leva. Neste caso, o detonante foi un poema de Carlos Oroza que di: " Yo no pinto pájaros, pinto vuelos", e un paxariño de xoguete. Pensando en como convertelo en algo máis grande, atopei un xogo de arquitectura que crea volumes, e no que me podo pendurar e mover.

-E ata que punto funciona iso como vía de reivindicación?

-A min empodérame. Eu quero unha sociedade que teña o corpo máis presente, e ese movemento para min é iso, levalo ao arte, ao estudo da acción. A danza é unha vía de sublimación. Permíteme transformar os problemas, superalos.

Pulsa para ver más contenido para ti