Síguenos en redes sociales:

Emilia Pardo Bazán, en letra e tinta

A escritora María Canosa e a ilustradora Bea Gregores presentan hoxe na libraría Lume unha biografía ilustrada da condesa

Emilia Pardo Bazán, en letra e tintaL.O.

Poucos xeitos quedan xa de reinterpretar a vida e obra da escritora Emilia Pardo Bazán no ano do centenario do seu pasamento. Un ano no que a condesa e a súa traxectoria vital e literaria volveu centrar de pleno o debate público. A escritora e enxeñeira María Canosa e a ilustradora Bea Gregores propoñen a súa propia homenaxe a través de Emilia Pardo Bazán, Unha mente poderosa, unha biografía ilustrada da condesa editada por Bululú e concibida para que nenos e maiores poidan achegarse á figura da escritora. Esta tarde presentarán a súa obra ás 19.30 na libraría Lume (Fernando Macías, 3).

O volume non busca simplificar o inmenso universo creativo da condesa, mais si facelo accesible a todos os públicos nun ano no que todo o mundo quere saber máis dela. “É complicado simplificar a figura e a cabeza de Emilia Pardo Bazán, que era unha fonte de ideas inmensa. Intentei facelo para mozos, rapazada e todo aquel que non queira ler unha biografía exhaustiva, pero si facerse unha idea do máis importante”, asegura a autora.

Unha mente poderosa retrata as moitas arestas e elementos esenciais que compoñen a personalidade de Emilia Pardo Bazán, á que se debuxa como unha muller complexa, chea de inquedanzas e ambiciosa por prosperar nun mundo dominado polos autores e literatos homes, mais tamén consciente dos privilexios inherentes á súa clase social. “Intentei salientar os fitos máis importantes da súa vida, tanto a nivel persoal como intelectual. O que quería, sobre todo, era devolverlle a honra. Tivo moitos obstáculos que saltar por ser muller para conseguir o recoñecemento, e ata agora a súa figura estaba un pouco esquecida, pouco valorada”, sostén Canosa.

Unha biografía na que ten un grande peso a perspectiva de xénero e as achegas da condesa en materia de feminismo, movemento no que tivo un carácter pioneiro, mais tamén a súa inmensa curiosidade e o afán de coñecemento que cultivou dende nena. “Unha cousa que fixen para achegar a súa figura aos nenos e nenas foi comentar a súa vida dende nena. Quizais non é onde acontece o máis importante, pero foi a semente do seu camiño, cando comeza a mergullarse nos libros”, destaca a autora.

Unha retrospectiva na que a ilustración que acompaña aos textos, obra de Bea Gregores, ten un papel fundamental, e trala que se agocha un exhaustivo proceso de documentación por parte da súa autora para retratar de xeito fidedigno a estética da época.

“Documenteime a través das imaxes da época que me proporcionou a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, tanto da propia Emilia como dos lugares. No capítulo no que se fala da tabaqueira, por exemplo, tiven que retratar como era a fábrica na época, que non tiña nada que ver con como é agora”, relata Gregores.

Un traballo que elaborou tendo moi en conta o que María Canosa tiña en mente transmitir cos textos, e atendendo á súa propia reinterpretación do personaxe. “Eu leo primeiro o texto de corrido, e, a través do que me inspira o escritor, desenvolvo as ilustracións”, relata. Unha representación gráfica para a que optou pola técnica tradicional do lapis de cor, para a que será a súa primeira biografía ilustrada. “Debuxando a Pardo Bazán descubrín a unha figura á que, por ser muller, non se valoraba o suficiente. Sorprendeume a súa fortaleza”, asegura a ilustradora.

Pulsa para ver más contenido para ti