Síguenos en redes sociales:

Andaina polos segredos de Monte Alto

Xurxo Souto organiza unha “presentación itinerante” do seu libro polo barrio

Andaina polos segredos de Monte Alto// VÍCTOR ECHAVE

Conta a lenda que, nos anos cincuenta, un navío coreano entrou, por erro, directamente no Orzán, sendo inmediatamente avisado polo vixía que cubría a quenda dende a garita que alí se asentaba.

“Pero o vixía, ao velo entrar/ díxolle en coreano: telefuken pola China/ que che poden atracar”, cantaba Cazobre, impulsor do Entroido coruñés, para referirse á anécdota. A chamada Pena da Vixía, situada en Monte Alto, existe só na memoria e na oralidade de quen a lembra. Non hai rastro xa daquela garita, cuxo paradeiro actual é descoñecido; case igual que a súa nomenclatura, outro ben toponímico que ameaza con correr a mesma sorte. O escritor e músico Xurxo Souto loita contra o esquecemento cunha ferramenta curiosa: a presentación itinerante da que foi a súa primeira novela e, reedición mediante, tamén a última, O retorno dos homes mariños.

Unha comitiva partirá mañá ás 20.00 horas da Biblioteca da Asociación de veciños de Monte Alto e percorrerá os lugares máis senlleiros do barrio, escenarios recorrentes na novela, na procura e rescate da esquecida Pena da Vixía. “Imos camiñar polo territorio onde se desenvolve a novela. O barrio de Monte Alto é puro realismo máxico: un barrio obreiro e traballador, cuxa xente convive co océano, co grandioso, cos mitos, coas lendas”, conta Souto. O obxectivo principal, alén de celebrar as dúas décadas da publicación de O retorno dos homes mariños, é descubrir os lugares do barrio descoñecidos para moitos dos seus veciños.

“Alí atopou Tettamancy a rocha dos petróglifos que está no Museo do Castelo de San Antón. Pasaremos polo campo de Marte, onde estaban os muíños de vento, pola casa de Luis Suárez, pola rúa Oriente, onde ensaiaban os Satélites. Máis tarde chegamos a onde estaba a pena da Vixía, que emocionou aos antigos e que nos segue a emocionar a nós”, relata o músico.

Pulsa para ver más contenido para ti