Levaban quince anos sen publicar un álbum e en 2017 decidiron volver xuntar a marca Tribalistas para editar un novo traballo discográfico. Son tres artistas cunha carreira xa consolidada que nunca deixaron de traballar xuntos en todo este tempo, xa que nos seus discos como solistas apareceron nestes anos máis de vinte cancións asinadas conxuntamente como compositores polos tres. Se metésemos nas que colaboran só dous deles, o número de temas dobraría a cifra comentada.

A cita en Galicia para que os amantes da músicadeste trío brasileiro poidan escoitalos en directo será o vindeiro 26 de outubro, ás nove da noite, no recinto do Multiusos do SAR en Santiago de Compostela. É a primeira vez que esta formación realiza unha xira e sobe aos escenarios, xa que cando fixeron o primeiro traballo non lles foi posible cadrar datas para se poderen xuntar. Tanto o público coma eles tiñan moitas ganas de poder contemplar un show do trío e no seu país meteron a milleiros de persoas nos recintos nos que fixeron actuacións, mais non se esqueceron dos seareiros a nivel internacional e por iso decidiron realizar tamén unha xira na que farán trece concertos por Europa.

O álbum de Tribalistas acadou un premio Grammy latino en 2003 na categoría de mellor álbum de pop contemporáneo en lingua portuguesa e obtivo outras catro candidaturas para esa obra, entre elas a de mellor canción do ano para Ja sei namorar.

Conversamos con eles nunha conexión telefónica múltiple con Brasil, na que participaron os tres artistas ao mesmo tempo, para que nos desen as súas opinións sobre este proxecto musical conxunto.

-Nestes quince anos nunca deixaron de facer cancións conxuntas. A volta de Tribalistas é por que xa pensaban que era demasiado tempo sen publicar algo ou atoparon esas composicións que os levaron a cismar que serían boas para publicar un novo traballo como trío?

-Arnaldo Antunes: Foron realmente as novas cancións que tiñamos compostas as que motivaron que decidísemos reunirnos novamente e realizar un novo traballo. Ese repertorio creou a necesidade de volver xuntarnos no proxecto de Tribalistas.

-Marisa Monte: Sempre estivemos facendo cousas xuntos nestes anos e vimos que as cancións que tiñamos diante terían máis forza se as interpretásemos como trío que se as fixésemos en solitario ou a dúo e por iso decidimos volver.

-Como é o proceso de composición entre tres solistas destacados que aquí deben exercer como un colectivo?

-A.A: Tribalistas ten unha sonoridade moi definida, moi precisa. Existe unha química na que aparece a identidade dos tres. Os tres damos ideas, existe un intercambio para definir a canción e todo resulta estimulante no aspecto creativo. Creo que os tres ingredientes das nosas personalidades musicais aparecen moi equilibrados no conxunto. Temos moitos xeitos de elaborar un tema, ás veces parte dunha harmonía e outras veces dunha melodía ou dun anaco de letra.

-Tribalistas acadaron unha sonoridade propia. Como traballan para lograla?

-Carlinhos Brown: Á hora de traballar temos moito respecto polo valor musical dos nosos compañeiros. Somos tres intérpretes, mais na ecuación definitiva é como se fósemos un. Somos partícipes dun colectivo. Nunca tivemos interese en destacar por riba do outro, o que debe salientar realmente é a música. Teño claro que xuntos somos máis fortes. O que pretendemos é tribalizar, levar unha música de cura a quen nos escoita porque a música é sagrada, é de todos e está inzada de espiritualidade. Acho que existe neste proxecto musical unha sonoridade moi definida e existen varios instrumentos que tamén nos axudan a construíla.

-A.A: Xogamos coas nosas voces, as melodías... é un proceso intenso que achega unha personalidade propia, xa que eu non abordaría os temas desa forma no meu traballo como solista e o mesmo lle acontecería a Marisa e Carlinhos. Como trío temos unha linguaxe propia e cando gravamos ás veces ata podemos quedar abraiados co rexistrado. Penso que os tres sabemos contribuír moi ben á creación colectiva e somos conscientes de que algunhas ideas propias non sairán adiante, pero o que realmente importa é deixar ir á música cara onde ten que ir. Iso é realizar un exercicio colectivo.

-Que influencia ten nese son propio que Carlinhos sexa baiano de nacemento, Marisa unha carioca e Arnaldo un paulista?

-C.B: Coas nosas orixes xuntamos o Brasil, o que é a música popular brasileira. O noso país ten dimensións continentais e influencias variadas e nós achegamos as nosas raíces fondas para integralas da mellor maneira posible no colectivo.

-A.A: Cada un achega un ingrediente que acaba por dar ese sabor particular ao trío. As nosas diferenzas musicais resultan complementarias para o proxecto. En Tribalistas existe sempre moita afinidade.

-No novo traballo existen nas letras das pezas incluídas na obra bastantes referencias a temas sociais e políticos, cousa que non acontecía no traballo anterior.

-AA: Falamos de cousas moi actuais. Dos refuxiados no tema Diaspora, do valor da educación en Lutar e vencer, na que falamos da ocupación das escolas por estudantes acontecidas hai tres anos, ou da escaseza de auga en Baião do mundo. Tamén falamos de política, en xeral, no tema Um Só, no que tratamos de como se exercita a convivencia coas diferenzas, do que non pensa igual ou actúa doutra forma. A arte é libre e pode expresarse de diversos xeitos. Ademais das cuestións líricas, afectivas e amorosas, tamén presentes na obra, existe tamén ese espazo para falarmos deses temas comentados. A verdade é que non foi nada programado, saíron de xeito espontáneo á hora de compoñer. Hai quince anos, cando realizamos o anterior traballo, o tema dos refuxiados víase dunha forma diferente á actualidade. Poderiamos dicir que os temas nos escolleron a nós e que neles hai un inconsciente colectivo que acaba reflectido no que facemos.

-C. B: Para min foi coma unha chuvia que nos enchoupou. Recoñecemos e falamos das nosas vivencias. Esas pezas xorden de xeito espontáneo, de cousas que consideramos puras e saen con total naturalidade das nosa bocas. Acho que a melodía dunha canción é a alma e a letra o seu corazón. As cousas saen de dentro, dese amor e conforto que xera a nosa amizade.

-Sempre salientan o aspecto lúdico cando falan do trío. Consideran que é algo fundamental para que as cousas funcionen ben?

-C.B: Non só é cuestión de falar do capitalismo, de como vai a economía, da falta de saúde. Tal como sinalei antes é preciso ofrecer unha música de cura á xente. O lúdico tamén é para nós porque cando traballamos xuntos os tres é coma estar de vacacións, non queremos que iso sexa un traballo.

-A.A: Coido que existe unha forza ancestral no que facemos, na nosa música, mais tamén existe, sen dúbida, algo lúdico e está ben que iso exista.

-A cantante portuguesa Carminho participa en dous temas do álbum. Como se xestou a súa colaboración na obra?

-M.M: Xa graváramos xuntas unha canción que o Arnaldo e máis eu fixemos para ela, que se titula Chuva no Mar. Ten unha relación grande co Brasil, xa estivo bastantes veces por aquí. Paréceme unha voz marabillosa. É coautora dun par de pezas, como Trabalivre, que é un canto de traballo, e Os peixinhos, na que acabou cantando. Para ese tema trouxo unha idea, un comezo de música e unhas estrofas. Despois eu leveilla aos meus compañeiros para que traballasen na letra cando estabamos na Baía. Naquel momento, nin Arnaldo nin Carlinhos coñecían persoalmente a Carminho. A súa presenza foi algo natural, significou un diálogo musical coa linguaxe musical portuguesa, coa que temos proximidade a través do sentimento, das melodías. Parte da música brasileira vén de Portugal. Resultou moi familiar ese diálogo musical. A primeira música que eu aprendín a cantar, con sete ou oito anos de idade, foi un vira (ritmo musical portugués). Chamábase Gato preto e creo que en Portugal tivo moito éxito.

Marisa ponse a cantar polo teléfono unha parte do tema e séguelle Carlinhos nun par de estrofas e dando palmas ata continuar a conversa.

-C. B: Habería que investigar a relación rítmica entre o vira e o reggaeton (rindo). A ligazón con Portugal é para sempre e non creo que vaia minguar no futuro. Non só compartimos a lingua de Camões, senón outras cousas. O bo sería saber aproximarse e aprender uns cos outros.

-A. A: Despois de coñecela, Carminho participou comigo nun dvd que gravamos en Lisboa. A presenza dela fai que haxa unha bonita ponte portuguesa coa música brasileira. Non en van, Carminho gravou un disco hai un par de anos con pezas do noso Tom Jobim. Creo que esa ponte luso-brasileira é unha cousa viva na música actual.

-No seu debut discográfico como Tribalistas acadaron un Grammy latino. Que significou ese galardón?

-M. M: Foi unha boa ocasión para xuntármonos, posto que non realizáramos xira por incompatibilidade de axendas, os tres estamos bastante ocupados, e para esa cerimonia si que puidemos presentar a nosa música en directo. Ese galardón logrou que a xente tivese coñecemento de nós alén do Brasil. Abraiounos como o público, non só brasileiro, senón en bastantes partes do mundo, recibía esa obra. O día dos Grammy foi bonito gañalo e poder estar os tres xuntos representando ao noso país.

-Canto cambiou a industria musical neses quince anos que Tribalistas estivo sen editar?

-M.M: Mudou moito todo. Vemos como os adiantos tecnolóxicos transformaron totalmente as relacións persoais. Mudou a sociedade e o mundo da música non quedou fóra diso. A xente pode escoitar agora a música en todos os lugares que queiran. Antes era algo que se mercaba fisicamente e agora pode facerse a través de internet. Todo iso fai que sexa moito máis accesible. A mudanza foi moi grande e eu creo que aínda estamos no medio dese proceso. Non se transformou unicamente o eido musical, senón todas as relacións da humanidade.

-A. A: O que resulta indiscutible é que a música continúa a cumprir o papel de ritual ao vivo. Iso non é algo virtual, aí existe unha comunicación directa co público e iso non mudou.

-No disco anterior había dous temas que obtiveron un enorme éxito popular (Ja sei namorar e Velha infancia). Creo que neste posiblemente non haxa ningún que logre esa repercusión, mais considero que o traballo está máis equilibrado e funciona, en global, mellor que o primeiro. Que pensan vostedes?

-M.M: Acho que son discos complementarios. Chamámolos de igual xeito, Tribalistas, engadindo o de 2017 a este último, e conceptualmente existen moitos trazos semellantes. Creo que nas composicións existe unha parte experimental e libre que reflicte ben o traballo dos tres. O novo disco é coma unha segunda edición, con cousas semellantes e un espírito moi contemporáneo. Se a xente descoñecese a nosa obra poderían escoitar os discos xuntos e ao mellor non saberían de que época son cada unha das cancións.

-A. A: A xente nos concertos no Brasil canta as cancións dos dous discos e iso é algo moi gratificante para nós.

-Quería que me falasen do que máis admiran dos seus compañeiros.

-C. B: O seu talento e a capacidade de transparencia que teñen. Esa transparencia de corazón faime aprender cousas deles. Cando me xunto con eles síntome sempre moi acollido.

-M. M: Aprendín moito do xeito no que eles fan as cousas. Son moi observadora e sempre contemplo con interese a súa maneira de pensar e crear. Admiro o seu cariño, dozura, xentileza e delicadeza. Fan que traballar con eles sexa moi doado e gratificante.

-A. A: En primeiro lugar admíroos como artistas, todo o traballo que desenvolven. Cada vez que sae un disco novo deles sempre estou esperando con ganas para saber o que fixeron. Como compañeiros de traballo, para min teñen capacidade de abraiar coas súas propostas. Fanme espertar a conciencia a moitas cousas diferentes. Admiro o respecto que sempre amosan cando estamos a traballar nas cancións ou conversando sobre calquera tema.

-Todos actuaron en solitario na Galiza, un lugar no que xa saben que poden falar na súa lingua e contan coa comprensión do público. Cal é a súa relación coa nosa terra?

-M.M: Estiven actuando hai anos na Coruña e teño moitas ganas de coñecer Santiago de Compostela. Aquí en Río o galego é un pouco sinónimo de portugués. Penso que existe unha proximidade moi grande entre o galego e o portugués. O seu acento ao falar é mesmo semellante ao deles.

-A. A: Sabemos da presenza dos galegos no noso país e de como se mesturaron. Quixera aproveitar para salientar o labor dos trobadores da Galiza medieval, que deixaron unha boa herdanza musical para a nosa cultura poética.

-C.B: Galiza é unha terra de emigración e na Baía temos unha boa mostra do que deixaron os galegos nesta poboación coa súa presenza. Penso que a Baía é moi galega, e tamén española, por esa presenza de emigrantes que tiñan a súa importancia na industria da poboación. Traballaban moito no mundo da madeira. Lémbroos nas funerarias. Tiveron sona de ter un gran coñecemento do ambiente marítimo. Eu tiven bastante contacto cos galegos na miña nenez e lembro cando os mirabamos un pouco estrañados de como falaban e eles dicían que estaban a facelo en lingua galega.