21 de enero de 2012
21.01.2012

Memoria do continuador de Pondal

Publícase 'Bretemada', obra inédita de Gonzalo López Abente, un poeta case descoñecido que cultivou un forte apego pola patria galega

21.01.2012 | 03:45
O escritor Gonzalo López Abente. / la opinión

Gonzalo López Abente (Muxía, 1878-1963) foi un poeta do mar do que pouca xente coñece a súa obra e a quen se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1971. Un home enraizado na Costa da Morte que desenroulou unha ampla actividade literaria e académica, cuxa literatura se achega á de autores como Manuel Antonio e Ramón Cabanillas. Agora, coa publicación da súa obra inédita Bretemada, a Fundación Gonzalo López Abente e a Real Academia Galega queren poñer de manifesto a figura deste escritor, gran descoñecido para a maioría dos galegos.

O manuscrito de Bretemada, elaborado entre os anos 1917 e 1922, atopábase depositado no arquivo da RAG e, ao descubrir que era unha obra que non saíra á luz, Miro Villar -responsable da edición do libro e patrón da Fundación López Abente- avisou inmediatamente aos seus compañeiros da institución muxiana. "Foi unha gran sorpresa e unha alegría atopar ese poemario, e publicar e difundir esa obra inédita era algo obligado para a nosa fundación, que quere espallar e dar a coñecer a figura deste escritor", comenta Xosé Henrique Rivadulla -vicepresidente da fundación-. Bretemada foi presentada o pasado mes de outubro na vila natal do autor, e onte tivo lugar na Coruña, na sede da RAG.

Rivadulla e Villar puxeron de manifesto no acto a forte relación da literatura do autor de Muxía coa doutros autores como Eduardo Pondal -do que era parente- e o seu sentimento nacionalista en canto á patria galega. Villar, que xa publicou unha antoloxía de Gonzalo López Abente en 1995, comenta que este é o libro máis político do autor -"escribiuno influenciado polo ambiente das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, dos que era membro"- e apunta que este "utiliza a fala da Costa da Morte nas súas composicións e o léxico do mar".

Como explicou Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Academia Galega, nun artigo do suplemento Saberes deste diario, Bretemada "é unha obra destinada a modificar sustancialmente o canon literario galego do século XX". O presidente da RAG alude á opinión da profesora Olivia Rodríguez -quen tamén presentou a obra onte na Academia-, que "apunta á estética do pre-raphaelismo como unha das balizas que poden marcar a situación de Bretemada. Como en certo Cabanillas, o pre-raphaelismo deste López Abente está posto ao servizo da Nazón, igual que o estivera o parnasianismo de Pondal".

"Desde a Fundación Gonzalo López Abente considerabamos que, sendo este un escritor importante, estaba un pouquiño esquecido porque non se podía acceder ás edicións das súas obras, xa que todas están esgotadas, así que é a nosa obriga editar e reeditar os seus poemarios", sinalou Rivadulla, que adiantou onte unha serie de actividades que realizará a fundación, como a reedición da narrativa breve do autor muxiano.

Miro Villar califica esta obra inédita como "un poemario potente, con cen poemas que se poden ler como un só, xa que é un libro moi meditado e pensado", e adianta que será presentado tamén en Santiago, no marco da Universidade, que é un dos patróns da fundación.

López Abente, di Ferrín, traballou na banca até que o franquismo o expulsou do seu posto directivo. "Era unha persoa discreta e o seu vulto facíase case invisíbel", apunta. Un novelista, poeta e xornalista que sempre defendeu Galicia e continuou a labor espalladora da literatura galega que comezara Eduardo Pondal.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario