Síguenos en redes sociales:

Mercedes Queixas Zas Número 3 da candidatura do BNG ás eleccións municipais

"Nós non traballamos para a galería, sabemos que as nosas ideas se poden facer realidade"

"A cultura é un dereito e o Concello ten que garantir o seu acceso a toda a sociedade"

"Nós non traballamos para a galería, sabemos que as nosas ideas se poden facer realidade"víctor echave

Mestra, académica da Real Academia Galega, escritora, activista, veciña dos Mallos... Mercedes Queixas entra na candidatura do BNG para as vindeiras eleccións municipais, que encabezan Francisco Jorquera e Avia Veira, a cuarta será tamén unha muller.

-Pensouno moito antes de dicir que si ao número tres?

-Moitísimo, como penso todo. É unha marca do meu carácter. Educáronme como irmá maior na responsabilidade. Todo o que fago é con convicción, con ilusión e responsabilidade.

-Veñen meses de campaña, de explicar que quere facer o BNG, están xa co programa ou aínda están nun proceso previo?

-Para min non é algo novo nin alleo, non é a primeira vez que participo, forma parte da miña forma de pensar e de vivir. Podo dicir que sempre participei en política porque acredito na capacidade da política como ferramenta de pensamento, de enfrontarse á vida, de resolución de conflitos, como voz principal para o diálogo. Eu síntome activa desde hai moitos anos. Agora dou o paso porque creo que o debo dar. Eu participei na candidatura do 2015 desde unha posición moi discreta.

-E por que dá ese paso?

-Polo cabeza de lista, Francisco Jorquera, que só nos pode encher de ilusión e de confianza. Interpreto que hai que apoiar ese paso e ese esforzo que el fai. Acompáñao Avia Veira, que foi esa voz alta, contundente, coherente e consecuente do BNG a nivel municipal. Fíxoo nunhas circunstancias adversas para ela, pero foi quen de ter unha voz propia e de defender os principios nacionalistas básicos. En recoñecemento e en agradecemento, eu debía aceptar.

-E o programa?

-Estámolo elaborando, pero non pode ser unha cousa feita desde dentro, ten que ser pública e que recolla todo aquilo que se nos queira dicir. Por deformación profesional e por convicción persoal acredito na escoita activa, en recibir, reformular o propio pensamento e en actuar para dar unha resposta. Levamos catro anos nese proceso de escoita de demandas, moitas veces, tamén adiantándonos a elas. Estamos seguindo o proceso, non se inicia nada coa miña chegada, eu só me sumo a un camiño que se leva transitando moitos anos e que tivo experiencia de goberno. Nas áreas nas que eu teño traballado máis e as que poño ao dispor da formación, coido que se veu perfectamente o que significa un proxecto nacionalista e que logo nunca máis se volveu ver. Na cultura, na normalización lingüística e na mocidade houbo un antes e un despois. Infelizmente, ese traballo foi ficando no esquecemento. Seguimos traballando, que é o ADN do BNG.

-Segundo está o panorama actual e a subida de formacións de ultradereita, entra nos plans do BNG quedar fóra de María Pita ou só pensan en sumar?

-Non podemos vivir ancorados nos tempos nos que nos pasaron cousas tristes a nivel político e emocional. Temos que tecer desde o presente o que van ser os vindeiros catro, oito ou doce anos, os tempos de agora non son os de 2015. Temos que construír moitos futuros. A nosa aposta ten que estar na análise real do día a día sen perder nunca o fío de onde vimos e tamén cales son as nosas propostas de traballo, amosar as nosas ideas e poñer a producir todas esas áreas nas que temos capacidade de goberno. Nós non traballamos de cara á galería, non soñamos simplemente, sabemos que as nosas ideas se poden facer realidade. Hai exemplos contrastables como Pontevedra e Carballo, nos que se crean espazos de vida acorde ao que somos, sen importar nada que non sexa necesario.

-Se consegue entrar como concelleira, en que se vai notar?

-Eu son muller de palabra, pero tamén de acción. Algo que eu estraño e que me doe profundamente é a falta de resposta para poñer en marcha esta cidade. No ámbito cultural, somos o epicentro e fun recibindo certa desafección nos últimos anos, tamén no plano educativo. Hai moitos momentos nos que botei en falta a alegría que produce a cultura na rúa. A cultura é un dereito e toda a sociedade ten que ter garantido, desde o Concello, o seu acceso.

-Que melloraría?

-Preocúpame moitísimo que non haxa un plan de lectura ambicioso, que realmente coloque a lectura nese espazo público visible onde a sociedade se sinta motivada ou que se asociase a cultura a temas polémicos, coido que por unha praxe insuficiente. Hai citas no ano que teñen que estar na retina de toda a cidadanía, como o día de Rosalía, a feira do libro ou a festa do libro para que a literatura estea na rúa. Preocúpame que non se mime a cultura en xeral e o libro en particular. Temos catro premios nacionais, como nos permitimos o luxo de non poñelos en valor?

Pulsa para ver más contenido para ti