Víctor F. Freixanes recibiu o Premio Irmandade do Libro ao Mellor Autor do Ano 2010, galardón que concede anualmente a Federación de Libreiros de Galicia e que será outorgado ao escritor o vindeiro sábado, 2 de abril, nunha cea literaria en Narón. Segundo informou onte a citada federación, esa noite daranse a coñecer os premios nas outras modalidades: o libro do ano, unha iniciativa editorial, unha libraría, unha institución e unha iniciativa a favor do fomento da lectura.

O galardón a Víctor F. Freixanes é o único que deron a coñecer oficialmente os libreiros antes da celebración. Considerárono autor do ano "pola publicación da súa novela Cabalo de ouros, tras dezasete anos sen publicar obra de ficción (A cidade dos césares, 1993), ademais de pola súa traxectoria literaria, non só como escritor, senón a favor da lingua e da literatura galega", sinalou a federación.