A RAG adicará o Día das Letras 2013 ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño
O pleno da Academia decidiu por maoiría o nome do autor teatral santiagués, que viña avalado polos académicos Euloxio Ruibal e Margarita Ledo e o propio sector teatral galego

O dramaturgo Roberto Vidal Bolaño. / la opinión
Isabel Bugallal| A Coruña
Nin Xosé Filgueira Valverde, nin Carlos Casares, nin Ben-Cho-Shey. Ningunha destas candidaturas prosperou. Nin a do poeta berciano Antonio Fernández y Morales, tan querido ao presidente da Real Academia Galega (RAG), Xosé Luís Méndez Ferrín, que o propuxo unha vez máis. Ao final dun longo debate entre os académicos, impúxose no pleno o nome do dramaturgo Roberto Vidal Bolaño para ser homenaxeado o Día das Letras Galegas 2013.
A candidatura de Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) chegou ao plenario da RAG avalada por nomes como o doutro dramaturgo, Euloxio Ruibal, ou da catedrática de Comunicación Audiovisual Margarita Ledo, que fixeron onte un encendido eloxio da súa figura.
Tamén recibiu o pasado xoves o apopio público de medio centenar de asociacións e institucións dos ámbitos escénico e cultural, ademais de oitocentas firmas.
"É unha figura imprescindible para comprender a dimensión do teatro galego e, xa que logo, do noso sistema literario", segundo a Academia, que destacou a prolixa produción literaria de Vidal Bolaño, "sempre orientada a armar un edificio teatral galego perdurable".
A produción de Vidal Bolaño "caracterízase por un irrevogable compromiso coa lingua galega, pois estamos ante un autor radicalmente monolingüe, que contribuíu á definitiva instalación do teatro galego na nosa lingua. Ademais, hai na súa obra un inequívoco compromiso estético. Todos os estudosos coinciden en salientar a súa constante preocupación pola experimentación, por dialogar coa tradición culta e popular, literaria e histórica, social e política", sinalou a RAG. "É considerado un dos dramaturgos europeos máis importantes do último cuarto do século XX", engadiu.
Non é soamente un home de teatro (traballou na produción, dirección á iluminación). Tamén foi "un excelente actor e un dos pioneiros da produción audiovisual en Galicia". O seu traballo como director e como guionista, aínda que non chega á dimensión do seu labor dramático, tamén merece unha consideración especial polas liñas que deixou trazadas para o desenvolvemento dun campo audiovisual galego, sostén a Academia.
Vidal Bolaño é autor de obras como Laudamuco, Señor de Ningures (1976), Bailadela da morte ditosa (1980), Agasallo de sombras (1992), Días sen gloria (1992), Saxo tenor (1993) ou As actas escuras (1994), a meirande parte delas levadas aos escenarios.
O plenario da RAG acordou así mesmo nomear académico de honra electo a Arcadio López Casanova e académicos correspondentes a Xosé Manuel González Herrán, Luz Méndez, Fernando Ramallo Fernández, Olivia Rodríguez González, Goretti Sanmartín Rei e Xavier Vence Deza.
- Una tala marca el inicio de los trabajos en la futura urbanización de A Xunqueira, en Oleiros
- Cándido Hermida: “De ebanista soy casi maestro; de empresario sigo siendo un aprendiz”
- La huelga de bus de A Coruña se iniciará este miércoles al no haber acuerdo entre sindicatos
- El Concello de A Coruña ordena al dueño de un edificio de las galerías de la Marina tomar 'medidas urgentes' ante la caída de piezas a la calle
- El año en blanco de Lucas Pérez y el punto de no retorno: rechazo al Leganés y de nuevo en el mercado
- La línea ferroviaria del puerto exterior de A Coruña se encarecerá en 15,5 millones por trabajos no previstos
- El precio de la camiseta de Zara de Bad Bunny en la Super Bowl, por las nubes en las plataformas de segunda mano
- El seleccionador Luis de la Fuente cena en A Mundiña junto al fundador de El Pulpo