O director xeral de R, Alfredo Ramos, leva case toda a súa carreira profesional vencellado á firma galega do cable, unha empresa que xurdiu en 1998, "cando internet estaba a nacer, nas mesmas datas que grandes empresas como Google ou Netflix". Ramos remarca insistentemente que a firma galega está "moi pegada ao territorio", que é a súa "prioridade" e "unha das chaves do seu éxito" nestes vinte anos.

- Vostede leva dende o comezo na empresa. Que supuxo económicamente e para a sociedade galega o nacemento de R?

-No seu momento foi un grande reto. Había moitas incertidumes pegadas á apertura do mercado das telecomunicacións en España ao calor da cal no seu día o Grupo Gallego de Empresas para el Cable gañou as tres licencias que se outorgaron en Galicia: A Coruña, Santiago e parte do resto de Galicia. Despois consolidámolo nun único proxecto. Vinte anos despois temos preto dun millón de fogares e empresas de Galicia en condicións de ter fibra óptica, 101 concellos onde a nosa rede de fibra está dispoñible e segue a ser a máis capilar de Galicia. Nestes 20 anos fomos parellos ao desenvolvemento da sociedade da información en Galicia e no mundo. R é hoxe un actor fundamental da transformación dixital das empresas e da sociedade galega en xeral.

- Foron moitos cambios, non?

-Todo comezou cun proxecto, un plan de negocio, en papel, de cero a 1.200 millóns de investimento nestes 20 anos na nosa comunidade. É unha iniciativa vertebradora do territorio en canto a infraestruturas e que permite ás nosas empresas e fogares contar con tecnoloxías de primeiro nivel mundial.

- Que diferencia hai entre o que ofrecía e ofrece R fronte aos seus competidores?

-R pode dividirse en tres momentos. O primeiro é o fundacional, de 1998 a 2006, onde inventamos unha nova categoría de servizos, aquelo de R teléfono-internet-televisión e os combos, que é un invento de 1999? Outros viñeron moito despois co tema da converxencia, pero tiñamos claro que o posible éxito da compañía era facer as cousas dun xeito diferente. Os atrancos eran a dispersión da poboación en Galicia e un poder adquisitivo máis baixo, o que facía o reto aínda maior. Dende o comezo tratamos de dar máis por menos, de aí a converxencia: un contrato, unha única factura, un servizo de atención aos clientes? e proximidade con eles.

- Un selo de identidade?

-Si. Despregamos a nosa rede rúa por rúa e acompañamos tanto comercialmente como a instalación ou atención ao cliente con xente daquí. É un dos nosos selos de identidade dende o inicio e temos que mantelo porque é a clave do noso éxito. As tecnoloxías cópianse pero o que é difícil de copiar é o estar pegados ao territorio.

- Con que despregue da rede pechou R esa primeira etapa?

-Cas primeiras 600.000 direccións provisionables, os primeiros 30 concellos (as sete cidades e as súas áreas de influencia), inventamos os combos, o R con R gratis e puxemos o selo de identidade de atención e servizo, con recoñecementos de distintos organismos. É o momento de acadar beneficio neto positivo, de garantir a sustentabilidade do proxecto a medio prazo.

- O segundo momento cal é?

-O da consolidación, entre 2007 e 2015. En 2007 incorporamos o servizo de móvil á nosa oferta, que se sumaba ao teléfono, internet e televisión. Outros operadores comezaron a falar de converxencia a finais de 2012, con cal iamos cinco anos por diante. Nestes oito anos despregamos outras 400.000 direccións, chegando a 101 concellos, e acadamos a cifra máxica do primeiro millón de servizos activos. Neste periodo incluimos tamén productos como vídeos baixo demanda, televisión HD, 100 megas ou wifi clientes R gratuíto na rúa.

- O terceiro momento é agora?

-Dende 2016 ata 2022, o seguinte ciclo estratéxico da empresa dentro de Euskaltel. As tres sociedades do grupo (R, Telecable e Euskaltel) mantemos as razóns sociais, as operacións, impostos, etc., pegados aos territorios e buscamos manter os compromisos que temos con eles e aproveitar a nova escala, o tamaño do grupo, para obter vantaxes que redunden en melloras de servizos para os nosos clientes. Estamos a rematar o proxecto para levar banda larga a 81 polígonos empresariais, un proxecto que comezou no 2016 e remata este ano. Con Euskaltel compartimos os valores do novo plan estratéxico, de proximidade ao mercado, honestidade na relación cos clientes, innovación e axilidade na reacción. Algo que levamos no ADN. Isto permite competir con multinacionais que nos superan moitas veces en tamaño.

- Ata que punto hai independencia na xestión con Euskaltel?

-Máis que independencia é coincidencia na filosofía. Somos tres proxectos con diferencias pero con factores de éxito comúns. Estamos a buscar sinerxias e a especializar a xente. Ao mercar terminais de móbiles temos máis capacidade de compra ou ao adquirir contidos das majors americanas, co que poderemos lograr mellores prezos que nos permitan dar un mellor servizo aos clientes. É unha integración buscando o mellor de cada casa, non unha centralización, como podería pasar se nos incorporasemos a calquera outro actor do mercado.

- Semella que a crise apenas afectou a R.

-Estamos a medrar en clientes e especialmente no mercado de empresas. A democratización das novas tecnoloxías deixa un horizonte 2020 no que todo o mundo é consciente de que ten que mudar o xeito de facer as cousas para gañar en competitividade, non só para aforrar custos. Na transformación dixital somos un peza chave na comunidade e xogamos coa vantaxe de estar pegados ao territorio.

- Entendo que o cambio no que á competencia se refiere foi brutal nestes 20 anos. R naceu en plena liberalización do sector e agora hai múltiples operadores?

-A competencia sempre foi moi forte. Comezou con Telefónica xogando ao "Divide y vencerás". A lei do cable en España dicía que non podías facer demarcacións de máis de millón e medio de habitantes e iso en Galicia obrigaba a ter dous ou tres competidores contra Telefónica. Os inicios foron duros contra o xa establecido, pero en 1998 trouxemos esa competencia real en infraestruturas a Galicia. Agora seguimos a medrar, aspiramos a elevar a cobertura un 6% en dous anos.

- Entre os retos da empresa está entrar en mercados como Castela e León?

-É un tema que está aí. Abordaremos oportunidades que se presenten, pero a prioridade é seguir a medrar en Galicia. A nivel de grupo arrincamos por Navarra a expansión e seguimos a avaliar o momento óptimo para entrar noutros territorios. A prioridade é Galicia, onde seguiremos a investir, pero non descartamos expandir a marca a outros territorios.

- A fibra óptica de R está en 101 concellos. Chegará nalgún momento ao 100% ou pola orografía é impensable?

-Hai que buscar solucións complementarias. É inviable económicamente levar a fibra ata o último recuncho. Investimos máis de 1.200 millóns nun proxecto que permite a un millón de fogares ter fibra ao seu alcance. Faltaríanos medio millón de fogares, sobre o 40% da poboación, e habería que investir outro tanto, mínimo, para logralo. Estamos a avanzar, con subvencións, para elevar a capilaridade das redes de fibra, pero chega un intre no que non ten senso nin con axudas. A tecnoloxía chave hoxe é o 4G. As tarifas con moitos xigas comezan a ser unha opción moi interesante cando tes un ADSL a baixa velocidade no rural ou cando nin sequera o tes.

- Do sector das telecomunicación dise que é un dos que máis van medrar. Está preparada R para afrontar o futuro?

-Sí. O tamaño do grupo permítenos medrar mellor. Agora o que máis medra no sector é todo o que ten que ver coa intelixencia artificial, coa busca de cousas para mellorar as nosas condicións de vida. R é un actor relevante en todo este novo mundo dos datos. Antes as empresas mellorabamos por nós mesmas e cos nosos proveedores, agora están a mellorar por elas mesmas, cos proveedores, os clientes e novas fontes de mellora como as start-ups ou colaboradores.

- Un escenario apaixoante para a xente que leva toda a vida no sector, coma vostede, non?

-Non nos podemos aburrir. É un sector moi competitivo, pero tamén moi apaixoante, porque estás en continuo cambio. Levo 20 anos na compañía e cada dous, tres ou catro anos fago cousas diferentes.

- Moita xente fala de que esta revolución tecnolóxica é máis importante que a revolución industrial. Está de acordo?

-Si, din que é a cuarta. Os momentos de cambio son momentos de riscos e de oportunidades e o que non se adapte, non se mova, corre un risco moi grande. As tecnoloxías supoñen competir cada vez con xente de máis lonxe.