O. L..A CoruñaO Festival da Carballeira de Zas decidiu inclinarse polos sons irlandeses na programación desta edición. A acordeonista Sharon Shannon, cunha carreira un pouco errática en canto aos discos editados, despregará todo o abano de ritmos que garda nas súas mans. A presenza desta muller en directo significa un valor seguro para contar con pezas bailables e existen bastantes no seu repertorio que se adaptan como unha luva á mellor tradición do folk irlandés.Diferente é o que proporá o grupo Solas, xa que eles contan cunha voz femenina para ir alternando aos temas instrumentais rápidos e contundentes. A banda radicada en Estados Unidos, e composta por descendentes de irlandesesl, sacou hai aproximadamente un ano un dobre cedé no que realizaban un percorrido pola súa andaina muiscal. Seguramente será unha escolma de cancións sobranceiras da súa carreira as que compoñan o repertorio que interpreten na carballeira.Antes deles actuarán os galegos Radio Cos e os asturianos Llan de Cubel, uns clásicos na escena folk. O punto final da festa estará a cargo de Pepe Vaamonde Grupo, que saberán pór unha despedida festiva e animada á noite. A cita é o vindeiro catro de agosto e os concertos comezan ás nove da tarde. Cómpre lembrar que desde hai unhas edicións, e para poder sufragar o orzamento preciso para montar un evento destas características, os organizadores cobran unha entrada de cinco euros coa que en anteriores ocasións deron un cedé composto por temas dos grupos incluídos no cartel. O Festival de Pardiñas, no concello de Guitiriz, é o máis veterano de Galicia xunto ao de Moeche. Na súa vixésimo oitava edición contan o catro de agosto cos galegos Ghaita de Pedra, Os Tres Trebóns e Os Cempés. Completa o cartel da xornada a presenza dos vascos Korrontzi, que xa actuaron o ano pasado deixando moi boa impresión. En canto á quenda dominical pasarán polo palco de Pardiñas os portugueses Dazkarieh, os franceses Elzef e o gaiteiro asturiano Xuacu Amieva.Mañá a localidade das Pontes vivirá unha nova noite do seu festival folk, na que contará cos pucelanos Celtas Cortos, co gaiteiro galego Antón Davila entre os compoñentes, e os irlandeses Four men and a dog, recuperados para os escenarios galegos o ano pasado polo Festival de Ortigueira após un parón de bastantes anos nos que non foi posible ollalos en escena. O conxunto irlandés amosou estar en boa forma e continúa ofrecendo concertos intensos.