O presidente do comité de empresa de Alcoa na Coruña, Juan Carlos Corbacho, ten a voz ronca despois de tres meses berrando que a fábrica "non se pecha" e asistindo a reunións maratorianas; a última, de 22 horas. Corbacho pasou 36 horas seguidas sen durmir para sacar adiante un preacordo que ofrece seis meses de osíxeno para atopar un inversor e a continuidade dunha parte das fábricas de A Coruña y Avilés (co 30% do emprego) dende xullo se non hai venda. O preacordo de ERE (expediente de regulación de emprego) pactado con Alcoa, con indemnizacións de 60 días por ano traballado, é "o mellor dende a reforma laboral", asegura o representante. A asemblea de traballadores votarao o luns.

- Como están os ánimos entre os traballadores?

-Ben. Estamos explicando este preacordo, como e por que chegamos a el. Nós necesitábamos o compromiso do Goberno para manter o 100% do emprego máis alá do 30 de xuño, o que pasa é que esa garantía nos falla, quedou difuminada. Aínda así é o mellor preacordo dun ERE en España dende a reforma laboral. Temos seis meses máis para conseguir alternativas.

- Está animando aos compañeiros a que o luns voten a favor?

-Claro. O noso obxectivo, en CCOO, sempre foi conseguir un acordo para evitar o peche.

- Confía en se logre a venda neste prazo, antes de xullo?

-O Goberno dixo que precisaba tempo, pediu seis meses, e confiamos en que o novo escenario para a industria electrointensiva que está a regular serva para que chegue un novo grupo industrial que poida reactivar a electrolise por completo. De 272 cubas temos pechadas 100. Agora a responsabilidade pasa a mans do Goberno, que di que hai saídas industriais e inversores. Nós fixemos o noso traballo. Esperamos que as compañeiras e os compañeiros o certifiquen o luns e tirar para adiante. Calquera dos camiños traerá loita. Este foi so o principio. Agora hai dúas posibilidades e os compañeiros terán que elixir.

- Unha posibilidade é aceptar o preacordo. A outra, rexeitalo; que escenario abriría esa opción?

-Se dicimos non ao preacordo, entraríamos en denuncias, xulgados... e ver se o ERE é lícito ou non.

- Se a asemblea de traballadores aproba o ERE e o 1 de xullo non hai comprador, as fábricas non volverán producir aluminio primario polo peche da electrolise e Alcoa seguirá so coas fundicións (cun 30% dos traballadores). Canto tempo mantería a empresa esta situación?

-Ese escenario non me gusta e non o contemplo a día de hoxe. O Goberno ten que buscar inversor. Ten que regular as electrointensivas e iso ten que traer algún industrial. Non contemplo a vía de que queden so as fundicións; ten un percorrido pequeno. A nosa fábrica ao 100% é de 500 traballadores e eu contemplo ese escenario para o futuro.

- A nivel industrial é viable unha fábrica que só se adique a aleacións, sen producir o aluminio primario?

-Industrialmente unha fábrica así non tería sentido se non ten outra producción ao lado. As fundicións están onde se xera o metal.

- A multinacional presentou resultados: gaña máis cartos e celebra que aumentará os seus beneficios coa "reestruturación" das fábricas de A Coruña e Avilés.

-Alcoa é unha multinacional que toda a vida gañou cartos e pecha fábricas onde xa non pode sacar tantos réditos para ir a outras que lle poden dar máis rendibilidade. Alcoa sempre intentou aproveitarse. Que se vaia dunha vez por todas. E que veña un proxecto industrial que lle interese o de aquí. Queremos un escenario distinto que nos deixe traballar tranquilos e que dea traballo á xente que vén detrás. Para iso se fixo esta fábrica.