O inquedo músico castelán, asentado en Galicia dende hai unha década, continúa a elaborar diferentes propostas nas que dar saída á súa creatividade. Non quere falar por se non saen adiante, pero á parte dos que aquí comentamos anda a voltas con tres proxectos.

-É o director creativo do Proxecto Florencio, un traballo que se basea no repertorio do cego dos Vilares e no que se poden ver enriba do escenario a quince músicos. Como valora esta iniciativa?

-Foi un proxecto de nove meses canda o alumnado da Central Folque e no que tivemos a fortuna de afondar no seu repertorio con persoas que coñecen moi ben a súa figura. Ter a tanta xente implicada foi finalmente doado porque teñen un nivel moi bo de interpretación e souberon entender os arranxos que eu realicei. Se aprenderon algo con esta experiencia musical xa me dou por satisfeito.

-Para os seus concertos en solitario botou man dunhas gravacións do latexar do corazón realizadas en vinilo e montou o espectáculo Método cardiofónico.

-Que está a funcionar mellor do que puidera pensar, xa que aínda non gravei o disco e vou saír ao estranxeiro. Gústame gravar en directo e que logo ese álbum sirva como carta de presentación do proxecto, xa que comercialmente non dan as vendas para moito. O repertorio ten composicións miñas, algunha peza tradicional e temas, por exemplo, de Valentín Clastrier e Paolo Conte.

-Dentro dos seus proxectos achamos a Oh trío, grupo que realiza versións do compositor galego Xesús Bal y Gay. Que viron no repertorio do autor lucense para elixilo?

-Suso Vaamonde agasalloume coa edición do seu Cancioneiro editada pola Fundación Barrié e comecei a tocar as melodías. Algunhas parecéronme marabillosas. Logo tiña moitas ganas de facer algo cos meus dous compañeiros do grupo e pareceume unha ocasión perfecta para realizar unha obra acústica cun discurso coherente.

-Que atopou en Galicia para quedar a vivir na nosa terra?

-Faime gracia que mo pregunte un galego. En ningures se vive como aquí. Acho paraísos perdidos en cada recanto. A xente aínda canta na rúa e garda un sentimento especial pola música. Iso resulta cativador.