08 de marzo de 2010
08.03.2010
MÚSICA DE RAÍZMúsico que vén de publicar o álbum 'Tirán'

Anxo Lorenzo: "É difícil gustar a todos os públicos e quixen elaborar un disco variado"

"Non teño que negar a influencia que procede da música irlandesa, que xa levo tocando dende hai bastantes anos e que, en certa medida, forma parte do meu estilo musical"

08.03.2010 | 01:47
A frauta de Anxo Lorenzo sinala un camiño a seguir. / zouma

Pertence a esa xeración de gaiteiros que lle deron unha volta ao instrumento e foron quen de integralo en propostas musicais do máis variadas. Anxo Lorenzo debullou o folk máis vangardista cando formaba parte do grupo Spiritu 986, aínda que daquela a idea da compañía multinacional que os editou era a de ocupar un espazo nas discotecas e alí Anxo non se vía cómodo porque el sempre foi unha persoa á que lle gustaban os festivais de folk. Coa súa banda vén de realizar o seu debut discográfico cunha obra que leva por título o nome do seu pobo. Será unha boa ocasión para asentar un proxecto musical no que conta con músicos experimentados

O álbum Tirán significa o debut discográfico da Anxo Lorenzo Band, á quen tivemos oportunidade de escoitar na pasada gala de entrega dos Premios Opinión. Este gran gaiteiro leva anos exercendo como solista do instrumento.

-Estamos diante dun disco no que se comproban as influencias que ten a música dos países celtas en vostede.

-A obra é acústica e iso me levou a facer algo con esa onda céltica. Síntome moi cómodo con esa formación, na que estou rodeado de grandes músicos, e non teño que negar a influencia da música irlandesa, que levo tocando dende hai moitos anos e que, en certa medida, forma parte do meu estilo. O violinista da banda é desa nacionalidade e resultou clave neste traballo. Temos moi boa química entre nós

-Semella que o disco estea pensando tamén para o mercado internacional ao meter esas pezas do mundo celta xunto a temas galegos. Foi esa a súa idea?

-Sen dúbida que pensamos no estranxeiro á hora de formular a obra. Levo dez anos tocando máis fóra que en Galicia e xa temos pechadas actuacións en Inglaterra, Bélxica e Alemaña. O directo está a funcionar ben. É difícil gustar a todos os públicos e pretendín elaborra un disco variado.

-Resulta chamativa esa instrumentación hindú en dúas pezas galega. Como xurdiu esa orixinal mestura?

-Chamáronme do trío Om-Off e púxenme a traballar con eles, investigando as posibilidades expresivas, e así fomos fusionando eses dous mundos e saíron as pezas. Aires de Pontevedra é unha tema xa moi queimado e pensei que sería bo introducir esa sonoridades hindús e A Bruxa penso que quedou bonita con ese aporte. Están a chamar moito a atención, o cal está moi ben, pero hai xente que só se queda con iso e é case o único que salienta do disco, e o conxunto da obra é algo máis que esas dúas cancións.

-Pecha o disco unha peza composta pola gaiteira Kathryn Tickell. Foi unha encarga feita por vostede?

-Non. O tema xa estaba composto e como Kathryn é unha boa amiga, coa que xa toquei en varias ocasións, pedinlle incluílo no disco. Na entrada da peza aparece a voz dunha cantareira de Trives, Ludivina Pérez, que aporta unha pegada galega ao tema.

-Vostede era coñecido por ser integrante de Spiritu 986 e ata o momento non aparecera en ningún outro disco. Moita xente pensará que é un artista novo.

-É certo que hai xente que non me coñece, aínda que levo moitos anos tocando. Está é unha boa oportunidade para presentarme. O de Spiritu non prosperou por diversas cuestións, entre outras que era algo moi complicado de mover para os directos. Esa proposta tiña máis de experimento e nesta creo que se ve o Anxo Lorenzo máis auténtico, aínda que o traballo con Spiritu queda aí e aínda aparecen creacións nosas como sintonía en programas de radio e televisión.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook