A Real Academia Galega estrea unha serie web sobre Luísa Villalta, “a artista total”

O documental de seis episodios inclúe declaracións de autores, amigos e familiares, imaxes da súa nenez, recitados e ata a súa voz cantando unha versión dun poema

Equipo responsable da serie documental, co presidente da Real Academia Galega

Equipo responsable da serie documental, co presidente da Real Academia Galega / RAG

“Unha escritora magnífica cunha obra espléndida”, “preocupada pola xustiza”, “unha amiga entrañable”, “tremendamente prolífica”, “unha profesora diferente”, “a artista total” son algunhas das frases coas que escritores, mestres, autores, amigos, familiares e tamén exalumnos, describen á poeta Luísa Villalta, a quen se lle dedica o vindeiro Día das Letras Galegas, no primeiro capítulo da serie web que acaba de estrear a Real Academia Galega (RAG) arredor da súas figura: Luísa Villalta: a rebelión da palabra.

Trátase dun documental de seis episodios dirixido por Damián Varela Pastrana no que unhas vinte voces conforman un “retrato coral” sobre a poeta, narradora, ensaísta, articulista e violinista coruñesa. O primeiro capítulo que pode verse na páxina web da RAG, por exemplo, amosa ao principio imaxes do instituto Isaac Díaz Pardo de Sada onde Villalta dou clase desde 1991 ata que morreu en 2004 con 46 anos e as declaracións de Rubén Anido, exalumno da autora que agora, á súa vez, é profesor de Lingua e Literatura galegas neste centro, ao igual que o foi Villalta, que tamén foi titulada superior en violín.

A serie ofrece case dúas horas de cinema documental que comezan coas verbas da irmá, Susana Villalta, e a súa nai María Gómez. Falan tamén poetas coma Pilar Pallarés, Eva Veiga, Miguel Anxo Fernán-Vello ou o polifacético Xurxo Souto, ademais de académicas coma Ana Romaní e Margarita Ledo ou a investigadora Pilar García Negro. No derradeiro episodio intervén Maribel Longueira, fotógrafa coa que Villalta concibira Papagaio (2006), unha denuncia da explotación sexual das mulleres e da especulación urbanística arredor do barrio coruñés dese nome.

“É un relato que transmite e fai sentir o enorme impulso creativo, a gran curiosidade intelectual, a sensibilidade artística e claro sentido da xustiza da escritora que celebramos este 17 de maio”, sinalou o presidente da Real Academia, Víctor Freixanes, que destaca tamén a confianza de Villalta na “capacidade transformadora da literatura”.

Romaní e García Negro coinciden en subliñar que o libro Ruído (1995) marcou “un antes e un despois” na súa obra, a partir do que comeza o seu “desexo de escoita”.

A poeta Villalta ao son do seu violino

A RAG encargou a realización deste traballo audiovisual a Miramemira, produtora de películas coma O que arde ou O Corno. A narración, con guión de Alba Álvarez López, complétase, amais das testemuñas,con música, danza ou recitados doutros autores, ata unha adaptación dunha das súas obras teatrais. Hai ademais material de arquivo da CRTVG, fotografías familiares (o pai era moi afeccionado) e tamén de fotoxornalistas coma Xoán Piñón, Xosé Abad e Xurxo Lobato. No segundo episodio pode verse e oírse a Luísa Villalta cantando unha versión do poema Chora fame e o son do seu violino (como lle chamaba ao violín) con Escaino, o grupo de folk do que formou parte entre finais dos anos setenta e comezos dos oitenta.

Unha versión para o público máis miúdo

Ademais da divulgación da serie sobre Luísa Villalta desde a sección das Letras Galegas 2924 da web da RAG, a institución tamén ofrece un portal para o público máis novo: primaveradasletras.gal. Violino, Inglesa e o libro xigante. Pequena biografía de Luísa Villalta, é un conto biográfico no que Xoán Babarro e Ana María Fernández achegan de forma lúdica a escritora á xente miúda. Figuran tamén actividades interactivas sobre o universo vital e literario da autora homenaxeada, fichas para colorear e ligazóns de interese. Proximamente publicarase a nova edición do concurso Contádenos o voso Día das Letras.