Valentín Paz-Andrade foi un polifacético autor e pensador, un dos máis importantes na construción da identidade de Galicia, aínda que é a súa faceta como poeta "dunha forza nerudiana" a que reivindica a edición 2012 do Día das Letras Galegas. "Non era un economista que fixese poemas. Era un verdadeiro poeta", asegurou nunhas declaracións a Efe o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.

Na súa opinión, a obra poética de Paz-Andrade forma parte da xeración de 1925 cunha marcada temática "social e política" que o achega a Rosalía de Castro -"continúa a dimensión feminista de Rosalía"-, Lorca, Manuel Antonio e, sobre todo, de Pablo Neruda. Do mesmo xeito que o poeta chileno, Paz-Andrade convértese en intérprete dos sentimentos populares.

O seu libro de poemas Pranto matricial, creado en memoria de Castelao, que o propio autor consideraba "o seu líder", é o mellor exemplo dunha traxectoria artística que abarca os últimos cen anos, considerou o presidente da Real Academia Galega.

"Todo o século XX está circulado polo Valentín Paz-Andrade político. Non se entende a política republicana e nacionalista sen el", subliñou. Non se limitou exclusivamente á poesía senón que foi "ideólogo e práctico do nacionalismo galego", indicou Méndez Ferrín, e contribuíu desde o xornalismo, a literatura e o mundo empresarial á creación da identidade colectiva do pobo galego.

De feito, tivo un importante papel na fundación do Partido Galeguista co que concorreu ás eleccións ás Cortes Constituíntes de 1931, en terceiro lugar por Pontevedra, ademais de impulsar o Estatuto de 1936 e defender a autonomía galega.

Fóra da política, Paz-Andrade intentou impulsar o tecido económico galego e en 1960 participou na fundación da empresa Pescanova, da que foi designado vicepresidente. A pesar diso, mais que un empresario, Paz-Andrade foi "un home de ideas económicas", subliñou Méndez Ferrín. "Foi un gran poeta e un grande economista. Iso non adoita ocorrer, nin en Galicia nin en ningunha parte", apuntou o presidente da RAG.

A edición 2012 do Día das Letras Galegas suporá o quincuaxésimo aniversario da conmemoración que culminará no vindeiro 16 de xuño cun grande acto na praza de María Pita, na Coruña, onde escolares de toda Galicia "cultivarán" a palabra nunha horta simbólica. A horta contará con follas de camelia da casa-museo de Rosalía de Castro ou terra da horta de Curros Enríquez, entre outros autores.