"Foron catro anos perdidos para Betanzos. Nin temos mellores servizos nin avanzamos na recuperación do patrimonio, que é o que nos pode facer avanzar e crear riqueza, emprego e benestar". O candidato do BNG, Henrique del Río, fai un negro balance da lexislatura. O nacionalista di ter con todo "pequenas satisfaccións".

"Conseguimos pór punto e final á ORA ou incluir no Plan de Obras a rehabilitación do convento das Donas. Son pequenas victorias que animan e que evidencia que se ao final todo o mundo as acaba asumindo, será porque as propostas que fai o BNG son as que precisa Betanzos para avanzar", sostén.

Del Río afirma percibir "simpatía e boa acollida". "Vemos que hai ganas dunha alternativa", di. Consultado sobre as prioridades máis urxentes, o proxecto que si ou si debe executarse no próximo mandato, o candidato apunta ´á remunicipalización de servizos e ao patrimonio. "É o proxecto estratéxico de futuro que ten esta cidade", apunta o nacionalista, que di que unha das súas primeiras medidas se entra no Goberno será contratar o proxecto do Pasatempo e traballar na rehabilitación do casco histórico: "É aí onde está a oportunidade de crear riqueza, emprego, servizos e desenvolver o potencial que ten Betanzos"