Óscar Losada.A CoruñaO Quiquiriquí é un traballo multimedia adicado á difusión das tradicións galegas relacionadas co Nadal. A obra está composta por tres elementos: un libreto, un cedé e un dvd. As pezas recollidas no cedé abranguen toda a tradición musical do nadal, como aninovos, xaneiras, rondas, os manueles, cantos de reis e aguinaldos. Indican nun texto os responsables da discogreáfica Pai que o nadal "foi un tempo de celebración, con sabores, cantigas, sentimentos e lembranzas de seu. É unha festa moi arraigada no noso pobo. Algunhas tradicións mantivéronse ata hoxe, pero outras desapareceron ou están en perigo de extinguirse, xa que penden do delicado fío da tradición oral". E por iso esta iniciativa quere achegar este mundo ás novas xeracións, para que saiban do seu pasado e constrúan o futuro co coñecemento do que viviron os seus devanceiros. Para dar voz aos temas escollidos, elexiuse a artistas populares da música de raíz galega, e así este disco conta coas voces de Guadi Galego, Uxía Senlle, Mini e Mero, Ugía Pedreira, Pilocha, Tino Baz e Miguel Costas, que rompe co estilo definido da obra incorporando un simpático rock and roll. Ademais desas voces individuais tamén participan neste traballo conxunto as cantareiras de Malvela e Ultreia, a charanga do Fiadeiro e o orfeón Treixadura. As voces contan cun acompañamento sonoro á altura e polo cedé desfilan músicos como Pancho Álvarez, Magoia Bodega, Paulo Nogueira, Pablo Carpintero, Segundo Grandío, Alfonso Castro e César Longa. Entre os trece temas interpretados coexisten diversos estilos e propostas estéticas diferentes. Á hora de salientar algunha canción temos que falar da animadísima Señora iama da casa, coas voces das cantareiras de Ultreia e a sonoridade da charanga do Fiadeiro. Outro tema bonito é Da Rosa Rosiña, interpretada por Ugía Pedreira e que ten uns toques que a poderían integrar no repertorio do grupo Marful, do que ela forma parte. Logo vemos como Mini é quen de cantar a velocidade de vertixe a divertida Unha pouca roupiña e Uxía Senlle pon voz á delicada Ano novo. O Aguinaldo despedida, con todas as voces participantes presentes, é un bo adeus despedida para unha bonita e coidada iniciativa do selo Pai que axuda a preservar o noso legado musical e unhas tradicións que sempre andan en loita cuns tempos modernos que ás veces pretenden esquecer perigosamente o pasado cultural dun pobo. O libreto incluído co cedé e dvd, con textos de Mini, Mero e Carlos Rei, inclúe unha boa cantidade de información para quen pretenda deterse un chisco en aprender como era o nadal noutrora. O traballo consta de 64 páxinas de información sobre as tradicións do Nadal. Na primeira parte do libro atópase a información de cada unha das cantigas incluídas na obra. Na segunda parte aparecen textos explicativos cunha ampla información sobre as tradicións do Nadal en Galiza.No dvd pode ollarse como se realizaron as gravacións dos temas musicais e inclúese tamén un docufilm no que se vivirá unha viaxe moi especial cun avó e os seus netos, "unha viaxe por Galicia ben simpática para os rapaces e ben ilustrativa, tamén para os maiores" na que se mostran as distintas tradicións do Nadal galego e que ten como finalidade que "os propios cativos se dean conta de que a súa propia música ten valor e é tan aceptable como calquer outra música do mundo", sinala Pablo Carpintero.Cómpre engadir o contido pedagóxico do traballo, xa que é un proxecto coordinado por Paulo Nogueira e Magoia Bodega, dous mestres de educación musical que son membros da Asociación de Gaiteiros e que lle deron ese enfoque tan pedagóxico para que poida ser transmitido e utilizado nas aulas, salientan os promotores da obra. O Quiquiriquí é un proxecto producido pola Asociación de Gaiteiros Galegos e editado conxuntamente pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Xunta de Galicia e o selo discográfico PAI.