Lendo o programa electoral do BNG, hai moitas propostas que son as mesmas hai anos. Rehabilitación de vivenda, apoio ao pequeno comercio...

Hai propostas que veñen de mandatos anteriores, que defendemos dende sempre. O BNG acaba de cumprir vinte anos na Corporación, entramos no 99. Hai que dicir que en moitos temas servimos de viveiro de ideas, que despois outros partidos collen como temas estrela seus, o que significa que eran boas ideas. Un comerciante de Santa Cruz dicía, sobre medidas á hostalaría: Que teña que vir o BNG a defender isto... porque somos os únicos que nos movemos por dinamizar o pequeno comercio.

É un dos temas polos que máis teñen pelexado.

Polo comercio Alternativa non fai máis ca mítica partida de 12.000 euros para a Feira do Mel. Dende que nós lle insistimos empezou a poñer nos paneis luminosos o de Mércao en Oleiros. Habería que sacarlle máis zume ao centro de formación, que sexa un catalizador máis ambicioso, por exemplo para crear empresas de economía social e cooperativas. E facer feiras, outlets coma os de O Temple ou Vilaboa que teñen moitísimo éxito, pero aquí os empresarios van pedir apoio para isto e atópanse co non.

Ao final o que sempre está en auxe é a construción, en Santa Cruz é un boom, ata pisos de medio millón, non sei se accesibles aos veciños de sempre.

Hai un proceso de xentrificación moi preocupante. Eu cando me independicei, por un cuarto sen ascensor no centro de Santa Cruz pagaba 480 euros sen praza de garaxe e agora non atopas nada por menos de 600. Os mozos que queren independizarse non poden vivir en Oleiros. Está cambiando tamén o perfil de turista, antes case familiar, viñan andaluces, madrileños, todos os anos, participaban na vida da vila, na Semana Cultural. Agora, con estes hoteis, vai ser outro tipo de turismo. Nós no programa levamos o de estudar impoñer unha ecotaxa aos hoteis.

Propoñen remunicipalizar servizos, cales?

Dicimos non tanto que se faga como que se estude a posibilidade e a viabilidade, queremos ser prudentes, que cando remate un contrato os técnicos estuden canto custaría asumilo. En Oleiros está todo privatizado, ata os monitores de sendeirismo.

Imaxinemos que Fran Rei se convirte en alcalde. Que medidas serían as urxentes?

Primeiro unha rolda de reunións con todos os colectivos sociais, política de diálogo con todos para ver as súas necesidades, tamén co persoal municipal. Despois, reducir o gasto do goberno, parécenos moi caro, asesores, publicidade directa e indirecta, financiación de medios privados con cartos municipais... Non todos os concelleiros teñen que estar liberados a tempo completo. Urxente tamén sentarse con servizos sociais, funcionan moi ben pero pódese mellorar. E revisar o Plan de Igualdade, que é de 2015. Daríamoslle outra volta ás políticas de igualdade, que se centran no individual cando debe ser algo colectivo, máis acorde co que demandan colectivos feministas.

Por que votar ao BNG?

Porque é unha forza que en Oleiros demostrou que move, escoita, dialoga, dende a humildade e a honestidade. Interesa ter máis forza, máis votos, para ter máis concelleiros. Aspiramos sobre todo a ter máis forza para poder facer máis cousas, ter máis tempo para atender á xente, chegar a máis sitios, ser máis útil á xente.

Levan vinte anos e nunca pasaron dun concelleiro. O obxectivo é dobrar?

Non, nunca o conseguimos. O BNG xa tivo responsabilidades de goberno e penso que non o fixemos mal, aínda hoxe seguen proxectos nosos coma o Oleiros en Forma, o modelo único das terrazas, o plan de dinamización turística, aínda que se meteu despois nun caixón. Fixéronse políticas xuvenís por primeira vez, un servizo de Normalización Lingüística, os premios Xulio Dans.

O BNG comparte electorado con Alternativa, como compite?

Nestes catro anos dedicámonos a darnos a coñecer, facer ver que se pode construír un BNG máis apegado á vida cotiá, ás comisións de festas. Penso que a xente de Alternativa pode chegar a reprantexarse o voto porque vexo moitos que lles gusta o BNG e o que eu falo nos plenos, sen entrar no insulto. Moita xente vota a Alternativa porque non coñece outra cousa, non teñen outra referencia. Tería que facer autocrítica, nós non soubemos facer iso, estar nas festas, coas asociacións de veciños, os clubes. O gran éxito de Alternativa é que isto o coidou sempre. Pero eu dígolles aos meus compañeiros que é como a campaña de Allende, tardou corenta anos en ser presidente.

O PP acusouno varias veces de ser a muleta de Alternativa por apoiarlle moitas propostas.

Xa o dixemos dende o primeiro, íamos ser os primeiros en apoiar sempre as cousas que entendemos que son boas para Oleiros, veñan de onde veñan, tamén cousas do PP e do PSOE. E tamén fomos os primeiros en criticar o que non nos gustaba, nós sí que somos independentes. Non se sae da polarización, Gelo que malo é, ou Q ue ven o PP, é tempo de ir rompendo esa dinámica. A xente ademais creo que está cansa, demanda outro xeito de facer política, ideas novas. E o PP tamén é muleta de Alternativa cando lle interesa, que no tema da vía ártabra están xuntiños.

Todos, menos Alternativa, levades o das áreas caninas.

Nos propuxemos modificar a ordenanza e adaptala nunha moción. Para Alternativa non é unha prioridade, pero é unha realidade social, o can agora é un membro máis da comunidade. Teñen que ter áreas, igual que xestionar as colonias felinas. A única política animal aquí é pagar a cota da lacería do Consorcio.

ORA si ou non?

Estamos a favor dun aparcamento regulado, non a lei da selva, pero con zona de residentes. En Mera hai un problema moi grave no verán que denuncian os veciños hai anos, e non se arranxa coa parcela de Curros Enríquez, unha lameira cando chove. E o que se gaña coa ORA debía ir para dinamizar a economía local, facer rutas gastronómicas que funcionan moi ben, por exemplo en Alfaroleiros. Non sei por que non se fai, non hai creatividade.

Que coche ten?

Un Peugeot 307 familiar herdado de meu padriño, automático.

Afeccións?

O cine, saír, pasear, gústanme as festas e son moi futboleiro.