O poeta Ramón Cabanillas foi homenaxeado onte en diversos actos organizados en Santiago, Cambados e Mondariz-Balneario con motivo do 50 aniversario do seu falecemento.

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, participou na homenaxe a Cabanillas que tivo lugar na casa consistorial de Mondariz-Balneario, nun acto organizado pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL). Anxo Lorenzo salientou o traballo do poeta cambadés a favor do galego e incidiu, ademais, no importante labor dos concellos no fomento da lingua galega.

"Con este acto -dixo- homenaxeamos a figura de Ramón Cabanillas no aniversario da súa morte, pero tamén homenaxeamos o papel normalizador a favor do galego que, nestas últimas décadas, se vén desempeñando desde as corporacións municipais".

O acto de homenaxe a Cabanillas tamén incluíu a sinatura da Declaración de Mondariz-Balneario, na que os alcaldes de Cambados, Cuntis, Dozón, Meis, Moaña, Mos, Redondela, Silleda e Mondariz-Balneario ratificaron o compromiso dos concellos co fomento do galego. Ao final deste acto, procedeuse ao descubrimento dunha placa dedicada a Ramón Cabanillas na fachada da casa consistorial de Mondariz-Balneario, localidade na que o poeta chegou a ser concelleiro.

Pola mañá, no Panteón de Galegos Ilustres, na igrexa compostelá de San Domingos de Bonaval, unha comisión do Concello de Cambados e representantes da familia Cabanillas colocaron senllas coroas de flores no sepulcro do escritor. Durante este sinxelo acto interpretou dúas pezas musicais o violonchelista Carlos Ariel e leron poemas os académicos Francisco Fernández Rei e Salvador García Bodaño.