Paulo Carril vén de ser reelixido secretario xeral da CIG (Confederación Intersindical Galega). Para os próximos catro anos, aspira a reforzar o liderado do sindicato, ser referentes no feminismo de clase na loita contra a precariedade e mellorar as condicións de vida dos traballadores galegos.

Parece que os indicadores do mercado laboral se aproximan a niveis preCOVID, pero tampouco era idílicos. Que radiografía fai?

Estase multiplicando a crise que xa estabamos a vivir en Galiza, coa crise financeira do 2008 pero tamén co impacto dos procesos de dixitalización e descarbonización que agora se viron intensificados. Nós plantexamos alternativas ante un panorama no que é necesario abordar en conxunto a problemática do avellentamento en Galiza, a crise demográfica e industrial. Os datos de setembro evidencian que en Galiza medra o paro mentras no estado descende. Hai unha clara desertización industrial no norte de Galiza. A situación é critica e a politica do Goberno non está sendo a acaída. Non vai quedar ningúen atrás... porque non vai haber ninguén.

Galicia está quedando máis atrás que outras comunidades neste proceso que, como dicía vostede, pasa pola descarbonización e a dixitalización? Ou ábrese tamén unha oportunidade para as renovables e as TIC?

A industria que pecha non volve abrir. Aquí non está habendo ningun tipo de transición. É unha auténtica demolición. O sector naval, as electrointensivas... Non hai unha transición que manteña emprego e industria. Vémolo no peche das Pontes e de Meirama. A industria é máis necesaria que nunca, como se demostrou na pandemia para xerar emprego e benestar social. O sector servizos non ten esa realidade. Outros estados europeos van a un ritmo que permite substituir uns sectores industriais por outros, pero aquí non. Tamén vemos como o sector bancario intensifica os ERE e pecha oficinas no rural. como o grupo Inditex tamén esta sendo un exemplo disto nas tendas e nas empresas que forman parte do conglomerado. En vez de estar sendo elementos de creación de máis emprego, a dixitalización e a descarbonización están a significar unha destrución de emprego sen alternativas de futuro. E no sector enerxético vemos que Galiza é una potencia produtora de enerxía, que exporta o 30% da que produce para a xeración de industria e emprego noutros territorios. E aquí en cambio temos emigración e peches de empresas. E estamos baixo a ameaza de toda unha invasión de renovables sen que estea reportando beneficio ningún, senón dano social e medioambiental.

Hai outro modelo posible para que o eólico revirta beneficios aquí?

Estamos nun momento no que o capital está reestruturando o modelo produtivo e non está colocando as persoas no elemento a protexer, so busca seguir aumentando a taxa de ganancia. Nós formulabamos varias propostas. É posible que os gobernos non só se dediquen a regular e finaciar ese lavado verde las empresas e blindar o oligopolio que mantén altos prezos da enerxía. O desenvolvemento eólico debe traer consigo que quen busque unha adxudicación de megavatios teña que traer proxecto asociados para xerar industria. Claro que é posible. Outra cousa é a vontade.

A merma da industria acentúa xa a marcada dependencia da Coruña do sector servizos. Qué riscos ten?

Sen industria non hai futuro e A Coruña xa está vivindo as consecuencias da perda do sector industrial. E o pouco que queda está moi ameazado. Imos en contra de avanzar nos niveis de benestar. O sector servizos non o vai garantir, nin sequera o financeiro que no seu momento tivo a súa importancia na Coruña, pois hoxe xa está superado por desaparición. O futuro vai ser crítico abrazando un modelo de servizo, o da Coruña Gran Bazar, como se ten feito, porque non crea emprego nin da futuro senon que sexa é miseria e pobreza laboral.

Que papel ten a Xunta?

A Xunta ten por despregar todo un potencial de competencias, por moi limitadas que sexan. Estamos a vivir unha auténtica fraude do PP en Galiza, que fai unha absoluta deixadez da súas competencias. Colócase só a criticar o que fai o goberno de Madrid. Hai unha política suicida por parte do Goberno do PP. Temos exemplos no anuncio da xestión dos fondos Next Generation, ao permitir entrar a saco ás grandes eléctricas, que non nos poñamos á fronte para salvar ao sector naval...

Que esperanzas ten de que os fondos europeos sirvan para amortecer o impacto da descarbonización en Galicia?

Os fondos europeos son un novo plan de rescate. Responden á mesma esixencia do rescate bancario da crise anterior. Preocúpanos como están traendo a esixencia da non derrogación das reformas laborais, a non reposición dos dereitos sociais roubados e, ao tempo esixen novas reformas coma a que vemos das pensións. Non somos nada optimistas porque non está habendo o nivel de intervención pública que tiña que haber para evitar que chegaran só a salvar a conta de resultado das empresas. Significan un novo proceso de saqueo e roubo ás condicións de vida da clase traballadora.

Volvendo á industria, que saída ve para a crise de Alu Ibérica?

Nós presentamos un informe de como era legal que os Gobernos español e galego se fixeran cargo a través da SEPI. Avalaron aquel plan de Alcoa de vender e agora non poden pretender desentenderse, unha vez que está clara a fraude e os delitos que cometeron Parter e Riesgo. A solución non pode ser ver como Alu Ibérica vai a un proceso de concurso de acreedores e de destrución sen ter levado adiante o plan industrial con que se fixo a venda. Tamén vemos o que sucede na Mariña con Alcoa e con Vestas. Non pode ser que teñamos posibilidad de ter enerxía eléctrica máis barata e que teñamos que estar tendo uns altos prezos que pechan as nosas empresas mentres que outros territorios en base á enerxía que se produce aquí poidan ser máis competitivos.

Entre os seus obxectivos está o de seren “referentes no feminismo de clase”. Por que non hai mulleres á fronte dos sindicatos?

O noso modelo sindical non se asenta sobre liderados de persoas, senon colectivos. Nós temos unha executiva e unha representación federativa importante no número de compañeiras que están á fronte. Quédanos moito por facer, dende logo. A folga de mulleres deste ano fíxose grazas ás mulleres da CIG. A CIG é feminista.

As peores condicións laborais de Galicia plásmanse na estadística das pensións, coa segunda paga máis baixa do Estado. Alguna vez acabará esa cantinela?

Esa é a realida e é necesario revertela. Estamos niso. Por iso falamos de que son necesarios incrementos salariais maiores. A pensión mínima debe estar, como o SMI, no 60% do salario medio, 1.150 euros. Agora ben, en Galiza o avellentamento da poboación e a emigración son elementos a resolver.

“O diálogo social non ten fundamento legal e está sendo utilizado para dulcificar medidas moi duras”

Temos ministra galega en Traballo, como xulga o labor de Yolanda Díaz?

Nós xulgamos as políticas do ministerio. Somos críticos porque está habendo insuficiencia e lentitude nas medidas. Primeiro, hai que derrogar a reforma laboral e das pensións, pois está permitindo que a patronal teña o poder absoluto nesta crise. A explotación laboral é unha realidade no mercado de traballo.

A CIG ten sido crítica coa dinámico do diálogo social. Parece que hai algúns logros coma a suba do salario mínimo e o acordo para os ERTE. Cre que se conseguirían máis avances por outra vía?

O SMI segue por baixo do que di a Carta Social Europea. Debera estar no 60% do salario medio, o que en España supón 1.150 euros. O que se fixo co salario mínimo interprofesional foi mediodesconxelar. Nin se actualiza co IPC. No tema dos ERTE no primeiro momento do confinamento nós pedimos ao Estado que habilitara un fondo para que as empresas pagaran as nóminas. Con eso que se conseguiría? Evitar o despido masivo despiadado que houbo de traballadores eventuais e que non baixaran as rendas salariais. As condicións dos ERTE deberan montarse sobre outras premisas. O diálogo social é unha forma deturpada da representación institucional que temos os sindicatos, non ten fundamento legal ningún e está sendo utilizado para dulcificar medidas moi duras que se están tomando con nefastas consecuencias para o mundo do traballo e para xustificar os incumprimentos programáticos deste Goberno.

Que vigor ten o sindicalismo a día de hoxe?

Nós somos a primeira central sindical en Galiza. Entedemos que o sindicato é fundamental. Onde hai sindicato, hai capacidade de ter dereitos e mellorar as condicións de vida. O sindicalismo é máis importante que nunca polo nivel de precariedade que hai e ten que estar moito na rúa e nos centros de traballo usando a mobilización como palanca de cambio.