Entrevista | Miguel Vieito Avogado

“Os augurios catastróficos sobre as consecuencias da Lei trans non se cumpriron”

“Hai mecanismos para detectar a fraude de lei, o que hai que ter tamén é vontade para aplicalos”

Miguel Vieito, nas xornadas do Dereito de Familia.

Miguel Vieito, nas xornadas do Dereito de Familia. / CARLOS PARDELLAS

O avogado Miguel Vieito participou nas Xornadas do Dereito de Familia organizadas esta semana polo Consello da Avogacía Galega e o Colexio de Avogados da Coruña. Vieito abordou, na súa ponencia, o escenario actual un ano despois da entrada en vigor da Lei trans.

A Lei trans foi unha das propostas lexislativas que máis debate xerou no ano da súa aprobación. Semella que non sempre con rigor xurídico.

É complexo. Por unha banda estivo o debate nos medios de comunicación, no que diría que si, faltou rigor. Escoitáronse voces de xente que nunca se preocupara polo tema e que opinaba por primeira vez, con maior ou menor boa fe. Os egos xogaron un papel; houbo xente que xogou a desinformar, xente que non era experta en nada e se lle puxo un altavoz... iso non axudou. Ademais, foi un debate episódico, no sentido de que, como vai saír a lei, imos opinar agora, cando era un tema do que levabamos debatindo moitos profesionais dende había catro ou cinco anos. A eses profesionais non se lles preguntaba. Iso, na rúa. Na avogacía, o esquema foi lixeiramente diferente. Si que houbo traballos técnicos, publicacións en revistas, con moitísimo rigor; por exemplo, Yolanda Bustos, da Universidade de Alicante, escribiu sobre o tema. Aquí, o Consello da Avogacía Galega foi un dos primeiros consellos a nivel autonómico que dedicou unha formación específica á Lei trans dende a avogacía. Creo que se fixeron as cousas, dende a avogacía, mellor que a media. A media... foi mellorable.

Cando se falaba da Lei trans, algúns dos argumentos en contra apelaban á inseguridade xurídica ou á desprotección dalgunhas vítimas ou persoas vulnerables. Un ano despois da súa entrada en vigor, cumpríronse os agoiros?

A realidade é que moitos deses augurios catrastróficos, como que esta lei ía traer a destrución da loita contra a violencia de xénero, o borrado das mulleres, non se cumpriron. Eu, que asesoro ao colectivo dende o ano 2015, digo que non houbo nada diso. Máis alá dalgún caso que puido saír na tele ultimamente, non houbo nada. Houbo xente que acudiu ao rexistro civil coa súa documentación, e alí se lles fixo o cambio conforme á nova lei e xa está. Houbo plena normalidade no novo procedemento, no que eu acompañei a clientes e clientas e non houbo nada que destacar. Viuse o que moitos viñamos dicindo: a lei non ía ter impacto ningún no ámbito sanitario, por exemplo. A regulación en materia sanitaria é a mesma que antes. Con respecto a menores, todo segue igual, agás o cambio do DNI. Dos malos augurios non se verificou ningún, e as chamadas á calma que facíamos moitos, si.

Cales eran as discrepancias ou preocupacións en materia legal por parte dos profesionais da avogacía?

Diría que en materia legal ou xurídica o debate non foi tan catastrófico. Dende o Dereito vimos falando de identidade como dereito fundamental dende hai moito tempo. A Lei trans non supuxo un grande cambio porque non regula nada que non estivese xa regulado de antes. Tiñamos leis autonómicas, a primeira, en colectivo LGBT, a galega, do ano 14, había leis autonómicas que falaban de autodeterminación de xénero dende o ano 96. O Tribunal Constitucional dixera que os menores tiñan que poder cambiar a documentación dende o ano 19. Todo estaba resolto. Xuridicamente, o tema non tiña interese, era un tema rexistral, un tema menor. Ata a chegada da Lei trans ninguén practicamente publicaba sobre isto, porque non tiña debate. A posición maioritaria era: isto é un dereito fundamental e hai que respectalo. Increpouse ao ámbito xurídico dende o social ou o sanitario, pero entre xuristas, eu non vin tal debate.

Cales foron os grandes mitos?

Houbo moitos e de moitas cores, pero o principal, penso, foi o relacionado cos menores, con que se lles ía empezar a hormonar. A Lei trans non toca practicamente a sanidade, e, ademais, en Galicia e no mundo, as persoas menores de idade trans levan décadas accedendo a tratamentos hormonais con plena normalidade. Díxose que ía ter impacto no ámbito penitenciario porque as mulleres trans ían poder ingresar en módulos de mulleres, cando iso leva pasando dende o ano 2001. O debate estaba resolto. A violencia de xénero: as mulleres trans son consideradas vítimas de violencia de xénero, mesmo se non teñen o DNI, dende hai 10 anos. Si que hai estadísticas no rexistro de que aumentaron as solicitudes de cambio no rexistro, pero non unha avalancha.

Un aumento, por outra banda, previsible.

Previsible, si, porque é un trámite que ten menos trabas, ao non ter que pasar dous anos en hormonación para cambialo. Hai xente que si esperou a que a lei entrara en vigor. Iso normalizarase. A divulgación social de que isto existe, de que non é unha patoloxía, sirve para que a xente se informe máis. Iso de que ía haber unha avalancha, e abusos, non foi así. Hai xente que está en contra da lei que creo que se dedica en corpo e alma a buscar causos de fraude e só apareceron dous ou tres. Se iso é o máximo que puideron atopar, quere dicir que non houbo unha grande bolsa de fraude. A Lei trans é a mellor lei da democracia? Dende logo que non, ten moitos fallos técnicos. É a peor? Tampouco, as hai moitísimo peores.

Con respecto á fraude de lei, hai mecanismos para detectalos?

Mecanismos hainos, o que hai que ter é vontade de aplicalos. A fraude de lei leva anos regulada en España, é unha das institucións máis antigas do dereito civil. A fraude de lei opera noutras institucións, como os matrimonios. A ninguén se lle ocorre que porque haxa un caso de matrimonio de conveniencia, vaiamos a derogar o matrimonio. Porque haxa un caso entre miles de cambio de nome que pode ser fraudulento porque pasa os controis do rexistro, imos a derogar o cambio de nome? Non tería ningún sentido. O persoal do rexistro civil está formado en ámbito xurídico, sabe o que é a fraude de lei, aplica a fraude de lei con respecto aos matrimonios e outras institucións de maneira normal. Que pasa se non detectan fraudes, ou se os detectan pero non actúan en consecuencia? Como en todos os ámbitos, no xurídico hai xente que se resiste aos cambios, pero creo que son os menos, e que o ámbito xurídico está remando cara diante de forma masiva. Eses casos son tan estadísticamente marxinais que non podemos facer unha norma diso. Hai un caso fraudulento entre miles de expedientes.

Suscríbete para seguir leyendo