Síguenos en redes sociales:

César Morán: Música e poesía

Se houbese que resumir a biografía intelectual de César Morán en poucas palabras, non poderían faltar estes pares: Cunqueiro e Mondoñedo, música e poesía, filoloxía e docencia. De orixes bercianas e mindonienses, fundou o grupo Agra e traballou como músico con Troula mentres formaba parte da primeira promoción de Filoloxía Galego-Portuguesa. A súa obra musical está formada polos traballos Río de son e vento (que inclúe unha excelente antoloxía da poesía galega), Haberá primavera (sobre poemas de Cunqueiro) e a súa intervención en O pobo da noite e A desaparición da neve de Manolo Rivas. Traballou como músico en Daquel abrente, encheu de beleza moitos escenarios, e musicou entre outros moitos poetas a Leiras Pulpeiro e as súas Roseiras de rosas roxas . Aínda que escribiu sobre Blanco-Amor, Risco, Manuel María ou Carvalho Calero, é a Cunqueiro a quen máis atención dedicou. Velaí o seu libro O mundo narrativo de Álvaro Cunqueiro, o estudo crítico de O ano do cometa, a súa colaboración en Álvaro Cunqueiro: fotografía sonora, no Congresso Álvaro Cunqueiro, ou na Homenaxe a Álvaro Cunqueiro da USC, onde se publica a derradeira conversa de Cunqueiro, xustamente con César en 1981. César colaborou en obras tan valiosas como a Nova gramática para a aprendizaxe da língua, Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero, Manuel María: literatura e nación, nos Congresos da AGAL e nas súas Actas, e en libros como Comentário de textos literários, Teatro nas aulas, Crítica e autores ou Marea negra. A súa obra literaria vai de Fogo cruzado a A Coruña á luz das letras pasando por Mondoñedo é poesía, e podémolo ler nos especiais A Nosa Cultura de A Nosa Terra, Agália, Nós, Luzes de Galiza, Unión Libre, Monfadal, Casahamlet, Boletín Galego de Literatura, Grial ou Nós Diario. César Morán xubílase como profesor do Agra, instituto e barrio onde é unha institución logo de moitos anos de fecundo traballo. Agora terá máis tempo para esculcar o grosor das augas, indagar no río da vida e da esperanza. Sementar coa guitarra os pés de mulleres ou o canto dos paxaros. Para seguir sendo a banda sonora das nosas vidas. Os seus amigos e colegas escoitaremos sempre o río "nas torneiras e nos caneiros", o vento "nos carballos e nos teixos". "Deica as rosas que veñen", compañeiro César.

Pulsa para ver más contenido para ti