Cultura, comunidade e territorio: Así se constrúe o Castelo Conta
Queda menos dunha semana para a décimo primeira edición do Castelo Conta, o festival que chega ao rural con máis de sesenta propostas culturais, combinando música, humor, gastronomía e tradición con iniciativas sociais e de participación comunitaria

Público no Castelo Conta 2025 / Aigi Boga
B. C.
Hai máis dunha década, Castelo decidiu cambiar a maneira de celebrar a súa festa. Daquela primeira gala de monólogos naceu un festival que hoxe leva máis de sesenta propostas culturais ás diferentes aldeas da parroquia de Culleredo. O Castelo Conta medrou desde entón sen deixar atrás a súa orixe: a vontade de facer cultura desde o rural e coa comunidade que o habita.
Do 24 ao 30 de agosto, a décimo primeira edición volverá espallarse por Castelo. As prazas, as eiras, as casas, a Taberna, a polideportiva e a contorna do Monte Xalo acollerán actividades nunha programación que combina música, humor, artes escénicas, gastronomía, tradición oral e propostas para diferentes xeracións.
O que algúns descoñecen, é que unha parte importante do festival sucede tamén fóra dos escenarios. Ao longo dos anos, o Castelo Conta foi incorporando colaboracións con entidades e colectivos que amplían a súa dimensión social e permiten que a programación sexa máis accesible e poida abrirse a públicos diversos.
Nesta edición, o festival contará novamente coa participación da Asociación de Persoas Xordas de Galicia, que colabora co Castelo Conta desde 2022 facilitando a interpretación en lingua de signos dos diferentes espectáculos. Tamén continuará a colaboración con Ecos do Sur, vinculada á inclusión e á participación de persoas migrantes e en situación de vulnerabilidade, a través de iniciativas como a cesta e a camiseta solidarias. A Asociación de Parkinson sumarase este ano, coa participación do Castelo Conta na V Carreira Solidaria contra o Parkinson.
Estas colaboracións forman parte da evolución do festival e da súa relación con diferentes colectivos. A programación cultural convértese así nun espazo no que tamén teñen cabida outras realidades, favorecendo a participación e o acceso á cultura.

Intérprete de lingua de signos durante ‘A Noite do Castelo Conta’ na edición do 2024 / Aigi Boga
A implicación da veciñanza é outro dos elementos que acompañan ao Castelo Conta desde os seus inicios. Hai persoas que ceden as súas eiras, patios ou outros espazos para acoller actividades; outras participan na organización, preparan comidas ou colaboran nos diferentes puntos da programación. É esa participación a que permite que a festa se estenda polos lugares habituais da parroquia.
A gastronomía ten papel propio
É tamén nesa relación coa comunidade onde a gastronomía ten un papel propio. A recuperación de Casa Rodríguez, antiga taberna e ultramarinos de Castelo, devolveu a este espazo parte do seu papel como punto de encontro da parroquia. Durante o festival, a Taberna do Castelo Conta recuperará, xa por terceiro ano consecutivo, ese carácter coa programación dos Vermús na Taberna, que combinan cociña e música ao mediodía.
De luns a sábado, cociñeiros e cociñeiras galegos prepararán en directo petiscos con produto de proximidade, acompañados por diferentes artistas e grupos musicais. A maioría xa son veteranos do Castelo Conta, mentres que outros se incorporan por primeira vez a esta experiencia. Durante a semana, pasarán polos fogóns da Taberna referentes da gastronomía galega como Jorge Trigo e Nacho Moreira, Manuel Rodríguez e Begoña Vázquez, Lolo Mosteiro, Paula Martínez, Damián Paris, Bea Sotelo, Álex Méndez, Kike Piñeiro, Lucía Freitas, Moncho Méndez, David Vilariño, Patricia Navarrete, Pablo Morales e Chisco Jiménez.
Ademais, cada día combinará os petiscos preparados en directo coa música de diferentes artistas e grupos. Factoría de Subsistencia, Tapa d’Orella, Balteira, Unto Vello, Ulex ou Skadelos serán algunhas das propostas que acompañarán estes encontros ao mediodía.

Kike Piñeiro (A Horta do Obradoiro) preparando os seus petiscos nos vermús do Castelo Conta 2025 / Aigi Boga
A programación mantén, ao mesmo tempo, os bloques que forman parte da identidade do festival. As mañás estarán dedicadas a Xente Miúda, con propostas para as crianzas ligadas ao xogo, á natureza e á aprendizaxe. Polas tardes chegarán os Contos de Castelo, un dos espazos fundacionais do festival, que volverá poñer no centro a oralidade, a memoria e as historias da parroquia. Pola noite, os Seráns do Castelo Conta, que reunirán concertos, humor e artes escénicas en diferentes espazos da parroquia.
Música: de Xoel López a 9Louro
Entre as grandes citas musicais desta edición destaca o concerto de Xoel López, que regresará ao Castelo Conta acompañado por Antía Muíño. O venres 28 de agosto, ambos compartirán escenario na polideportiva de Castelo: Muíño abrirá a noite coa súa proposta de canción de autor, raíces e sonoridades contemporáneas, e ás 23.00 será a quenda de Xoel López, que volverá ao festival cun repertorio que percorre máis de dúas décadas de carreira. As entradas están dispoñibles na web de Ataquilla.
Xunto a Xoel López e Antía Muíño, a programación musical contará tamén con nomes como 9Louro, Kid Mount, De Ninghures, Kike Varela ou Ailá, dentro dunha proposta que combina artistas consolidados con novas voces da escena galega. A música convivirá durante toda a semana con propostas de creación contemporánea, tradición, humor e espectáculos pensados para diferentes públicos.

Xoel López nun directo durante o Castelo Conta 2023 / Aigi Boga
A programación nocturna terá tamén unha das súas citas máis esperadas en A Noite do Castelo Conta, a gran gala dos monólogos, que volverá converter a polideportiva nun escenario para o humor. Conducida por Xosé A. Touriñán, contará con Carlos Blanco, David Perdomo, Lucía Veiga, Pepo Suevos, Oswaldo Digón, Marita Martínez, Patricia Castrillón, Leti da Taberna e Gari Garrido, acompañados pola música de Galifunk Brass. As entradas para esta gala xa están esgotadas.
Música, humor, gastronomía, tradición e participación conviven así durante unha semana nunha programación que é só a parte máis visible dun proxecto que continúa activo durante todo o ano. A Asociación Cultural Castelo Conta impulsa tamén iniciativas relacionadas coa memoria, o patrimonio e a participación, desde a recuperación de microtopónimos da parroquia ata proxectos como ‘Mulleres que Contan’ e diferentes accións de divulgación e coñecemento do Monte Xalo.

Veciñanza de Castelo recuperando os nomes da parroquia no proxecto ‘Nomear Castelo’ / Aigi Boga
Todo ese traballo volve atoparse durante a semana do festival. Castelo recibe artistas, visitantes, colectivos e público de diferentes lugares, pero a programación segue tendo como punto de partida os espazos e as persoas que forman parte da parroquia durante todo o ano.
É así como chega o Castelo Conta á súa décimo primeira edición: cunha programación cultural ampla, unha comunidade implicada, espazos propios e proxectos que continúan máis alá do festival. Unha celebración que volverá converter as súas zonas habituais en lugares para a cultura, a gastronomía, o humor e o encontro.
- Despedido el director de una oficina bancaria de la avenida de Fisterra de A Coruña por falsificar firmas de clientes y abrirles tarjetas de crédito para cumplir objetivos
- Estrella Galicia demuele un concesionario al lado de su sede en A Coruña para un nuevo uso
- El restaurante de A Coruña elegido para rodar la nueva temporada de ‘Clanes’ de Netflix: 'Buscaban un lugar que recordase a China
- La historia de amor de Hijos de Rivera con un polígono de A Coruña: 'Da vida a espacios en desuso de A Grela y crea otros de referencia
- Abre Marrano en A Coruña, el local informal de tapeo para amantes de la carne a la parrilla: 'Aquí nada de sentarse en una mesa con mantel
- El restaurante que recomienda Martiño Rivas en la guía de Zara por su tortilla: “Todo gira en torno al sabor”
- Problemas detectados en la estación histórica de tren de A Coruña obligan a replantear el final de los trabajos: 'Hay deficiencias que condenan el uso del inmueble
- El bus de A Coruña se podrá abonar con tarjeta de crédito: 'Hay mucha gente que pide hacerlo y hay conductores que acaban pagando billetes