Seica hai cousas que non están dabondo claras porque cada quen conta a súa verdade e supoño que eu poderei contar a que a min me din que foi. Falo de Fernando Vázquez. Un adestrador con extenso percorrido polo fútbol profesional, pero que nunca atopou un lugar onde quería: o Deportivo. Tivo que agardar a 2013 para converter en realidade a súa ilusión. O Deportivo quedara de súpeto sen adestrador pola marcha de Domingos Paciência e os cartos xa non abondaban na praza de Pontevedra, como se comprobou pouco máis tarde, polo que non había moitas opcións. A solución atopouna Germán Rodríguez Conchado: “Llamemos a Fernando Vázquez”. (Frase figurada). E foi así como o adestrador de Castrofeito fixo realidade o seu soño. O Deportivo baixou e na temporada seguinte ascendeu. Foi ese verán do que non atendía ao teléfono. Argumento para poder asinar a Víctor Fernández, que era a aposta de Fernando Vidal, responsábel da área deportiva naquelas datas. O propio Vidal empregou a Vázquez como reclamo cando en decembro decidiu presentarse outra vez para acadar a presidencia do clube. Sabía que o xa exadestrador do Deportivo era a mellor tarxeta de presentación para se converter no substituto de Paco Zas. Luis César non foi a solución para amañar os males dun equipo que comezou con Juan Antonio Anquela de adestrador. O Deportivo era o derradeiro da táboa. Sete anos despois repetíase a historia. As viaxes a Santiago pagaron a pena. O acontecido sete anos antes era mellor esquecelo. Fernando Vázquez era un medio, non a solución. Porque nunca creron no de Castrofeito. Alguén de certos lugares moi concretos podería repetir as frases que se soltaron desde hai máis dun mes. Xa antes de Nadal o labor de Fernando Vázquez estaba cuestionado; xa antes se falaba de nomes (e de maletas). Vázquez foi un reclamo, así de simple. O asunto é que se enterou un pouco tarde. Tanto que xente moi achegada contou que estaba procurando entrevistas con certas persoas para coñecer realmente o que aconteceu tempo atrás e que tanto lle afectara. Agora, a decisión do consello de administración só ratificou o que el xa sabía. E non é só el. Triste forma de marchar do club que sintes. Algo semellante ao que aconteceu hai máis de 35 anos cando Arsenio Iglesias saiu pola porta de atrás —iso que foi moi dereitiño cara a porta de acceso ao campo e de aí á porta de saída do estadio— mentres o equipo festexaba o seu primeiro título oficial. Arsenio sabía que non ía seguir como adestrador porque xa estaba acordada a fichaxe de John Benjamin Toshack.Pero a Arsenio ninguén lle dixera que non seguiría. E nunca volveu. Nin llo propuxeron, nin volvería. Isto, é máis do mesmo.