21 de marzo de 2017
21.03.2017

SondeSeu prepara novo disco

O quinto traballo da orquestra folk galega incluirá catro pezas orixinais compostas por Anxo Pintos, Pedro Lamas, Xosé Lois Romero e Quico Comesaña

21.03.2017 | 14:34
Imaxe dunha actuación da orquestra SondeSeu, coasección de zanfonas en primeiro plano.

O seu anterior álbum saíu en 2013 e xa era tempo para que a orquestra folk SondeSeu argallase unha nova obra que engadir á súa discografía. Un anticipo de cousas que formarán parte dese disco puido escoitarse no concerto que celebraron durante o pasado Culturgal, onde presentaron pezas novidosas dentro do seu repertorio. Neste novo traballo, que sairá antes do Nadal, a agrupación decidiu botar man de recoñecidos músicos galegos para que elaborasen un tema para eles. Dese xeito, neste vindeiro álbum terán cabida tres pezas compostas expresamente para a banda por Quico Comesaña, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero.

Subliña Rodrigo Romaní, director da escola E_trad, xermolo de SondeSeu, que lles apetecía "traballar con varios compositores para que puidesen facer un tema pensado para SondeSeu e pór a orquestra ao mando doutros autores que nos ofrecesen a súa visión e que, nese apartado, non sempre estivese achegada ao que propoñen os mestres da escola. Esta é unha liña coa que pretendemos seguir no futuro e xa contactamos con outros músicos que, desta vez, non puideron achegar a súa peza, pero cos que contamos no futuro. Os tres que están presentes son artistas que nos gustan no xeito que teñen de facer as cousas musicalmente".

Tamén haberá un lugar destacado para unha composición de Anxo Pintos, docente da E_trad, titulada San Martiño, que foi realizada para un espectáculo arredor da candidatura das illas Cíes como patrimonio da humanidade e consta de catro partes ata completar os quince minutos de duración.

Ademais deses temas de composición tamén existe un oco para interpretar pezas tradicionais, algo recorrente na traxectoria da formación, que contarán cos arranxos que os acheguen ao xeito de facer estético da orquestra. No disco soarán algunhas pezas coñecidas no folk galego e, entre elas, haberá revisións sonoras da Foliada de Berducido, popularizada por Milladoiro, ou Aí ven o Maio, o tema máis coñecido na carreira de Luís Emilio Batallán.

A orquestra cumpre quince anos de vida. Romaní indica que todo comezou "como unha necesidade pedagóxica para comezar cunha práctica escénica na que pretendiamos non contar con virtuosos, senón ser quen de ter un fato de músicos que funcionasen ben e con cohesión como grupo".

En canto á avaliación do que representou Sonde- Seu nestes quince anos de vida respecto á idea inicial barallada, Romaní non dubida en sinalar "que superamos os límites que pensabamos cando naceu este proxecto. Internamente é un proxecto que funciona moi ben, onde existe unha gran relación entre os compoñentes. Hai persoas que se resisten a deixalo porque lles gusta formar parte da orquestra e como vén dende atrás xente nova con forza e ilusión á que imos incorporando, cada día somos máis músicos enriba do escenario. De cara ao exterior pode haber algunha dificultade polo volume de xente que movemos e constatar que traballamos nun mundo profesionalizado cando nós dependemos dun concello como centro educativo, mais que non achega cartos como se fósemos un proxecto profesional. Iso provoca unha disonancia. Estamos nun circuíto profesional, mais SondeSeu non o é e iso implica que hai certas cousas que non se poden facer".

O grupo ten no seu poder dous PREMIOS OPINIÓN gañados como mellor álbum do ano.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

ESPECIAL

PREMIOS OPINIÓN MÚSICA RAÍZ

Premios Opinión da Música de Raíz

Consulta aquí a información dos premios de música do noso diario