Síguenos en redes sociales:

Noemí Díaz | Vicecoordinadora da Rede Educativa de apoio LGBTI+, premiada polo Ministerio de Igualdade

“Mesmo nos centros nos que se traballa a diversidade hai intolerancia”

“Sabendo como está a extrema dereita, en calquera momento volvemos para atrás”

“Mesmo nos centros nos que se traballa a diversidade hai intolerancia”CARLOS PARDELLAS

A Rede Educativa de Apoio LGBTI+ de Galicia recibiu, onte, o Reconocimiento Arcoíris de mans do Ministerio de Igualdad polo traballo desenvolvido pola asociación, integrada por preto de oitenta docentes galegos comprometidos coa diversidade nas aulas. A vicecoordinadora da Rede, Noemí Díaz, profesora do Eusebio da Guarda, admite que o premio dá azos para seguir traballando, mais é necesario que máis centros se sumen á iniciativa.

Como acollen este recoñecemento, pouco máis dun ano despois da constitución da Rede?

Si, fai pouco máis duns meses que foi o noso aniversario. Acóllese dunha forma ilusionante, era o acicate que necesitabamos para continuar, porque ás veces non te sentes moi respaldada. Se vén isto dende o Ministerio, quere dicir que o estamos a facer ben, agardamos que dende a Administración autonómica se poñan as pilas, xa non por nós, senón para traballar a diversidade nos centros educativos como ten que facerse. Hai un plan de Igualdade a catro anos, de 2016 a 2020, que non se está cumprindo.

Como estiveron traballando dende a Rede estes meses?

Houbo moitas cousas que quixemos facer e que non puidemos, debido aos aforos e ás limitacións, todas as reunións foron online... coa pandemia perdemos o poder socializar, pero non perdemos a ilusión. Xa temos páxina web, que foi custoso, pero conseguímolo cos poucos fondos que temos e traballando duro e xa con obxectivos a longo prazo.

Como se traballa a diversidade nas aulas?

Por agora somos menos de 25 centros, porque supón que haxa unha vontade do profesorado por traballar e montar ese grupo LGBT no centro e facer actividades de visibilización ou de conmemoración de datas. Algo tan sinxelo como colocar a bandeira LGBT, facer obras de teatro, concursos de cómic, todo iso se está a facer. Somos pouquiños; se en Galicia hai aproximadamente 3.000 centros, 25 é unha pinga no océano, pero fai moito, porque hai xente doutros centros que xa nos coñece. Dicímoslles que se mobilicen e falen coa dirección e coas AMPAS, pero fai falta vontade.

As prioridades, ás veces, parece que son outras.

Si, pero moitas veces a xente non se atreve, ou din que como non son LGBT non teñen por que facer isto. Se fose así, non loitariamos contra o racismo. Non é necesario ser racializado para facelo, pois isto igual. Na rede, se somos 80 persoas, a maioría son persoas heteroaliadas. A rede é un espazo seguro para profesores LGBT que se queiran visibilizar. É difícil, no meu centro, de 100 profesores, só somos dúas visibles.

Que supón para o seu alumnado que vostede sexa visible?

Dálles unha nova realidade, porque cando ti te visibilizas como lesbiana, ás veces dinche que es a primeira lesbiana que coñecen, ou que non sabían que as lesbianas eran así. E como pensarían que eramos? En seguida van vindo confesar cousas, que son gays, que son lesbianas, cousas que non se atreven a dicir publicamente, porque se escoitan moitos comentarios ofensivos.

Xeralmente, cúmprense nos centros os protocolos relacionados coa diversidade, como os relativos ás infancias trans?

Cúmprense se se informa ao profesorado. Ás veces, o alumnado trans non informa á súa familia por medo ou vergonza, e quererían que esa transición empezase no centro, e ás veces custa. O profesorado ve que queren que se lle chame dun xeito, na lista pon outro nome, falan coa orientadora e compróbase que na casa non saben nada... é moi delicado, porque hai moito medo a que as familias denuncien. Non se fan moitas cousas por medo á denuncia.

Axudou a presenza de temas LGBT na conversa pública a xerar situacións de normalización entre o alumnado?

Hai melloría, pero sorprenderíavos saber o que se atopa nas aulas, que iso é reflexo do que hai nas casas. Este ano tiñamos un grupo moi homófobo e moi machista, e entendemos que iso téñeno que traer da casa, porque hai outros grupos que son todo o contrario. Hai un xerme de homofobia e machismo, por facerse os machitos, que tes que traballar moito. Fixemos varios obradoiros, algún externos, tratando o tema das novas masculinidades. O machismo fai discriminación contra as mulleres, pero tamén contra o colectivo LGBT. Aínda en centros nos que traballamos a diversidade, hai xermolos de intolerancia, sobre todo a raíz do discurso da extrema dereita.

Reciben recoñecemento por parte dun Goberno de esquerdas. Temen que os avances acadados retrocedan cun posible cambio a un Goberno máis conservador en dous anos?

Si, dende logo. Temos aí esa negra sombra sempre enriba. En Madrid, Ayuso xa di que vai revisar a lei LGBT para cumprir o que lle pide Vox. Cando cres que alcanzas dereitos, non podes quedar tranquila, sobre todo sabendo como está en España e en Europa a extrema dereita. En calquera momento volves para atrás, cando cres que xa o tes feito.

É curioso: aquí recoñécese a unha rede de docentes LGBT, e en Hungría prohíbese falar de homosexualidade nas escolas.

Si, estamos entre os tres ou catro países máis avanzados en materia de inclusión LGBT, e aínda así, quedan moitas cousas por facer.

Pulsa para ver más contenido para ti