A cultura é un dos sectores máis prexudicados pola pandemia. O confinamento decretado en marzo de 2020 paralizou gravacións de discos, representacións teatrais, rodaxes de películas ou concertos. Algúns proxectos recuperáronse co paso dos meses, outros aínda agardan nun caixón a poder ser retomados o noutros casos o coronavirus acabou con esa oportunidade xa que as limitacións de aforo ou o protocolo COVID non as fai rentables. Ademais a nova realidade obrigou a mudar a forma de traballar neste sector. Ensaios e actuacións con máscara nos concertos de corais, grupos burbulla, uso de test e a eliminación dos guións en papel no caso do cine ou probas periódicas e eliminación dalgunhas esceas no teatro forman parte agora do día a día destes profesionais, cuns costes que deben sufragar as compañías. Representantes coruñeses destes tres sectores analizan os cambios sufridos neste ano de pandemia e aínda que recoñecen que “empeza a haber certo movemento”, pensan que se tardará meses ou incluso non será “ata o ano que vén” cando o sector recupere certa normalidade.

A música é das activades que aínda vai a ralentí. Mentres os grandes festivais ou concertos seguen a adiar as datas, os artistas que actúan en recintos máis pequenos tampouco o teñen sinxelo. “Bótase moito de menos as salas de concertos, o feito de que estén pechadas quitou moita vida aos músicos”, explica a cantante e directora do coro feminino de música moderna Sisters in the House, Carmen Rey, quen recoñece que “despois de case un ano parados”, agora hai certo movemento de actuacións, pero nada que ver con antes da pandemia. “Teño compañeiros que xa venderon os instrumentos e buscaron traballo noutra cousa”, lamenta.

Tampouco prepararse para as actuacións é tan sinxelo como antes. No caso de Sisters in the House —formada por 21 voces femininas— teñen o problema de onde ensaiar ao ser tantas para poder gardar a distancia de seguridade e a máscara xa forma parte do día a día, tanto no ensaio coma no escenario, cos problemas que esto supón cando se traballa coa voz. “Afecta moito. Cantar é como facer deporte, necesitamos tomar aire e coa máscara é máis difícil”, indica Rey, quen recoñece que “a proxección da voz non é a mesma”.

A máscara tamén forma parte do día a día dos actores de teatro. Obrigatoria durante toda a preparación da obra, só representan o espectáculo sen ela cando xa se trata da actuación e final e previo cribado con test de antíxenos a todos os traballadores. “Ás veces ata xa parece raro o día na que a representamos sen máscara”, explica o presidente de Escena Galega —entidade que acolle a 44 empresas de artes escénicas (teatro, danza ou circo) da comunidade— e director de Caramuxo Teatro, Juan Rodríguez, quen recoñece que nalgúns casos incluso cámbianse esceas ou partes do espectáculo (por exemplo se había contacto co público) por mor da pandemia.

Pese a que un estudo de Escena Galega con datos de 20 compañías revela que a facturación baixou máis dun 30% en 2020, respecto a 2019 e as contratacións caeron á metade, Rodríguez cre que este ano “aínda será peor” para o sector ao recortarse os orzamentos para cultura en concellos e deputacións.

Algo máis optimistas son no sector do cine. O director xeral da productora Portocabo, Alfonso Blanco, espera que “a partir de setembro” a cousa se normalice nun sector que tivo que mudar moito a forma de traballar neste último ano. Iso sí, recoñece as pérdidas e custes que moitas empresas tiveron este ano e espera que coa chegada de fondos europeos, “mímese algo” á cultura e haxa axudas ao sector.

O ‘backstage’ da cultura en pandemia

O ‘backstage’ da cultura en pandemia Ana Ramil A. Ramil

Carmen Rey | Directora do coro Sisters in the House: “A máscara afecta moito á hora de cantar; dificulta tomar aire e a proxección da voz non é a mesma”

O confinamento pillou a Sisters in the House —un coro de música moderna formado por 21 mulleres— en pleno proxecto para a gravación do seu segundo disco. Pese a que xa o verán pasado tiveron actuacións e seguen con traballos puntuais, o álbum aínda está nas tareas pendentes. “A verdade é que aínda nin o plantexamos, quedará ata que estemos todas vacunadas”, explica a directora do grupo, Carmen Rey, quen recoñece que o feito de ser una banda numerosa “limitounos” ao longo de este ano.

Un dos primeiros escollos que houbo que solucionar ao saír do confinamento foi atopar un lugar onde poder ensaiar gardando ás distancias de seguridade que marca a crise sanitaria. “Durante o encerro non houbo ensaios porque de forma virtual non é posible, hai certo retraso nas conexións. Se fixo algún montaxe despois de enviar cada unha as súas voces polo teléfono e pouco máis”, indica Rey, quen engade: “No verán tivemos alguna actuación e pedímoslle a Gloria, unha amiga, se nos deixaba ensaiar na súa asociación que tiña un lugar o aire libre e se podían gardar as distancias. Agora ensaiamos sempre que temos algún traballo ou actuación e sempre no exterior, con distancia e máscaras”.

O cubrebocas é xa peza imprescindible no look desta agrupación tanto nos ensaios como nas actuacións pese a que Rey recoñece que dificulta o traballo dos cantantes. “Sempre digo que cantar é como facer deporte. Pregúntalle a un corredor que lle parece a máscara. Afecta moito, nós necesitamos tomar aire e con ela é máis díficil. Ademais a proxección da voz non é a mesma”, indica Rey, quen explica que pese a que nos ensaios hai quen leva FFP2, nas actuacións usan unhas quirúxicas negras que permiten mellor proxectar a voz. “As outras comen toda á voz, apagan os agudos, a voz soa máis opaca”,di.

Sisters in the House xa teñen traballos e actuacións previstas para os vindeiros meses, pero Rey recoñece que o mundo da música aínda que “vai habendo certo movemento”, está todavía moi parado, principalmente pola peche das salas de concertos, englobadas no sector de ocio nocturno.

Rey lamenta que pese a ser un ano moi duro para toda a sociedade, o sector da música “quedase olvidado”. “Parece que como somos sinónimo de festa, pero nós tamén somos traballadores, temos hipotecas, uns fillos aos que educar. Somos un sector peculiar, pero un sector profesional máis”, resalta Rey, quen critica: “Non coñezo a ningún músico que recibise as axudas anunciadas para artistas que non eran autónomos”. Iso si, o que si viu é a compañeiros “que tiveron que vender os instrumentos e buscar traballo noutra cousa”. Rey cre que ata que a vacinación non avance a situación non se estabilizará. Confía no ano que vén.

Rodaje de Augaseca

Alfonso Blanco | Director xeral da produtora Portocabo: "Concentramos as rodaxes en menos días, traballamos en grupos burbulla e con test”

Alfonso Blanco | Director xeral da produtora Portocabo: "Concentramos as rodaxes en menos días, traballamos en grupos burbulla e con test”

Alfonso Blanco | Director xeral da produtora Portocabo: "Concentramos as rodaxes en menos días, traballamos en grupos burbulla e con test”

O coronavirus puxo patas arriba o traballo diario nun set de rodaxe sexa para cine ou televisión. Os protocolos de seguridade fixeron que desaparecesen os guións en papel ou a visión das imaxes en conxunto arredor do monitor do director -agora cada técnico recibe a sinal no seu móbil- e obrigou a concentrar en menos días as gravacións, apostar por grupos burbulla e test de antíxenos de forma periódica. “A sorte é que somos un sector con moita capacidade de adaptación porque as cámaras ou certos procesos tecnolóxicos están a mudar continuamente e nós temos que formarnos”, resalta o director xeral da productora coruñesa Portocabo, Alfonso Blanco, que explica que foron das primeiras en empresas en volver o traballo tras o confinamento. “A serie Hierro foi o primeiro rodaxe que se fixo, xa en maio do 2020, e fomos os que estreamos o protocolo para o sector, diseñado entre o Goberno central e o de Canarias”, indica.

A obriga de quedar na casa en marzo de 2020 coincidiu no tempo co que ía ser a gravación da segunda tempada da serie Hierro. “Nese momento todo se parou. Houbo proxectos que se aplazaron e outros que directamente quedaron polo camiño, que se cancelaron. Foi un ano duro para o sector. Nós tivemos a sorte de que xusto Hierro era una producción que non tiña moita figuración e que facíase nun illa que foi dos primeiros lugares COVID free e puidemos voltar a rodar en maio”, explica Blanco, quen lembra que adaptarse ao riguroso protocolo inicial foi todo “un currazo” e recoñece que prácticas que se fiexeron nesa gravación xa non se fan. “Xa non se usan os guantes e naquel momento chegamos a usar incluso EPI, algo que agora non é necesario”, lembra.

Iso si, a pandemia mudou moitas cousas e alguns cambios incluso, asegura Blanco, son positivos. “Hai cousas que xa van quedar. Por exemplo o tema de que non haxa guións en papel. En só dous meses, estaba todo dixitalizado. Antes tamén era habitual que moitas persoas do equipo se reunisen xunto ao monitor onde o director ve as imaxes para ver o resultado. Agora diseñouse un software e cada un o ve no seu rinconciño na súa propia tablet ou móbil”, sinala Blanco. Pero hai moito máis. “Ademais do protocolo básico que obriga a gardar distancias, usar máscara e unha limpeza continua do set, no caso dos técnicos traballamos por turnos para non reunir a moita xente á vez e son claves os grupos burbulla”, siñala e engade: “O habitual é concentrar a rodaxe en menos tempo e facer grupos burbulla. A xente vai para alí, se lle fai un test e logo non pode xuntarse con xente de fóra. Se o venres van para a casa, o luns antes de rodar toca facer test”. 

Neste complexo ano, Portocabo rematou a rodaxe de Hierro, Auga Seca ou a película Cuñados, pero Blanco recoñece que tiveron “sorte”. “Se fosen produccións noutros lugares, con moita figuración, non poderiamos”, admite e demanda non deixar de lado á cultura. “Está claro que o primeiro é a sanidade e a educación, pero non se pode restar á cultura ata deixala a cero porque somos un sector importante, que facemos país. Espero que nos den un mimo, un empuxón cos fondos europeos”, sostén.

Unha representación teatral con máscaras. // Escena Galega

Juan Rodríguez.

Juan Rodríguez.

Juan Rodríguez | Presidente de Escena Galega e director de Caramuxo Teatro

Asegura que a meirande parte das compañías teatrais galegas traballan “a caché”e non segundo a taquilla e iso fixo que, dentro do complicado ano para o sector, “non nos afectase tanto o tema dos aforos porque por sorte moitos concellos estiveron á altura coa cultura pese a reducir o número de asistentes”, indica o presidente de Escena Galega (asociación de compañías de artes escénicas de Galicia), Juan Rodríguez, quen recoñece, eso sí, que as pespectivas do sector para este ano non son tan boas. “Cremos que este 2021 vai ser peor que o anterior porque temos a sensacion de que vai baixar a contratación ao reucirse o peso dos orzamentos dedicados á cultura”, sinala o tamén director de Caramuxo Teatro.

Rodríguez recoñece que moitas das obras programadas para as semanas do confinamento “puidéronse representar meses despois, sobre todo no último trimestre do ano e principios deste, pero iso supuxo facelo a costa doutras novas que non se fixeron” e mesmo o verán foi unha boa tempada “especialmente para os que teñen espectáculos ao aire libre”. “O que si desapareceu por completo foron as función para público escolar e isto supón un porcentaxe alta das funcións para algunhas compañías. Desde Escena Galega traballamos para ver se pode recuperarse porque cremos que ten moita importancia o trasladar as artes ás aulas”, sostén. 

Como noutros sectores, a distancia social, o xel e a máscara xa é una rutina máis no día a día das compañías. “Facemos os ensaios con máscara e só a quitamos o día das actuacións, onde se lle fan test de antíxenos a todo o elenco”, explica Rodríguez, quen recoñece que o custe o ten que asumir a compañía e que mesmo nalgúns espectáculos ou se non é posible facer test, hai quen “modifica algunhas esceas”. “Se había interacción co público, se baixaban do esceario, por exemplo, teñen que adaptarse porque e non é posible”, di.

No seu caso, ao fronte da compañía Caramuxo Teatro, recoñece que traballaron “moi ben durante o verán pasado, ao aire libre e houbo unha baixada no outono, coa volta aos colexios”. “Agora volve a haber un repunte e creo que a xente xa asumiu que os espazos culturais son seguros”, indica Rodríguez, quen lembra que neste momento os aforos están ao 30% e que no caso de espectáculos para bebés, por exemplo, “aínda están máis reducidos e fanse en recintos públicos con todas as garantías”.

Rodríguez ten claro que a xente ten ganas de teatro e de cultura. “Os aforos están o 30%, moi baixos pero esgótanse sempre as entradas e nótase na resposta do público o acabar a función. Hai ganas de espectáculos”, asegura este intérprete e director teatral, quen cre que a recuperación do sector, “con aforos máis parecidos aos de antes”, non chegará ata polo menos o vindeiro ano 2022. “Hai que ver os orzamentos deste ano e o que pasa no verán ao aire libre e a haber se a partires de outono hai máis estabilidade”, sostén.