Vén de gañar as eleccións por só catro votos e, agora, enfróntase a gobernar a cidade cun partido, Marea Atlántica, que naceu dez meses atrás. Xulio Ferreiro asegura que aínda non empezaron a decidir cargos, pero que o equipo traballa xa nos alicerces do novo goberno.

-Co 100% escrutado, a Marea Atlántica é a lista máis votada por catro papeletas, agora que?

-(Risas) Agora a gobernar, que é o que toca. A gozar da alegría polo traballo ben feito, conseguimos o obxectivo que nos marcaramos hai dez meses. Sabiamos que era posible facelo, non estabamos seguros de se iamos chegar e de se lograriamos que a xente coñecese o noso proxecto e que o valorase.

-Notárono máis logo do mitin do secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, en Palexco?

-Si, foi un punto de inflexión na campaña. Nós apostamos por que a campaña comezase alta, sabiamos que a iamos necesitar toda, porque cando empezou aínda non todo o mundo sabía o que era a Marea Atlántica, incluso os seus potenciais votantes, a metade dos que nos votaron o domingo hai quince días non sabía que a súa opción era a Marea. Ese mitin e non só por Pablo Iglesias senón polos demais que participaron visualizouse o que era a Marea e tivo unha repercusión moi grande na cidade.

-Hai moito voto da Marea Atlántica que non é propio dos partidos que a integran, pódese dicir que é un voto prestado?

-Si, claro, ninguén pode pensar que ten os votos en propiedade. Nós sabemos que se non o facemos ben estes catro anos nas seguintes eleccións non nos vai votar ninguén. É normal, é lóxico. Nós non somos un equipo de fútbol ao que a xente é fiel pase o que pase, presentamos un proxecto político e a xente confía hoxe nel e seguirá facéndoo na medida na que o fagamos ben e iso agardo que sexa o que pase.

-Non hai ningún precedente nas eleccións na Coruña e poucas en España dunha eclosión política tan rápida, que tipo de mandato vai ditar ese voto?

-O que nos piden é que sexamos honestos e que traballemos para os intereses da xente. Esa foi tamén a nosa mensaxe, nós fixemos moi poucas promesas, iso si, prometemos que iamos ter as prioridades claras, que iamos levar a decencia ao goberno desta cidade. Eses son os dous mandatos principais xunto co goberno participativo, transparente, ética e co Concello ao servizo da xente.

-A da Marea é a lista máis votada, terá que buscar aliados para gobernar, como se vai artellar o mandato?

-Nós xa o dixemos, queremos facer un goberno para toda a cidade e non nos sobra ninguén que queira axudar. Veremos cal é a fórmula concreta porque non depende só de nós. Faremos a nosa proposta e veremos os apoios que recibimos. Confío en que non haberá problema para a investidura, porque a outra opción é que o PSOE respalde a Carlos Negreira, que vote a favor da súa investidura. Esa opción, eu entendo que sería un erro, porque a xente acaba de dicir claramente que quere un cambio e que quere que o lidere a Marea Atlántica. É unha análise bastante sinxela dos resultados, pero nós queremos contar con todo o mundo para gobernar e para levarmos adiante o noso programa, que entendo que será asumible por outros tamén nas liñas esenciais.

-Hai sintonía entre o electorado do PSOE e da Marea?

-Eu creo que si. Falei con moitos militantes socialistas estes días e con simpatizantes que me dicían que ían votar ao PSOE pero que tiñan ilusión co que estabamos facendo. Eu creo que son electorados que teñen uns valores parecidos.

-Falou con Mar Barcón?

-Foi das primeiras en chamar para felicitarnos, pero non falamos aínda de nada concreto.

-Foi un fracaso da Marea non ter conseguido integrar ao BNG?

-Non o sei. O BNG seguiu a súa liña, non sei cal tería sido o resultado da Marea con eles, pero o BNG segue no Concello e creo que tamén ten que axudar a gobernar esta cidade, no pleno ou como sexa.

-Que lle pareceu o labor de oposición do BNG estes anos?

-Creo que Xosé Manuel Carril fixo un labor excelente e non é que o diga eu, é que o din os propios membros do PP, foi un magnífico concelleiro na oposición e creo que sería un magnífico concelleiro nos próximos catro anos.

-Cre que debe seguir?

-El saberá o que ten que facer, eu non podo ser obxectivo. Politicamente sería extraordinario que seguise.

-E que seguise para estar coa Marea?

-Como amigo, eu teño que respectar a súa decisión, que non sei cal será.

-Como vai ser a colaboración entre A Coruña e cidades como Madrid ou Barcelona que asegura que van cambiar o Estado?

-Temos que falar. Intentaremos traballar con todas as cidades pero eu creo que con Compostela Aberta vai haber sintonía e seguramente tamén coas que van ser as próximas alcaldesas de Madrid, Manuela Carmena, e Barcelona, Ada Colau. Iso tamén vai ser bo para A Coruña e poderemos traballar colaborando, que está no ADN desta nova política e do municipalismo. O domingo estabamos en contacto con xente de Ahora Madrid e con Ada, vivindo os trunfos dos demais como propios. Non somos a mesma organización nin somos do mesmo partido, pero seguramente, colaboramos máis que xente que está no mesmo partido noutros sitios.

-Pode ser que desde outras administracións se intente frear o avance da Marea negándolle financiamento para proxectos?

-Agardo que non. Aquel que siga a utilizar as administracións públicas para facer política partidista e electoralista e para xogar ao xogo de tronos, verá, unha vez máis, como a xente lle vai dar as costas. Quen non aprenda as leccións que nos está a dar o electorado volverá suspender. Eu véxoo clarísimo e non só na Coruña senón en todo o Estado. Houbo unha mensaxe clara con todos os votos que perdeu o PP, que a xente non é parva.

-A xente deuse conta do que hai, aínda que a Marea tiña case todo en contra para amosalo?

-A min paréceme magnífico ter tido tantas cousas en contra. Chegamos sen mochilas a María Pita. Só nos debemos á xente, aqueles que apostaron pola Marea fixéronno sen agardar nada a cambio, solo un goberno honesto, responsable e que tivese as prioridades claras.

-Cando fala de gobernar para o 99% e de non lle ter medo ao 1%, ese poder fáctico que foi até o de agora o maior problema, dá a entender que o que chega a gobernar faino pagando peaxes?

-Evidentemente. A nosa foi unha aposta pensada. Non buscamos o favor de ninguén para chegarmos aquí e fixémolo conscientemente, sabendo que iso nos podería custar as eleccións. De nada serve chegar facendo trampas ou buscando apoios, porque eses son favores que debes e iso condiciona a política. Nós non temos ningún condicionamento para gobernar nestes momentos, non lle debemos nada a ninguén e podemos poñer o Concello ao servizo da xente, que é para o que nós queriamos gañar. Non tiñamos ningunha intención de ostentarmos cotas de poder cando nos metemos nisto, o que queriamos era cambiar a cidade, as políticas e o xeito de gobernar. Esas eran as nosas intencións e niso imos traballar.

-Chegan sen deberlle nada a ninguén, pero van recibir unha herdanza, teme que o PP, sabendo que non vai gobernar, intente pechar contratos ou deixar cousas feitas ao seu xeito?

-Pareceríame un escándalo que despois dos resultados electorais se aproveitasen destes días de interinidade para comprometer gasto, contratos e as políticas da próxima Corporación municipal. Sería unha irresponsabilidade.

-Negreira entrou queixándose desas herdanzas.

-Xa vimos que moitas das cousas das que se queixaba Negreira cando estaba na oposición non tivo ningún problema en facelas cando estivo no goberno.

-Entre as cousas que lles quedan en herdanza está unha que nunca se lle perdoou ao BNG no goberno de coalición co PSOE, que mantivese os touros. Na Marea están integrados grupos abolicionistas, pode ser motivo de desunión dentro do partido?

-Non. A Marea ten moi claro o seu posicionamento nos touros como o ten no resto do programa. Veremos que se pode facer co contrato deste ano, imos estudar que custo ten para as arcas municipais e, se é asumible ou non. Non imos actuar irresponsablemente nin imos malgastar o diñeiro público por aprobar unha medida efectista. A nosa intención é que non haxa corridas de touros na Coruña sufragadas con diñeiro público, directa ou indirectamente, veremos se o podemos conseguir.

-As corrida de touros comezaron como reclamo turístico, que modelo de festas ten a Marea para que sirvan de reactivación económica?

-Hai que estender as festas pola cidade. Antigamente a xente ía de barrio en barrio polas festas, podemos buscar vías como especializalas para que en cada barrio pase algo diferente e que sirvan de foco de atracción.

-Outra das cousas que non se lle perdoou ao bipartito foi que non se aplicase a lei de memoria histórica e que non se defendese máis o galego.

-Hai que cumprir a lei. Non me parece nada revolucionario. En canto ao galego, hai que promocionalo creando espazos amables nos que facelo. Hai que tratalo con naturalidade. O alcalde falará en galego con normalidade, como fixo até agora. As miñas intervencións nos plenos e as dos concelleiros da Marea serán en galego.

-Hai 25 medidas que prometeron poñer en marcha nos primeiros cen días, como o farán?

-Pois empezando polo principio, rebaixando os salarios á Corporación no primeiro pleno. Levamos toda a mañá facendo as contas para iso, cantas dedicacións exclusivas hai, canto hai para os outros partidos...

-A redución dos salarios afecta tamén aos directivos das empresas públicas?

-Por suposto. Se un concelleiro do Goberno está ocupando un posto no consello de administración dunha empresa pública iso faino como concelleiro, non no seu tempo de lecer. Un traballo, un salario.

-O director de Emalcsa cobra máis de 100.000 euros ao ano.

-É un escándalo, cando temos unha rede de saneamento que fai verquidos á ría do Burgo. Parte dese diñeiro podería empregarse en rebaixar as tarifas ou en mellorar a rede de saneamento.

-Como se vai cambiar a xestión dos servizos públicos por parte de empresas privadas que, estes anos, colocou á Coruña no mapa da corrupción?

-Con transparencia, que toda a documentación sexa pública así como tamén os contratos, para que exista un control da cidadanía e da prensa. Intentando tamén incluír métodos de xestión de recursos públicos que impidan a súa mercantilización. É fundamental que ninguén poida ver na xestión dos servizos públicos un xeito de enriquecerse, porque se acaban estas historias.

-Cal debe ser a prioridade dos beneficios das empresas públicas?

-Emalcsa está cobrando polo servizo máis do que vale e, aínda así, descapitalízase porque se están a repartir máis beneficios que os que se xeran e iso utilízase para Smart City, Coruña Futura ou a copa do rei de baloncesto. Hai que pensar en se nós temos que pagar iso co recibo da auga cando hai xente que non pode pagar a tarifa porque non lle chegan os ingresos. É un dos problemas básicos, ninguén sabe exactamente para que serve Smart City. Non sei se é un erro de comunicación ou que non vale para moito máis que para saber o tempo ou que o rego do monte de San Pedro se encenda só. Ben empregada é unha ferramenta que pode ter moito uso para cousas que nós propoñemos, como transparencia ou participación cidadá. Eu creo que se poden gastar os cartos con máis sentidiño.

-Que vai pasar con eses proxectos?

-Veremos, primeiro temos que saber como quedan as cousas e estudar documentación á que até o de agora non tivemos acceso, facer unha auditoría para decidir como as reconducimos. O diñeiro que se gaste ten que ter unha utilidade social, non se pode usar para que se enriquezan as empresas dos amigos nin para autobombo do Concello.

-Negreira acusou en moitas ocasións ao goberno precedente de deixarlle facturas nos caixóns, como cre que vai recibir a Marea o Concello?

-As facturas están nos caixóns agora. Os datos de pago a proveedores son malos. Temos un problema de xestión no Concello e temos que empezar a xestionalo ben. Nós imos abrir as fiestras e imos dicir como está a situación.

-Non ter ensinado as contas, foi un dos grandes erros de Carlos Negreira?

-Non sei por que non o fixo se porque non atopou nada ou porque non quixo, pero a falta de transparencia si que foi un erro.

-O funcionariado pode axudarlles moito ou poñerse na súa contra.

-O Concello ten un funcionariado moi preparado, responsable e que quere que as cousas se fagan ben e, en moitos casos, farto xa de como funcionaban as cousas. Vai ser un activo para a Marea.

-No programa contempla a revisión do PXOM para manter aos veciños de Elviña afectados polo ofimático nas súas casas, poden estar tranquilos agora que a Marea é a lista máis votada?

-Por suposto que si. Nós os compromisos electorais ímolos cumprir na medida das nosas posibilidades, xa que igual hai cousas que non se aproban no pleno, porque non só depende de nós.

-Aquí sempre se fala da área metropolitana pero non se dan pasos decisivos, que van facer neste aspecto?

-Nós imos traballar nisto, sen liderar nada, sen necesidade de impoñer, pero falando e vendo como nos podemos incorporar a unha rede de concellos que cooperen entre eles para mellorar a vida dos cidadáns.

-Boa parte do estancamento foi porque A Coruña non levou a iniciativa, vaina levar a Marea?

-Si, intentando colaborar en pé de igualdade co resto dos concellos.

-Ao ser unha forza nova que non ten aliados nos concellos limítrofes teme que se paralicen proxectos en clave de comarca?

-Isto non é cuestión de intereses partidistas e nós temos que traballar co interlocutor que haxa. A xente xa non está disposta a seguir aturando que as administracións se usen de maneira partidista.

-Como se pode mellorar a xestión do aeroporto de Alvedro?

-Deixando de competir cos que están ao lado e axudándose uns aos outros.

-Nesta cidade temos a experiencia de que, en urbanismo, deixan a pegada nos plans xerais sempre os mesmos.

-Si, é certo, pero nós non temos que usar o chan público para favorecer os intereses que nos trouxeron até aquí. Usaremos o chan para mellorar a calidade de vida da xente e para facilitar as políticas de vivenda. A nosa proposta é de urbanismo sostible, sen grandes desenvolvementos e facendo espazos de lecer. Esa era a nosa proposta para os terreos do porto e parece ser que tamén a do PP o día antes das eleccións, coma na Torre. Iso é estupendo, porque non haberá problemas no pleno para aprobar estas medidas.