Morre Dorothé Schubarth, a suíza que preservou a música popular galega

Fondo pesar na cultura galega tras a morte da etnomusicóloga que percorreu as aldeas de Galicia nos 70 e 80 para gravar o cancioneiro tradicional

Recibiu o PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira en 2014

Dorothé Schubarth, na entrega dos Premios La Opinión de A Coruña, en 2014

Dorothé Schubarth, na entrega dos Premios La Opinión de A Coruña, en 2014 / 13fotos

A. L.

Fondo pesar na cultura galega. O pasado mércores morreu nun hospital de Basilea aos 79 anos Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga suíza que nos anos 70 e 80 percorreu as aldeas do país para rescatar as súas músicas populares. Recibiu o PREMIO OPINIÓN Andaina Senlleira na edición de 2014.

A nova do facelecemento coñeceuse na mañá deste venres e provocou reaccións en cadea. A Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego, ademais de numerosos usarios das redes sociais, manifestaron a súa tristura e, sobre todo, o seu agradecemento polo traballo de Schubarth.

Xunto co filólogo Antón Santamarina, a etnomusicóloga recolleu o seu homérico traballo de campo no Cancioneiro popular galego. En realidade, Dorothé Schubarth chegou a Galicia de vacacións en 1978, cando xa era unha investigadora recoñecida, autora de O canto popular en Europa e catedrática de Harmonía e Contrapunto da Academia de Música de Lucerna.

Pero a súas áreas de estudo centrábanse no Balcáns, o Cáucaso, Alemaña e Francia. Aquí ficou impactada pola riqueza musical do repertorio tradicional galego. Nos seguintes cinco anos, coa axuda de Santamarina, percorreu o país para rexistrar e preservar ese tesouro a piques de desaparecer.

Cos anos, a súa tarefa foi amplamente recñocida, tanto polos músicos como polas institucións. Hoxe, no sitio web do Museo do Pobo Galego, pódense consultar todas as súas gravacións.